Que nos escoiten berrar!

Rodrigo Brión Insua

Os bos e xenerosos
A nosa voz entenden
E con arroubo atenden
O noso rouco son,
Mais sóo os iñorantes
E féridos e duros,
Imbéciles e escuros
Non nos entenden, non. 
(Himno de Galicia)


O maior erro de Sabela, Olaya e Aida foi facernos crer que non hai fronteiras. Arre cona se as hai. As catro paredes da nosa mente son o primeiro límite municipal, e o máis difícil de sortear. Máis aló diso, é territorio ignoto. Todo o que sexa pensar fóra da caixa supón un esforzo e un risco que nos custa asumir. Basta con ignorar a aquel que se sae da liña de puntos. Mellor o malo coñecido. Se, xa total, pouco ou nada importa cando o obxectivo non é gañar. Non é nin competir. Conformámonos con non desentoar, con pasar outro ano máis por baixo do radar. Ou iso é o que dan a entender os expertos? que formaron o xurado do Benidorm Fest e que apartaron a Tanxugueiras e a uns cuantos millóns de galegos de Eurovisión. Porque iamos con elas. En cada palabra da súa boca. En cada punto do seu baile. En cada ferreña da súa pandeireta. Turín, tan preto, tan lonxe…


Aviso: o que asina estas liñas non é un Eurofan. Tampouco entende tanto de música como para que o seu xuízo quede cincelado en mármore. Nin sequera lembra quen ou quen cantaron ou deron o cante o ano pasado. Pero si entendo de bochornos. Levo toda a vida practicándoos. E a participación de España en Eurovisión véno sendo desde… En realidade nin o sei. Como todos, recordo a Rosa -a artista anteriormente coñecida como ‘Rosa de España’-, a Beth…e a Chikilicuatre, unha broma pesada que non o foi tanto. D’Nash? Barei? Non coñezo. Manel Navarro si me soa. É o do galo, non? Ou era unha granxa de pitos? Ou é o de ‘Algo pequeniño uo uo uo’?


Existe a teoría de que a RTVE non lle interesa gañar Eurovisión, porque logo acoller o festival é un pifostio. Hoxe cobra sentido. España parece teimuda en repetir os éxitos dos demais, en ir sen risco e cumprir coa papeleta, esperando ao ano que vén para aplicar a fórmula dos gañadores da edición anterior. Que gana Salvador Sobral? A Portugal mandamos unha pastelada. Se triunfa algo rumbosito? Pois que vaia unha charanga. Este ano, en principio, tocaba boy band rockeira, pero mellor non correr riscos e mandar a unha JLo de Hacendado, con estreitos vínculos con algúns xuíces e unha maquinaria detrás que mide ao milímetro as reviravoltas desta industria. Que si, que somos latinos e gústanos mover o buyas. Se xa o sabemos. Por se en Reino Unido ou Letonia non se cheiraban a torrada. Ah, e a canción de Chanel non pensen que sae da súa propia man. Ata iso está calculado.


A proposta de Tanxugueiras, atrevida, mesturando tradición con tendencias, cunha estética e coreografía coidada, cunha letra que fala das que estiveron antes que elas e as que virán, e da comuñón dos pobos, e de como os límites marcámosnolos/marcámonolos nós…Iso non. Tampouco Rigoberta Bandini e o seu himno feminista. Non vaiamos facer política en Eurovisión, onde participan Israel e Australia. Faltaría máis. Non, mellor eliximos un pouco de “Apenas fago doom, doom, co meu boom, boom, e téñolle dando zoom, zoom”. Olé aí! Garcilaso! Porque a letra ‘Terra’ igual fainos pensar, e iso neste país é sinónimo de perigo.


A cousa é que, como ocorre sempre nisto da democracia, a vontade do pobo tampouco é que importe moito. Os que mandan, os xuíces, xurados e verdugos, eses son os que din se A ou se B, coa falsa ilusión de que houbo opcións realmente. Os verdadeiros gañadores acaban sendo as compañías telefónicas. Tamén é certo que non hai nada máis español que ir ás urnas para saír dicindo: “Que cona acaba de pasar?” e logo odiar ao gañador. Está a cousa como para que a xente desconfíe aínda máis da utilidade do voto. En Galicia, con todo, xa nin nos sorprendemos. Chámase caciquismo, e levámolo no ADN. 


E mentres, hai unha comunidade autónoma e media España -a outra media está representada, aparentemente, por cinco persoas con toga- que chora a oportunidade perdida de levar ao corazón do Vello Continente un pouco de folclore galego. Pero agárrense, que veñen curvas. Se xa despois do ocorrido nas semis a Terra respondeu cun terremoto, non me quero nin imaxinar o que ocorrerá mañá. Isto non acaba aquí. Xente, ide preparando os osiños! Que nos escoiten berrar!


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE