O PSdeG tamén critica as declaracións de Garzón sobre as marcrogranxas e aplaude a "calidade" da carne galega
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou este venres a "calidade da carne galega", recoñecida a nivel nacional e internacional e tachou de "moi desafortunadas" as declaracións efectuadas polo ministro de Consumo, Alberto Garzón, sobre o sector.
"Estamos a falar dun sector estratéxico para Galicia, que aposta polas explotacións familiares e que a súa sustentabilidade depende de moitos factores, polo que debemos evitar expor calquera tipo de dúbida aos consumidores", afirmou durante unha visita a unha explotación gandeira de produción carne en Guitiriz.
Acompañado polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e a alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira, entre outros socialistas, asegurou que o PSdeG está por "defender o sector primario galego, o sector gandeiro que emprega a tantos miles de familias na contorna rural". "E se non queremos que se baleire definitivamente, temos que ser moi coidadosos con preservar a actividade económica que lle dá a vida", afirmou.
Ademais, puxo en valor a Lei de Cadea Alimentaria recentemente aprobada polo Goberno de España, "unha lei que permitirá que agricultores e gandeiros reciban retribucións xustas" e sinalou que o novo regulamento "impedirá vender por baixo do prezo de produción, atendendo a unha das demandas históricas do sector".
"A visita de hoxe permítenos coñecer 'in situ' as esperanzas que a Lei xera para o sector primario, estratéxico en Galicia. A cuestión agora está no desenvolvemento do seu regulamento e desde o PSdeG estaremos vixiantes para que se cumpra", afirmou.
Pola súa banda, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, agradeceu "o compromiso de Valentín co sector primario nun momento especialmente delicado, no que o incremento da enerxía, os fertilizantes ou os pensos colocan á inmensa maioría das pequenas e medianas explotacións familiares galegas nunha posición delicada", levándoas a unha situación de "venda a perdas".
Roberto García sinalou a "boa vontade" da Lei de Cadea Alimentaria aprobada polo Goberno pero pediu póidaselle engadir algo "tan imprescindible como é un criterio obxectivo para determinar os custos de produción". "Que a lei nos de a razón é importante, pero que despois haxa instrumentos para facer cumprir a lei é aínda máis importante", remarcou.
Ademais, asegurou que a media de vacas por explotación en Galicia é de dez animais por granxa, polo que asegurou que o debate "aquí non é macrogranxas si ou macrogranxas non". "Non podemos pedir a un gandeiro que non incremente a súa produción se co que vende non lle chega para sacar o salario mínimo. Para garantir a sustentabilidade ambiental hai que garantir a sustentabilidade económica", afirmou.
Finalmente, pediu que "non se criminalice" á produción de carne e instou á Xunta a diferenciar a "suprema co resto de carnes para que o consumidor poida elixir carne de calidade" e faga "cumprir a Lei de Cadea Alimentaria".
Escribe o teu comentario