Dous anos de pandemia

Manoel Barbeitos
Economista

Unha das maiores e decisivas incógnitas coa que nos enfrontamos neste ano 2022 é a de se seremos quen de deixar atrás definitivamente a pandemia da COVID-19 e recuperar a normalidade perdida. Unha incógnita decisiva por canto non haberá auténtica recuperación económica sen antes superar a pandemia.


A día de hoxe, a situación está moi lonxe de camiñar a esa normalidade tan desexada. Segundo expertos e científicos estamos nunha fase ascendente da pandemia, sen que alcanzásemos aínda o pico de contaigos, cun intenso repunte que se reflicte, por caso, nun dispararse das incidencias con crecentes novos contagios e numerosos casos activos. Estamos ademais baixo o risco real da aparición de novas variantes, que se sumarían ás alfa, beta, gamma, delta e ómicron detectadas en Reino Unido, Sudáfrica, Brasil, India e, de novo, Sudáfrica, que puxeron en evidencia o imprevisible das mesmas.


Que está a pasar? Como é posible de que isto suceda cando as vacinas, un enorme logro científico, están a demostrar a súa efectividade? Para avanzar as respostas empecemos reparando en que as novas variantes apareceron maioritariamente en estados con moita poboación pero cun nivel de vacinación moi baixo. Así, do catro anteriormente citados, en Sudáfrica a taxa de vacinación con pauta completa é do 26,5%, na India do 44,1% e en Brasil do 67,5%. Cifras que poñen en evidencia como nos estados do Sur, os menos desenvolvidos pero con maior poboación, o ritmo de vacinación é aínda moi baixo (en España está no 80,4%) cando xa levamos dous anos de pandemia.


Un baixo nivel de vacinación que, por caso, pon en evidencia a enorme discriminación da mesma a nivel mundial. Unha situación que vén provocada polo comportamento de as grandes industrias farmacéuticas, que actualmente controlan monopolisticamente a produción e comercialización das vacinas grazas ás súas patentes, que lle impiden aos países do Sur, como por caso sucede coa India e Sudáfrica, a fabricación das súas propias vacinas. Un dominio que se ve favorecido polas políticas públicas dos gobernos do Norte, como por caso sucede coa Unión Europea, que protexen esas patentes que non só permítenlle ás grandes industrias farmacéuticas o control monopolístico da produción e a distribución das vacinas senón tamén a fixación dos prezos.


Velaí a causa principal de que non se poña freo a pandemia da COVID-19: a escaseza de vacinas a nivel mundial (a finais do ano 2021 só o 8,6% da poboación africana contaba coa pauta completa) por mor das razóns anteriormente apuntadas. Deixar a saúde en mans privadas ten consecuencias como as que estamos a ver: que os intereses privados -máxima ganancia- primen por encima da vida das persoas.


Un apuntamento máis: si, a nivel mundial, a escaseza de vacinas está a ser a causa principal da prolongación da pandemia o diferente estado de servizos públicos de benestar fundamentais, como, moi especialmente a atención sanitaria, tamén está a favorecer que a pandemia compacte de forma moi dispar nos distintos estados e comunidades occidentais con maiores problemas naqueles que os teñen máis deficitarios. Véxase por caso en que situación de saturación e desborde atópanse actualmente a maioría das atencións primarias de España (Galicia, Madrid, Valencia...)


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE