É insostible o sistema público de pensións?

Manoel Barbeitos
Economista

O argumento máis utilizado polos negacionistas do sistema público de pensións é o relacionado coa evolución da pirámide demográfica da poboación española, a esperanza media de vida e a natalidade. Unha evolución que levaría a que o número de beneficiarios e beneficiarias creza a maior velocidade que o de cotizantes, o que estaría a disparar o gasto moi por encima dos ingresos, incrementando o déficit e facendo insostible o sistema. Un argumento que oculta varias realidades.


A primeira é que aínda que é certo que crece a esperanza media de vida, isto non implica que o faga a igual velocidade ao número de persoas posibles beneficiarias das pensións públicas. Así, por caso, se analizamos a evolución da poboación española no presente século (2000-2020) atopamos as seguintes evidencias empíricas. En primeiro lugar que o número de activos crece o dobre que o de maiores de 65 anos. Segundo, que a relación entre os activos e os maiores de 65 anos ten unha caída apenas relevante (0,01% anual). Datos ambos que confirman rotundamente que non hai, de  ningunha maneira, un problema demográfico que, de habelo, é de empregos.


A segunda realidade que os negacionistas ocultan é que os ingresos do sistema público de pensións dependen tanto do número de cotizantes (empregos) como das bases de cotización (salarios). Que os salarios deberían estar relacionados coa evolución da produtividade da economía (a riqueza) que no que vai de século XXI incrementouse nun 145%. Un incremento de produtividade que se produce á vez que os salarios perden peso na riqueza global (caeron 1,5 puntos) o que indica que as ganancias derivadas dos incrementos da produtividade van ás rendas de capital. O problema logo, de habelo, está nos salarios e nas cotizacións por parte dos empresarios.


Empregos, salarios e cotizacións que dependen das políticas públicas. Non cabe a menor dúbida de que son as políticas públicas neoliberais aplicadas nas últimas décadas, con baixos salarios, empregos precarios e rebaixas nas cotizacións empresarias, quen está debilitando o sistema público de pensións. Non é, por tanto, un problema demográfico, senón político.


Outra realidade, non menor, é a que fai referencia ao gasto público en pensións.  A pesar do forte incremento habido nas últimas décadas, España segue sendo un dos estados da eurozona (UEM) que ten un gasto por baixo da media (12% PIB fronte a unha media na UEM do 13,2%, un 15% en Francia, un 13,4% en Italia, un 13,5% en Portugal,  ou un 12,5% en Alemaña). Non é verdade, por tanto, que o gasto público sexa excesivo e que non haxa recursos públicos para manter o sistema: España non só conta cos suficientes recursos para manter o actual sistema senón mesmo para melloralo. Por caso, os cálculos que se están manexando da evolución do gasto en España apuntan a un 15% do PIB no 2050 (!!!) que seguirá estando por baixo do que hoxe en día dedican non poucos estados da eurozona. Diante destas evidencias cabe preguntarse, por que España non pode dedicar os mesmos recursos públicos as pensións que os estados europeos da nosa contorna? Se dedicase o mesmo porcentaxe á vez que crece a riqueza non habería tamén máis recursos públicos para págalas pensións?


Non menos relevante resulta sinalar que se, neste momento, as pensións fináncianse coas cotizacións, que impide que no futuro, e tal como sucede en varios estados europeos, non se financien complementariamente con algún tipo de imposto extraordinario como, por caso, unha taxa as grandes fortunas e patrimonios cuxa riqueza non para de crecer?


Finalmente resulta oportuno subliñar que os negacionistas que sosteñen a inviabilidade do sistema público de pensións son os mesmos que defenden os sistemas privados de capitalización. O argumento é que estes plans de aforro privados serían máis seguros e rendibles que o sistema público algo que as evidencias dos últimos anos, coas crises financeiras  sistémicas, desmenten rotundamente.


Por todas estas razóns está moi claro que estamos diante dunha decisión política, non demográfica ou financeira. Que o mantemento, ou non, dun sistema público de pensións en España depende exclusivamente de decisións políticas como subliñaba no artigo anterior. Decisións políticas que derivan de opcións ideolóxicas que non de razóns científicas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE