Unha información manipulada e mutilada

Manoel Barbeitos
Economista

"Nun estado  totalitario non importa o que a xente pensa, posto que o goberno pode controlala pola forza empregando porras. Pero cando non se pode controlar a xente pola forza, un ten que controlar o que a xente pensa e o medio típico para facela é mediante a propaganda, marxinando ao público en xeral e reducíndoo a algunha forma de apatía"  (Noam  Chomsky: "As 10 estratexias de manipulación mediática").


As caladas -polo silencio que gardan a maioría dos medios de comunicación e información galegos- de os traballadores da CRTVG seguen protestando polo que consideran unha manipulación da información neses medios así como unha falta de pluralidade.

Imposible non estar de acordo con estes traballadores que, na defensa da dignidade da súa profesión, levan 180 venres manifestándose ("venres negros"). O caladas pero cun admirable valor -moitos e moitas se están xogando o seu posto de traballo dada a elevada precariedade laboral que existe nestes medios- e non menor honradez profesional -defenden tanto a importancia da súa profesión como o dereito dos cidadáns galegos a recibir unha información obxectiva, independente e crítica-. Un dereito que nos negan os directivos destes medios, postos a dedo polo partido que goberna a Xunta de Galicia (PPdeG) en función do seu grao de servilismo.


"Manter a atención do público distraída, lonxe dos verdadeiros problemas sociais, cativada por temas sen importancia social"(Noam Chomsky)). Que a información fornecida pola CRTVG é unha información manipulada resulta indiscutible. Por caso, a cobertura informativa sobre a "actualidade política" resulta vergoñosa tanto polo seu descarado partidismo a favor do PPdeG canto polo tratamento descalificador que reciben os partidos da oposición (BNG, PSdeG/PSOE...). O espectador e o oínte reciben así unha información manipulada e mutilada: manipulada en tanto se ofrece a visión da realidade política e social que quere transmitir o PPdeG e mutilada en canto isto supón unha ocultación de todo o que poida aparecer como negativo para este partido. Nesta dirección a información que se ofrece dos partidos da oposición vai sempre dirixida ben a  minusvalorar as súas actuacións; ben a criticalas con argumentos que lle fornecen desde o partido do goberno. Unha práctica informativa que pon en evidencia a total falta de pluralismo nestes medios. Un formato informativo que, aos que xa temos unha certa idade, lémbranos aos NODOS do franquismo que trataban tanto de ocultarlle aos cidadáns os verdadeiros problemas canto de quitarlle calquera carácter social ou político aos temas que podían preocupar a maioría.


"Canto máis se tenta buscar enganar ao espectador máis se tende adoptar un ton infantil" (N. C.). Esta falta de pluralismo e obxectividade afecta á propia calidade da información fornecida. Unha falta de calidade e rigor que se pode aplicar a practicamente toda a programación da CRTVG con moi poucas excepcións. Se a información sobre a actualidade política destaca polo seu descarado partidismo e falta de obxectividade e de rigor, o resto da información caracterízase tanto por unha  indiscutible ausencia de calidade como por  unha querenza pola visión máis rancia á vez que infantil dos galegos e galegas.


"Promover ao público para crer que é moda o feito de ser estúpido, vulgar e  inculto" (N. C.). Os malos tratos que a cultura galega recibe nos medios da CRTVG pode provocar hasta indignación en todos aqueles que pensamos que temos unha cultura rica, heteroxénea, plural e moi viva. Nada disto reflíctese nos medios públicos que apostan por presentar unha cara provinciana, vulgar e mesmo basta da cultura galega que contribúe a expandir a imaxe dunha Galicia ancorada no pasado e incapaz de renovarse. Unha Galicia inculta.


Dicía Joseph Goebbels, un dos maiores propagandistas do nazismo, que unha mentira repetida mil veces finaliza sendo aceptada como unha verdade. Uns medios públicos manipulando a diario a realidade política a favor de interéselos partidistas de quen goberna e propagando unha cultura unidireccional, conformista, infantil e carente de espírito crítico contribúen decisivamente a que a cidadanía chegue a aceptar que "vive no mellor dos mundos posibles", fágase conservadora e non cuestione o statu quo.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE