O Tribunal Supremo anula o ERE de Alcoa en Cervo confirmando a sentenza do TSXG
O Tribunal Supremo tira por terra o recurso da multinacional logo da primeira sentenza de o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulaba o ERE na planta.
O TSXG consideraba que Alcoa actuou "de mala fe" nas negociacións nun intento de "apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible".
Protestas en Alcoa San Cibrao | Foto: EP
O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o expediente de regulación de emprego (ERE) que Alcoa pretendía executar na planta de San Cibrao, en Cervo (Lugo).
Os maxistrados da sala do social do Supremo reuníronse o pasado mércores día 20 para deliberar sobre o recurso que interpuxo a multinacional contra a anulación do ERE, que afectaba a máis de 500 traballadores. Coa súa decisión, coñecida este xoves, desestiman o recurso de casación interposto polo Grupo Alcoa Inespal.
No seu día, o TSXG decretou nulo o ERE de Alcoa ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa, cuxo "fin único e primordial" era "apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible".
"Agora só queda saber que vai facer o Goberno. Dunha vez por todas vai tomar cartas no asunto e defender os dereitos laborais de todos os traballadores ou vai seguir mirando para outro lado mentres Alcoa segue actuando de mala fe un día tras outro? Alcoa ten que saír deste país e a única forma que hai chámase SEPI", aseverou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.
Neste sentido, valorou que quen tiña razón eran os traballadores "e non a empresa, que quixo aplicar un despedimento inxusto". "Só a posición de toda unha comarca e dos traballadores, que sempre creron que a solución era seguir producindo, foi a que conseguiu que o Supremo ratifique que foi unha auténtica vergoña todo o que pasou", concluíu.
Pola súa banda, a CIG acolle "con enorme satisfacción" o auto e precisa que ratifica "en todos os seus aspectos" a sentenza pola que se declarou a nulidade do ERE de Alcoa, "tirando abaixo punto por punto o recurso da empresa".
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, hoxe "vólvese a confirmar xudicialmente a razón que asiste aos traballadores na súa loita contra os despedimentos e o peche da fábrica". "Alcoa debe tomar nota, dar un paso atrás e permitir unha solución que garanta a continuidade produtiva e de todos os empregos", afirma.
En canto aos gobernos central e galego, "teñen a obrigación de aplicar esa solución, procedendo á intervención pública da factoría", incide.
Noutra nota de prensa, UXT-FICA-Galicia aplaude a confirmación do TS e engade que "a loita polo futuro de Alcoa non termina aquí", para avogar por "seguir traballando entre todos polo futuro da factoría".
"As administracións deben implicarse e coordinarse na procura dunha saída para unha fábrica que si ten futuro", incide esta organización.
Nun comunicado, por último, o comité apela á prudencia, tendo en conta que o Supremo indicou que "nos próximos días coñecerase o texto completo da sentenza da Sala do social" do tribunal.
Escribe o teu comentario