(VÍDEO) 'Negro Púrpura', un documental sobre drogas, bailes frenéticos e porcos borrachos polo cornezuelo galego
A cinta, baixo a dirección de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva da produtora 'Illa Bufarda', fai un percorrido ás historias que rodean ao cornezuelo, un fungo que crece no centeo.
A cinta, baixo a dirección de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva da produtora 'Illa Bufarda', fai un percorrido ás historias que rodean ao cornezuelo, un fungo que crece no centeo.
Desde a antiga Grecia ata a orixe do LSD, 'Negro Púrpura' repasa algunhas das historias que este fungo deixou no rural galego, onde moitos se enriqueceron vendendo este alucinóxeno.
Cando preguntamos sobre o ouro negro, o normal é que a cabeza se nos vaia ao petróleo, ou á trufa, ou xa na literalidade máis absoluta á xoiería negra. Claro que, como con todo, depende da quen lle preguntes, porque se a cuestión vai dirixida a alguén do rural galego, ao mellor empeza a falar do cornezuelo. O fungo, que agarra no centeo, aínda que tamén noutros cereais e herbas, é o causante de moitos males, como a febre de San Antonio ou o baile de San Vito. Doenzas que teñen a súa orixe no cornezuelo, piar da antiga farmacéutica Zeltia e principio do LSD.
Todo isto nárrano os galegos e galegas que viviron toda a vida rodeados do centeo, co que cociñaban pans que, sen sabelo, facíanos viaxar, tal e como relatan ante as cámaras de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, directoras de 'Negro Púrpura', un documental estreado o pasado 24 de setembro que narra, co seu punto de psicodelia, todo o que rodea ao cornezuelo, tamén chamado caruncho ou grao de corvo.
O cornezuelo, polas súas propiedades alucinógenas, era un elemento moi reclamado en laboratorios de todo o mundo. Tanto é así que o químico Alberto Hoffman utilizouno para descubrir, sintetizar e experimentar co LSD, o que converteu ao fungo nun material moi cobizado e a Galicia nun dos seus principais exportadores.
Unhas empanadas de centeo provocaron unha epidemia de 'enfermidade do baile' no Barco de Valdeorras, farmacéuticas en feiras galegas en busca do ouro negro en plena posguerra, mulleres embarazadas que ou parían ou morrían ao inxerir o cornezuelo, bruxería no medievo e porcos bébedos son algunhas das moitas historias que se narran no documental, que se pode visionar nos cinemas Yelmo e Filmax da Coruña, no cinema Numax de Santiago de Compostela, en As Termas de Lugo e tamén no Yelmo de Vigo.
Escribe o teu comentario