Cando parecera que por fin estamos vendo a luz ao final do túnel da pandemia, na política galega as dereitas (PP) ensaian un novo discurso político que resulta un pouco extravagante pois estamos diante dun relato nacionalista a cargo dun partido claramente españolista como pon en evidencia a súa política lingüística.
Repasando as últimas declaracións públicas do señor Feijoo, presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, atopámonos coa novidade de que a hora de analizar as causas dos múltiples problemas que agochan a este país a responsabilidade é sempre de Madrid, do goberno español (PSOE/UP). Fronte aos enormes déficits de xestión en, por caso, o proceso de vacinación, as políticas industrial e territorial, o cambio climático, a pobreza e a exclusión social, a política sanitaria e de saúde, o emprego...a resposta volvese recorrente: a responsabilidade deses déficits é de aquel goberno.
Todo indica que en Galicia a pandemia vai deixar detrás de si un panorama, dende o punto de vista da produción e o emprego, bastante negro. Diante desta mais que segura evidencia trataríase de convencer a maioría dos/as galegos/as de que a responsabilidade está no lado do goberno español e non na alarmante incompetencia como xestor do goberno galego de torno que preside o señor Feijoo.
Parece evidente que neste novo rumbo táctico influíron decisivamente factores políticos externos como, por caso, a contundente vitoria da señora Ayuso (PP) nas eleccións autonómicas madrileñas. Vitoria que fortalece o peso daquela no Partido Popular (PP) ao tempo que pecha as portas ao desembarco do señor Feijoo na calle Génova. Nembargante tal vitoria electoral, que se pode ver acompañada pola vitoria do señor Bonilla (PP) nas eleccións autonómicas andaluzas, tamén consolida o peso das baronías rexionais no seo do Partido Popular en prexuízo do señor Casado e os seus directivos. Velaí que estás dúas circunstancias políticas poidan estar conducindo ao señor Feijoo e ao seu partido (PP de Galicia) a procurar acentuar o seu perfil rexional e, xa que logo, a orientar os seus discursos nesa dirección.
Seguramente que na construción deste novo discurso tamén teña influído a evidencia de que en Galicia o liderado da oposición aparece cada vez mais consolidado en mans da señora Pontón. Trataríase xa que logo de restarlle protagonismo no escenario galego e frear así o ascenso do BNG entre o electorado como vaticinan algunhas enquisas.
"Un presidente de Galicia que di que non ten nada a ver coa crise na Galicia, que non ten responsabilidade en nada do que acontece na Galicia. Entón.....para que serve? ...”. Pois igual serve, señora Pontón, para seguir gañando eleccións en Galicia, como lle serviu a señora Ayuso para gañalas en Madrid.
Un novo discurso que se apoia na negativa non so a reformalo actual Estatuto de Autonomía senón, incluso, a recibir novas transferencias pois non cabe dúbidas de que o marco estatutario actual, con grandes limitacións competenciais, facilita o discurso da aldraxe. Unha estratexia que poida que de réditos electorais pero que é mortal tanto para a solución dos moitos problemas que nos agochan canto a propia credibilidade da autonomía. Unha estratexia que conduce a que a xefa de oposición, a señora Ana Pontón, se pregunte "un presidente da Galiza que di que non ten nada a ver coa crise na Galiza, que non ten responsabilidade en nada do que acontece na Galiza. Entón.....para que serve?......”.
Pois igual serve. señora Pontón, para seguir gañando eleccións en Galicia, como lle serviu a señora Ayuso para ganalas en Madrid.
Escribe o teu comentario