​Os partidos de seleccións ou o coitus interruptus seareiro

Rodrigo Brión Insua

Imaxínese este menú: de primeiro acelgas, de segundo máis acelgas, e de sobremesa coulant de chocolate con xeado de vainilla e coroado cunha montaña de nata. Agora, imaxine que despois do empacho de acelgas, toca esperar 15 días para comer a sobremesa. Pois nesas estamos os afeccionados ao fútbol.


Despois dun longo inverno, o fútbol entra na súa recta final e decisiva. Por diante, dez partidos de liga para dirimir ao campión nunha competición que está máis emocionante que nunca, xusto cando Madrid e Barça parecían lanzar a toalla, merengues e azulgranas colleron impulso aproveitando que ao Atleti, por primeira vez na tempada, fraquéanlle as forzas. Por abaixo, a reacción de Elxe ou Huesca pode poñer en apertos a Xetafe e Cádiz, equipos que non pensaban verse a estas alturas pelexando pola permanencia, mentres que na zona media de Celta a Betis apenas os separan catro partidos. Europa a doce puntos, o abismo a un suspiro, o campionato a un tropezo, as espadas en todo o alto e, de súpeto, seleccións.


O calendario do mundo do fútbol é así de cortarrollos, capaz de deixarnos a medio po privándonos da éxtase ou co esbirro na punta do nariz todo o día. Xusto cando se empeza a animar a cousa, vai o fútbol de nacións e obríganos a ver un Portugal vs Acerbaixán (1-0 para as lusos grazas ao triste gol en propia porta dun futbolista de nome impronunciable). E é que este mes de marzo comeza a clasificación para o non tan afastado mundial de Qatar que, lembremos, xogarase no inverno, o que multiplicará o caos no calendario de partidos, xa que as tempadas sufrirán un parón que practicamente obrigará a programar a liga como se facía antes en Sudamérica, con torneos de Apertura e Clausura. E este verán, se a pandemia permíteo (xa se verá) hai Eurocopa. Lembran a Eurocopa de 2020? Pois será este 2021, como é lóxico e natural.


A pandemia axudou a desvirtuar o fútbol entre países, xa que nun calendario tan cargado, parece que nin aos futbolistas failles especial ilusión enfundarse a elástica nacional e pasearse por media mundo co que iso supón para eles e para os seus clubs. Porque segundo en que país xogues e que países visites, é probable que ao teu regreso teñas que gardar corentena e non podes disputar os seguintes dous ou tres partidos, ademais do risco inherente de contaxio con tanto ir e vir e reunirche con compañeiros procedentes dos recunchos máis insospeitados.


Por non falar dos equipos de Segunda División, que non pairan pero aos que lles rouban os seus xogadores máis importantes. O Sporting perde a Djurdjevic, o goleador da división de prata, o CD Lugo a tres dos seus piares... ata o porteiro do filial do Celta tivo que viaxar a Costa Rica. Osea, que ademais de obrigados a seguir tirando do carro, aos equipos de Segunda quítanlles aos seus mellores mustangs cando o que está en xogo é subir a Primeira División ou non baixar á nova Segunda B. Pouca broma. O normal sería deixar todo este envurullo de partidos para o final da tempada, cando xa se proclamaron todos os campións ligueiros e os trofeos da Champions e a Europa League repousan nas vitrinas dos seus novos donos. Pero iso é o fácil e o lóxico, dous termos que os dirixentes do fútbol non parecen coñecer.


Afortunadamente, non está todo perdido. O parón pode revitalizar a algúns equipos que chegaban á cita coa moral polos chans -Ai, o meu Real Valladolid...!- ou axudar á recuperación de xogadores que levan meses no dique seco -véxase Ansu Fati ou Coutinho, dous xogadores polos que teño especial predilección-. Ademais, aínda nos queda o fútbol feminino, que onte nos regalou a goleada do Barça ao City ou o tremendo duelo entre o PSG e o Lyon, dous favoritos a levar a Champions a casa. E esta fin de semana, ademais dun Dépor vs Real Madrid na Primeira Iberdrola, as miradas estarán postas en Segunda B, onde Celta B, Dépor, Racing de Ferrol e Compos apuran as súas opcións para tratar manterse na carreira por ascender a Segunda División.


Queda moita, moita liga en Primeira, Segunda, Segunda B... Pero a elite se para este finde para que no futuro podamos vivir a festa do fútbol en Qatar, un país que, se destaca por algo, é polo seu apego polo balompé. Toca esperar outra semanita máis para degustar a sobremesa e ver se o equipo dos nosos amores mantén o ritmo ou o acosa a outra pandemia, a do virus FIFA, que pode deixar na estacada a máis dun. Só queda unha semana máis. Xa estou a saborear ese coulant, pero estou fartiño de acelgas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE