A pandemia da Covid-19 e a Unión Europea

Manoel Barbeitos
Economista

Non me cabe a menor dúbida de que a pandemia da COVID-19 vai fornecer novos argumentos aos que defenden a saída de España (xunto a estados europeos do sur como Portugal, Italia, Grecia...) da eurozona. Unha saída que, conforme pasan os anos, e seguimos de crises en crises, faise máis inevitable. Faise tamén máis necesaria porque o fracaso estrutural da eurozona xa non é posible de ocultar. Porque a situación practicamente en toda a Unión Europea (tamén en Alemaña) é hoxe bastante peor do que era fai tres lustros. Non só é peor senón que nada indica que os que actualmente levan as rendas do poder teñan intención de cambiar un rumbo que desde a instauración do euro (1992), un proxecto mal concibido e peor desenvolvido, leva a UE de crise en crise, de fracaso en fracaso.


Un rumbo no que cada decisión que toman as autoridades comunitarias, baixo o liderado de Alemaña, empeora a situación. Así sucedeu onte con motivo da crise financeira (2008) e así ocorrerá hoxe coa pandemia (2020). A estas alturas hai algo que resulta evidente: as estruturas da eurozona son un claro obstáculo para que os estados europeos, moi especialmente os estados europeos do sur, poidan enfrontar con garantías os problemas que se lle presentan (crise financeira, recesión, desigualdade, desemprego, pandemia...). Máis aínda, a maioría dos países europeos saen das crises peores do que estaban antes. O mesmo sucederá agora coa pandemia que vai camiño de converterse na crise económica e social máis grave da presente mundialización.


Porque no tempo transcorrido desde a creación do euro (1992), Alemaña e os seus aliados deron probas bastantes de que baixo ningún concepto van permitir que a eurozona abandone a senda da austeridade para levar adiante as reformas que serían necesarias cara a unha unión con menor desigualdade, mais emprego, riqueza e benestar social en todos e cada un dos estados que a compoñen tal como está escrito nos seus principios fundacionais. Nin Alemaña nin os seus aliados, nin por suposto a gran banca e as grandes empresas europeas van permitir un cambio de rumbo.


Ultímaa evidencia dos fracasos subliñados témola agora con motivo da pandemia cando a UE, a pesar do gran impacto provocado pola COVID-19 (as últimas estimacións apuntan a unha caída do 7,4% do PIB no conxunto da Unión Europea, 7,8% na Eurozona), oferta unha resposta insuficiente (1,82 e 1,2 billóns de euros) e desajustada (o 50% das axudas son prestamos: máis débedas). Se en termos globais estamos diante dun acordo positivo, nunca a Unión Europea había feito un esforzo fiscal desta magnitude, hai moitos elementos negativos que lle quitan valor e arrefrían as expectativas. En primeiro lugar que é claramente insuficiente se temos en conta o enorme impacto da pandemia e as necesidades que aparecen especialmente nos estados europeos do sur. En segundo lugar que, mesmo en situacións como a actual, volven poñerse os intereses mercantís dos bancos privados por diante das necesidades cidadás. Que tal como está estruturado o paquete das axudas ás familias, as empresas non financeiras e as administracións públicas van saír da pandemia moito máis endebedados/as, o que provocará novas crises. Unhas débedas e unhas insuficiencias que farán que as desigualdades sigan crecendo. Finalmente, que dado que non se contemplan cambios nas políticas e que se mantén vixente a "condicionalidad" para as axudas a Unión Europea segue o seu camiño ao abismo.


Iremos vendo como se materializan estes vaticinios. De momento a Unión Europea está a dar xa preocupantes mostras de incompetencia e incapacidade na xestión política tanto para, por caso, cubrir a demanda de EPI (Equipos de Protección Individual) como puidemos ver coas máscaras, as luvas, as  lentes e a roupa protectora, canto para atender as necesidades de vacinación da poboación entre outras razóns porque as autoridades europeas (Comisión Europea), por mor do seu dogmática defensa dos comprados non regulados, o que impide un mínimo control público sobre a produción e a comercialización das vacinas, están a ser  extorsionadas e ridiculizadas por unha industria farmacéutica sen sentimentos pero insaciable, poñendo así en risco a vacinación e, por tanto, a saúde e a vida de millóns de cidadáns europeos. Un desastre criminal que ten responsables: as autoridades europeas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE