Alerta laranxa no sur de Ourense e amarela en parte do resto de interior por frío este sábado
As temperaturas, que chegaron ata os -13 graos nalgunhas localidades hoxe, serán de -8º C a próxima noite.
A situación mellorará o domingo, aínda que continuará a alerta por vento e temporal en toda a costa de Galicia. AEMET estima que para a semana tamén fará bastante frío, pero menos que a actual.
O sur da provincia de Ourense continuará este sábado en aviso laranxa por frío, con temperaturas por baixo de 8 graos negativos. Ademais, sumarase a esta situación a costa da provincia da Coruña, onde o aviso laranxa será por ventos de forza 8.
Nevada nos Ancares o día 6 nunha foto de Meteogalicia
Segundo informa Meteogalicia, a situación de frío nos municipios do sur ourensán producirase entre as 00,00 horas e as 9,00 horas do sábado, xornada de baixas temperaturas xeneralizadas en Galicia.
Así mesmo, boa parte da Comunidade galega estará en aviso amarelo por frío. E é que se espera que os termómetros se esborrallen pola mañá por baixo dos -6 graos nas montañas de Lugo e Ourense; por baixo dos -4 na comarca de Valdeorras e no interior da provincia de Pontevedra; e dos -1 graos na área pontevedresa do río Miño.
En canto aos avisos por temporal costeiro, todo o litoral galego estará ao longo do sábado en nivel amarelo por ventos de forza 7 que soprarán desde o nordeste para partir do mediodía.
Con todo, o aviso será de nivel laranxa, con ventos de forza 8, a partir das 18,00 da tarde na Costa da Morte e no litoral norte da Coruña.
Tamén en zonas de interior, concretamente nas montañas de Lugo e Ourense, haberá aviso amarelo por ventos de máis de 80 quilómetros por hora.
Escribe o teu comentario