Irresponsabilidade...e esperanza!

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

“Como a dicha dun pobo depende de ser ben gobernado, 

a elección dos seus gobernantes, pide unha reflexión profunda.” 

Josep Antoine René Joubert (1754- 1824). Moralista e Filósofo francés.



Vivimos tempos de incerteza. E non sabemos cando acabará. A COVID-19 está a prolongarse e os afectados seguen crecendo. Tamén os mortos. A solución debería ser confiar nun Sistema Sanitario que fose capaz de resolver os problemas, pero a realidade é teimuda, e a enfermidade continúa!


Ultimamente vemos na Galicia unha serie de despropósitos que considero non se deberían producir. O abuso da atención telefónica na Sanidade Galega e a falta de persoal colapsan os Centros de Saúde e PACs. O acceso á Atención Primaria (AP) complícase . O sr. Feijoo, considera que a “sanidade do futuro será telemática e dixital” e así dá a orde de “priorizar ás consultas telefónicas”, co que a relación médico-paciente queda limitada a unha chamada de teléfono. A praxe da AP baséase na accesibilidade e na confianza, entre o ou a profesional e o ou a paciente. Si isto non ocorre “por culpa dunha decisión administrativa” e non se poñen os medios necesarios para levala a cabo de forma digna, pérdese o máis importante, que é poder dar solución ao ben máis prezado que temos: a saúde.


Outra decisión que considero irresponsable é que a Consellería de Sanidade ordena por correo electrónico, aos seus médicos de AP, que “deixen de facer PCR a contactos estreitos de positivos con COVID-19”. As razóns clínicas son difíciles de explicar, pois sen PCR negativa e sen illamento, as posibilidades de que esa persoa poida contaxiar a outras é moi alta. Esta decisión compleméntase coa mentira máis penosa que o sr. Feijóo dixo en moito tempo (e mira que di mentiras!), pois ben: mantén a opacidade sobre o número de rastreadores da Covid-19 cos que conta Galicia. Comezou dicindo que eran 6.108, logo que non sabía e, por fin, en sede parlamentaria, di que “máis de 700”. Tamén ten unha “app” para que cada persoa faga de rastreador/a de si mesma: puido dicir que ten 2.700.000... que somos os habitantes da Galicia... Pero á vez, acepta o despregamento de 180 militares para realizar labores de rastrexo. Aínda máis, o director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, asegura a eldiario.es que a orde “está recollida nos protocolos, porque os médicos de cabeceira non achegan valor engadido, cando se trata de contactos que non presentan sintomatoloxía”. Ademais, afirma que lles quita “burocracia” ás consultas de AP. A ignominia é tal, que non se pairan a pensar na carga burocrática real, que teñen os médicos: certificados de idoneidade para labores de pesca, marisqueo, apagar incendios, revisión do carné de conducir, certificados de saúde para determinado traballo, de dependencia, de incapacidade, impresos de incapacidade temporal, de baixas, de altas, etc. etc. Se de verdade querían quitar “burrocacia”, que a Consellería de Sanidade fale coas diferentes consellerías e deixen de pedir ás profesionais certificacións que só quitan tempo ás consultas de AP. E de paso, que quiten a responsabilidade das medidas, da presión aos profesionais, para non botar á xente encima dos mesmos!


No día a día da pandemia, ao sr. Feijoo, preocúpalle: que a “actuación dos servizos sanitarios non se vexa desbordada”. Non lle importa nin os infectados, nin os ingresados en UCI, nin as das residencias de maiores, nin os mortos. Só preocúpalle que o sistema non falle, sexan cantos sexan os afectados. Pero para iso, ten que investir en sanidade. Compararse con outras CCAA, é patético: “como estamos mellor, o tema é menor”. E non é así: os mortos NON PREVISIBLES, aumentan e as medidas non chegan. Feijóo é o portavoz do seu Comité Clínico… e nunca saberemos o que pensa o CC, só sabemos o que nos conta el!


Pero non todo son malas noticias. As conclusións do Consello Técnico de AP de Galicia, dan solución aos problemas: falta que Feijóo cúmpraas… e a esperanza está nas vacinas que parece que van polo bo camiño, a pesar das decisións políticas irresponsables. Esperemoslo!


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE