Pero, que queren as dereitas españolas?

Manoel Barbeitos
Economista

Debo confesar que tiven que ler a noticia varias veces e en diferentes medios para asegurarme así de que era certa. Que o líder do Partido Popular (PP), Pablo Casado, fose a Bruxelas a tentar que as autoridades comunitarias finalmente non incluísen a España entre os estados europeos que recibirán as axudas aprobadas para combatela pandemia (140.000 millóns de euros) parecíame tan absolutamente incrible que, na miña inxenuidade, entráronme serias dúbidas de que tal despropósito puidese ser posible. Non me podía crer que os dirixentes do Partido Popular (PP) estivesen a facer esas manobras en Europa.


Para verificalo acudín aos diarios de cabeceira das dereitas españolas. A Razón sinalaba que nunha reunión con líderes europeos de dereitas, entre os que había dirixentes comunitarios como por caso a presidenta da Comisión Europea, Pablo Casado presidente do PP "propuxo a creación dunha Axencia  Independente para controlalos fondos europeos poñendo á fronte a unha personalidade independente, como fixeron outros países, para evitar o clientelismo e a ineficacia". No ABC "o líder do PP.... alertará en Bruxelas dunhas contas públicas que o seu xuízo abren o camiño da recesión e da bancarrota en España". Finalmente O Mundo sacaba en titulares que "Pablo Casado mobilízase para apartar a Pedro Sánchez da xestión dos fondos e ofrece á UE un papel de observador". Diarios que tamén  informaríannos de como o presidente do PP xuntábase cos embaixadores dos 27 en España para mostrar a súa desconfianza no executivo de Pedro Sánchez para xestionar os 140.000 millóns do fondo de recuperación.


Diante deste desvarío político cabe preguntarse se algún outro xefe da oposición nos estados da Unión Europea fixo algo parecido. Despois de consultar distintas fontes a resposta é negativa: ningún outro. Ningún outro dirixente político europeo buscou erosionar ao seu goberno diante dos socios comunitarios. Unha evidencia que deixa ben ás claras o talante e as formas políticas das dereitas españolas. Unhas dereitas que parecen seguir o guion de que "canto peor para ti, mellor para min... beneficio político".


Con este tipo de comportamentos tan irresponsables as dereitas españolas, neste caso o Partido Popular (PP), poñen en evidencia que, de ningún xeito, están preocupadas polo tremendo impacto que a pandemia do COVID-19 está a ter sobre as familias e as empresas non financeiras. Un impacto na actividade e nos ingresos destes axentes tal que precisan urxentemente das axudas públicas para evitar a bancarrota e a ruína. Para evitar que o paro e a pobreza dispárense. Un impacto que, convén repetilo, non afecta nin aos axentes financeiros nin as grandes empresas porque estas están a recibir fondos sen límite do BCE ao través da chamada "expansión cuantitativa". Un comportamento que parece confirmar o subliñado anteriormente de que os dirixentes do Partido Popular na súa demencial estratexia pensan que se conseguen os seus propósitos os cidadáns dos pobos de España culparán ao actual goberno do desastre, o que lles facilitaría volver gobernar.


Que non están preocupados polo impacto que a pandemia está a ter sobre moitísimas familias e empresas tamén se pon de manifesto na reiterada oposición e crítica á maioría das medidas que o goberno español aproba para combatela. Non importa que neste "combate" entren en contradición consigo mesmos. Todo está xustificado se se consegue desestabilizar ao goberno español, tensionar a política e crear crispación social. A última mostra acabamos de tela recentemente cando un número importante de Comunidades Autónomas solicitaron ao goberno español que declarase o estado de alarma, medida que finalmente o goberno aprobaría  grazas a contar con 194 votos favorables, entre eles o do BNG. Votación na que o Partido Popular abstívose pois "non quere nin poñer en risco as garantías sanitarias nin tampouco avalar o atropelo legal dun estado de alarma tan prolongado". De novo o Partido Popular sementa divisións e resta eficacia as medidas.


Cabe lembrar que nesta dinámica o Partido Popular (PP) primeiro opúxose ao mando único e a prórroga dos estados de alarma, logo manipulou informes da Dirección Nacional de  Seguridade e cuestionou datos do goberno e sempre, utilizando formas e métodos de trileiros, buscando embarullar e provocar enfrontamentos sociais. Comportamentos e actitudes que chegaron a provocar, por caso, que partidos de indiscutible talante democrático mostrasen o seu desagrado cunha maneira de proceder que consideran vergoñoso.


Que queren estas dereitas? Cada vez está máis claro. Reverter con métodos antidemocráticos o resultado das últimas eleccións e derrubar como sexa ao actual e lexítimo goberno sen preocuparlle, de ningunha maneira, as consecuencias para a democracia, a liberdade, a economía e o benestar da maioría dos cidadáns desta nación de nacións que é España.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE