O silencio

José Luis Fernández Carnicero

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

Falar do silencio sempre foi un tema complexo, pois dentro dos diferentes tipos hai varias categorías. O silencio pode ser concesivo ou ofensivo, prudente ou innecesario, sabio ou perigoso, pero en todo caso xera unha incerteza transitoria. Cando algo ou alguén cala, nunca sabemos en que pensa e a súa opinión non achega nada de nada ao ser por todos descoñecida. Con todo, “Sexan  as túas palabras mellores que o teu silencio; do contrariom cala.” dicía Dionisio ‘O Vello’, porque as palabras impropias, levantan muros de separación, barreiras para a convivencia e continxencias dentro de institucións de recoñecido prestixio. Neste caso quería referirme ao anuncio que fai a RAG (Real Academia Galega) de non prolongar a candidatura de Carvalho Calero un ano máis. Despois dun silencio sospeitoso, as peores previsións fixéronse realidade. Alguén podería pensar que Carvalho Calero tivo mala sorte durante a súa vida, e que agora seguirá sendo un gran descoñecido entre os galegos. Penso que a pesar de toda esta pandemia, que tamén paralizou o mundo das Letras Galegas, non puido vencer ao homenaxeado do 2020. A poesía do autor foi  musicada por algúns compositores serios. A banda deseñada coa súa biografía foi todo un fito e os esforzos por dar a coñecer a súa obra tiveron moito éxito. As publicacións non faltaron e as conferencias e exposicións están en marcha. Faltoulles restaurar o valor social que lle faltaba a Carvalho Calero, pero as súas teses galegas floreceron en Portugal; como defensor de que galego e portugués, son a mesma lingua. En fin, o silencio de privalo outro ano de festexos e homenaxes, é un erro. E aínda están a tempo de rectificar.

            

Hai outros silencios de actualidade, que baten tan forte nos nosos oídos. Na nosa cidade hai algúns que xa están a preparar o famoso bono dos 50 € para hostalería, co fin de venderllo ao veciño por 20 €. Pois o que non ten custo non se aprecia. O que si se percibe é a improvisación do microgobierno local cos hostaleiros (que tamén están divididos entre eles), pois a ordenanza de terrazas segue vivindo un silencio administrativo intolerable. Fixeron algo así cos libreiros e cada sector ten as súas características específicas. Pensan que de noite, todos os gatos son pardos e seguiremos nunha “longa noite de pedra, sine die”. Un silencio parecido ás reunións no Liceo dos partidos da oposición, que falan e falan gardando o que non pode ver á luz pública; isto é, as divisións que os unen e a caducidade das ideoloxías que a algún deles describe e define. Pero o silencio de maior interese é aquel que acontece para non incomodar. Calar de amor. Se amamos, non somos quen de dicir palabras que poidan ferir ou atacar a ninguén. Ese silencio outorga sempre a capacidade de crear uns niveis de confianza moi altos e chegaremos a transmitir eses mesmos valores, a aqueles que se relacionen connosco.

           

O  silencio tamén forma parte da música. Hai momentos nos que ese silencio chega a encher todo o espazo sonoro que tanto nos agrada. Lembro a III Parte, escena IV, movemento nº 54 do oratorio de Haendel titulado “O Mesías” é o silencio anterior ao amén final. Ademais de alongar o silencio cun calderón, rompe o compás e finaliza nun Adagio formando o acorde de  Re maior completo, no seu primeiro investimento. Inesquecible. Pero non imaxino despedir este relato sen  dicir nada ou sen suscitar un debate persoal. O silencio sempre ocupa un espazo: un lugar na escritura, un tempo na música, unha cor na pintura, un equilibrio na danza e. no peor dos casos, unha ausencia na comunicación, unha relación rumbo, unha amizade perdida nun tempo que non volverá. Se agora, nestes tempos nos que nos podemos relacionar pouco, queremos escoitarnos a nós mesmos, é probable que botemos en falta a opinión dos demais. E iso será un bo síntoma de que transitamos por camiños plurais, considerando e respectando a os  demais.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE