O coronavirus segue disparado en Pontevedra mentres as outras áreas crecen pouco ou mesmo baixan
Os casos activos de coronavirus COVID-19 en Galicia aumentaron en 11 nas últimas 24 horas tras detectarse 248 novos positivos na Comunidade galega e rexistrarse 233 novas altas, ademais de catro falecementos. Con todo, a tendencia xeral a nivel galego é de lento retroceso do virus. Non pode dicirse o mesmo de Pontevedra, única área cuxa curva de casos activos non dá ningún sinal.
Segundo os datos facilitados este venres pola Consellería de Sanidade, os casos activos baixan nas áreas de Lugo --27 menos--, Ferrol --seis menos-- e Santiago --outros catro menos--.
En concreto, dos 4.317 casos activos rexistrados en Galicia, 1.237 corresponden ao área sanitaria da Coruña --un máis que este xoves--, 745 á de Lugo --27 menos--, 631 á de Santiago --catro menos--, 611 á de Pontevedra --27 máis-- 511 á de Ourense --oito máis--, 406 á de Vigo --12 máis-- e 176 á de Ferrol --seis menos--.
A situación en Pontevedra segue sendo moi preocupante. A pesar de que leva máis dunha semana con restricións, os casos activos non pairan de subir. Os 611 casos activos hoxe en Pontevedra son 198 máis que os que había o pasado venres.
Pola contra, Lugo é a área sanitaria cun aparente mellor comportamento esta semana. Os 745 casos activos este venres son 110 menos que o pasado venres.
A tendencia xeral en A Coruña aínda é de retroceso do virus, aínda que a retirada retardouse nas últimas xornadas. De feito, hoxe hai un caso positivo máis que onte, algo que non pasaba desde o día 9.
De todas as curvas, a de Ferrol é a máis estable, completa unha semana con só dous casos activos máis.
Escribe o teu comentario