A longa e dura travesía do deserto

Manoel Barbeitos
Economista

Non o ten fácil nin sinxelo a oposición (BNG, PSdeG/PSOE) para darlle a volta ao mapa político galego na lexislatura que vén de comezar. Unha lexislatura que máis ben parece un novo punto e seguido nunha longa e dura travesía do deserto. As razóns que me levan a facer este diagnóstico están moi claras. En primeiro lugar a gran diferenza nos apoios electorais que vén sendo practicamente unha constante no últimos vinte anos (coa excepción puntual do bipartito: 2005-2009). Por caso, nas últimas eleccións autonómicas o PP (625.182 votos) practicamente duplicou á segunda forza, o BNG (310.137). Ao mesmo tempo, a suma dos votos deste (BNG) máis o segundo (PSdeG/PSOE) queda bastante lonxe (562.674) do resultado obtido polo PP. Estes apoios fan que, sumados á lei electoral, as diferenzas de representación fáganse moi elevadas (42 deputados fronte a 33).


Unha distancia que se reflicte, na maioría das lexislaturas (6 de 9) desde a convocatoria de 1.989, nun claro estancamento de representación nas esquerdas (ao redor dos 32/34 deputados), moi lonxe da maioría (37). Uns resultados que confirman como as variacións de representación naquelas son por diferenzas na repartición -soben ou baixan unhas esquerdas á conta das outras- e non porque lle resten votos as dereitas ou a abstención. Esta aparente incapacidade das esquerdas para, por caso, atraer a unha parte do electorado das dereitas, resulta outra das claves fundamentais á hora de explicar o longo dominio conservador que, como subliñei noutros artigos, móvese por encima dos 700.000 votos. 


Incapacidade que se traslada á abstención. Nas eleccións autonómicas a abstención adoita ser moi elevada (claramente por encima do 40%). Unha abstención que prexudica ás esquerdas, quen parece ter unha menor capacidade de mobilización do seu electorado. Por caso, nas eleccións xerais últimas a abstención en Galicia foi do 33,4% (moi por baixo do citado 40%). Unha distinta participación que pon o foco nas esquerdas galegas: 600.000 votos nas autonómicas (2020) fronte a 765.000 nas xerais (2019) cando superaron claramente ás dereitas. Uns resultados que se repiten e que poñen de manifesto outra das súas debilidades: a incapacidade para conservar nas autonómicas o electorado doutras convocatorias. Incapacidade que afecta directa e basicamente á socialdemocracia galega (PSdeG-PSOE): 460.000 votos nas xerais do 2019, 250.000 votos nas autonómicas do 2020. Sobran máis comentarios.


Estes resultados poñen de manifesto que se as esquerdas queren conseguir a maioría nas próximas eleccións autonómicas deben empezar por propoñerse en serio o de ir ao encontro da sociedade civil e recuperar a capacidade de mobilización perdida. As esquerdas deben recuperar a súa sintonía, por caso, co movemento sindical (con todo e non só cunha parte) e cos distintos movementos asociativos reivindicativos (feministas, ecoloxistas, pensionistas....) que están a mostrar un claro rexeitamento ás políticas austericidas e  privatizadoras da actual Xunta de Galicia (PP). Sen mobilización será moi, moi difícil derrotar ás moi poderosas dereitas galegas.


Un encontro e unha mobilización que, como demostraron por caso as experiencias do 15 M e de ‘Nunca máis’, esixe destes partidos políticos unha maior apertura e transparencia e unha menor burocracia. Tamén unha maior vocación unitaria que non está discutida, de  ningunha forma, coa lóxica competencia. Todo o contrario: a competencia partidaria debería levar a un debate enriquecedor cada vez máis necesario neste enorme páramo ideolóxico que hoxe é a esquerda galega (como practicamente toda a esquerda europea).


O século XXI e a chegada de novas xeracións ao escenario electoral puxeron en evidencia en Galicia, como noutros territorios, que os partidos tradicionais só cobren unha parte das preferencias políticas. Que a autodenominada esquerda alternativa ten o seu espazo fundamentalmente, que non exclusivamente, entre a xente nova. A desfeita das últimas eleccións autonómicas, nas que quedou fóra do Parlamento, non debera servir para tirar a toalla senón para analizar as causas de tal hecatombe que están máis nos enormes erros dos seus dirixentes que nun posible cambio de preferencias no seu electorado.


Cando todo apunta a unha (nova) longa travesía do deserto, as esquerdas deben tomar aire fresco e saír ao encontro da sociedade galega. Unha sociedade que precisa dunhas esquerdas fortes e unidas quen de presentarse como unha real alternativa de cambio. Un cambio imposible, por outra banda, se non se accede ao goberno grazas ao apoio dun pobo mobilizado e autoorganizado. 


1 Comentarios

1

a abstención --esa aparente despreocupación pola política autónoma-- resulta moi lóxica, porque nas alternativas ao PP non hai punto común sobre o autogoberno, zona de entendemento e de programa. Os uns, delegados dispersos do PSOE español, e os outros, obrigados a manifestar desprezo pola autonomía para ir a un máis aló imposibel. E a terceira vía, transversal, acabou co seu promotor chamandolle novamente parlamento de cartón á nosa institución máxima.

escrito por Carlos Neira Suárez 14/Set/20    12:06 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE