Hai que pechar A Coruña? A cidade ten o 40% dos casos de coronavirus de Galicia pero, segundo varios políticos, non hai indicios de confinamento


Evoluciona ben o foco de coronavirus na Coruña? Segundo edís da capital, Oleiros e Culleredo así é. As cifras mostran efectivamente certa mellora hoxe, con 35 casos activos máis, aínda que hai que lembrar que onte se igualaba o record, cun aumento de 69 casos.



|

Evoluciona ben o foco de coronavirus na Coruña? Segundo concelleiros da capital, Oleiros e Culleredo así é. As cifras mostran efectivamente certa mellora hoxe, con 35 casos activos máis. Con todo,  hai que lembrar que onte se igualaba o record cun aumento de 69 casos nun día. A situación é especialmente preocupante na cidade, que, con 290 casos, acumula o 40% dos de Galicia e o 71% dos da súa comarca.




É moi pronto para poder afirmar que o brote está baixo control. A 24 horas de que a Xunta deba decidir sobre as medidas extra, parece moi improbable que as suavice.


Endureceraas tras os alarmantes ascensos de venres, sábado e domingo? Dependerá en boa medida dos resultados de mañá mércores. 


O certo é que a tendencia xeral non é boa. A media móbil a 7 días indica un crecemento de casos activos do 15,9% cada día, o que é unha cifra récord. 


Afortunadamente, hoxe o cómputo de casos activos só creceu un 9,4%. Os 35 máis deste martes é o aumento máis baixo desde o venres, cando se implementaron as medidas extraordinarias como a prohibición dos locais de lecer nocturno,  a revisar mañá.





Outro factor para ter en conta é a distribución dos casos activos. A inmensa maioría, 290, están no concello da Coruña. Isto supón que a urbe acumula o 71% dos casos da área sanitaria, o que non sorprende, dado o peso da poboación da capital.


Agora ben, sorprende máis a comparación con Galicia. Os casos da Coruña cidade, 290, supoñen o 39% dos 740 de toda a autonomía.  A urbe da Coruña só é o 9% de toda a poboación de Galicia, aproximadamente. 


A moitísima distancia están os concellos da súa periferia , segundo as cifras desveladas hoxe polo doutor Luís Vázquez, responsable dun dos principais laboratorios hospitalarios da urbe.




Este especialista, o primeiro en alertar de que a situación estaba a tomar tinguiduras moi perigosas, critica a actitude dos políticos. "A culpa é dos profesionais sanitarios, logo aplaudides e xa está" ironiza tras advertir que "os políticos serán os responsables" do que pase e criticar que se sigan celebrando festas.


O portavoz do goberno local da Coruña, Xosé Manuel Lage Tuñas, transmitiu unha "mensaxe de tranquilidade" á cidadanía tras a reunión deste martes dos alcaldes co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para realizar o seguimento da situación dos casos de coronavirus na comarca tras a adopción de restricións o pasado venres.


CONTRA O ALARMISMO

Aínda que di entender a "lóxica preocupación" cidadá porque a pandemia "nin desapareceu nin remitiu", o portavoz municipal afirma que non hai "ningunha medida nova". A través dun comunicado de prensa, explica que existe un "permanente contacto" coa Xunta e "por agora non nos informou de novas medidas".

No caso de que se adopten máis restricións nas próximas horas, sinalou Lage Tuñas, "o Concello informará á poboación con total transparencia". Pediu restar credibilidade ás mensaxes que circulan por redes sociais porque, criticou, pretenden "xerar unha alarma que por agora non foi transmitida polas autoridades competentes".


OPTIMISMO EN OLEIROS

A tenente de alcalde de Oleiros, María José Varela, asegurou que a información sobre os casos detectados nas últimas 24 horas é "bastante tranquilizadora" porque supón "un crecemento moi sostido". Aínda así, pide "precaución" á poboación pero tamén manda unha mensaxe "tranquilizador" sobre a adopción de medidas máis restritivas.

"Estamos a sufrir esta situación, pero tamén se crean moitos bulos", advertiu Varela, que engadiu que non será ata este mércores, na reunión que novamente manterá o conselleiro de Sanidade cos representantes dos municipios da comarca, cando se saiban se as restricións manteranse, endureceranse ou se levantarán.


Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, considera "fundamental" a coordinación entre administracións que supoñen os encontros diarios coa Xunta para "realizar seguimento da situación actual" e detallou que non se tratou "en ningún momento" adoptar medidas "diferentes" ás tomadas o pasado venres.

ALGÚNS ALCALDES PÓÑENSE DE LADO DOS HOSTALEIROS QUE DENUNCIARON

Con respecto á denuncia da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña contra as restricións ditadas por Sanidade, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, ve "comprensible" a preocupación do sector e pide "esforzos" da administración autonómica para compensar aos afectados.


O rexedor cullerdense apunta que os Concello deben ser "leais" á medidas fronte ao coronavirus. "O prioritario é a saúde e tamén hai que facer esforzos cos afectados a nivel económico", agregou.

Pola súa banda, a tenente de alcalde de Oleiros considera que a Xunta toma as medidas "para tratar de previr os brotes" e apunta a que "unha parte importante" dos contaxiados son novos. "Non se se a decisión é equivocada ou non, os tribunais terán que dicir, pero adoptouse porque era necesario", subliñou.



C4twL casos activos de covid 19 no rea sanitaria da coru a cee




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE