O coronavirus segue acelerando en Vigo e A Coruña pero dá un respiro ao resto de áreas

|

A área da Coruña segue liderando o inicio da segunda onda, igual que liderou a primeira. A situación tamén empeora significativamente en Vigo, que suma sete novos casos e ten xa seis focos activos. 


Onte o SERGAS detectou 26 novos contaxios en Galicia. Así, restadas as 13 altas, os casos activos incrementáronse en 13 en Galicia este domingo e a comunidade sitúase nun total de 321, máis dun terzo dos cales volven corresponder ao área sanitaria da Coruña, que segue sendo a que ten máis cantidade e a que rexistra o ascenso máis pronunciado, de acordo cos datos da Consellería de Sanidade.




A área sanitaria da Coruña e Cee rexistra un brote relacionado cun ximnasio en Arteixo e unha discoteca de Santa Cruz que suma xa 39 casos positivos, oito máis que onte. Toda a área rexistra 118 casos activos este domingo, 11 máis que o sábado. 


PECHE DALGÚNS NEGOCIOS NA LARACHA

É dicir, a parte do brote de Arteixo e Oleiros hai outros focos na Coruña. Polo menos un está na Laracha, onde dous establecementos de hostalería, Cristal Pizzería Asador na Baña e Lareira do Pacheco en Cancelo Medio, baixaron onte a persiana tras confirmar positivos entre os seus clientes habituais, segundo La Voz

Aumentan os casos activos tamén en Vigo, que ten sete máis que o sábado e un total de 63. O sábado coñeceuse nesta área o seu sexto brote, relacionado cunha celebración familiar que acumulaba, segundo os últimos datos, cinco positivos. Por agora o SERGAS non informou de máis contaxios en relación a este foco o domingo.

A área de Ourense ten un caso activo máis que onte e alcanza os 18. É probable que sexa a persoa retornada da República Dominicana. El é primeiro positivo detectado por mor de a  base de datos da Xunta, que obriga a todos os retornados de zonas de risco a declarar a súa estadía e residencia actual. O SERGAS fíxolle un control preventivo, pois non presentaba síntomas, e o PCR foi positivo. 


Ferrol foi a única área que chegou a erradicar o COVID-19. Este domingo mantéñense os mesmos dous casos deste sábado. 


Afortunadamente o resto de zonas rexistran descensos, de modo que en Lugo hai catro menos, o que confirma que o rebrote da Mariña continúa camiño da extinción, e o total é de 70.


Santiago e Pontevedra sitúanse ambas as en 25 tras reducirse nun o número de casos activos.

HOSPITALIZACIÓNS
No tocante a hospitalizacións, baixan nun caso, ata as 12. Ademais, unha persoa segue na UCI no Álvaro Cunqueiro de Vigo, mentres que 308 permanecen no seu domicilio --14 máis que o sábado--.

Ata este domingo, Galicia rexistra un total de 11.302 curados --13 máis que no parte anterior-- e 619 falecementos, dos que 274 están relacionados con residencias de maiores. A cifra de mortes que deixa a pandemia na Comunidade permanece sen variación desde o pasado 10 de xuño.

DOUS CASOS EN RESIDENCIAS PERO NON ENTRE ANCIÁNS
En canto aos casos de COVID en residencias, mantéñense en dúas, despois de que o venres transcendese un novo contaxio, xa que deu positivo un traballador da residencia de maiores de Paradela, en Lugo).

Este caso súmase ao positivo dunha traballadora dun centro de Xove (Lugo) que, segundo fontes próximas, contaxiouse, do mesmo xeito que outros familiares, por unha visita procedente de Cataluña.

O número de PCR realizadas en Galicia ata o momento é de 253.196, 1.511 máis con respecto aos datos do sábado. 


Por tanto,  cos 26 positivos de onte, a taxa de positividade en Galicia foi do 1,7%; o que indica que o SERGAS aínda ten músculo suficiente para realizar as probas suficientes para, polo menos, delimitar rápido os novos rebrotes. 


EVOLUCIÓN


A nivel de evolución da pandemia os datos do domingo non son tan malos como os de xornadas anteriores.


A media móbil semanal de novos casos activos queda en 16 positivos novos cada día, tras os 13 de hoxe.


Respecto onte os casos activos medraron 4,22%.


O importante é que isto leva a a media móbil semanal a un aumento diario do 5,8%, que é unha cifra preocupante pero que parece indicar que se está logrando limitar a aceleración do virus, pois este indicador chegou ao 6,9 hai catro días e desde entón tendeu á baixa. Polo menos a nivel Galicia porque está claro que a nivel A Coruña e, en menor grao, a nivel Vigo a situación é bastante peor.





Uq1eR coronavirus casos activos por reas sanitarias de galicia nbsp  (1)



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress