PSdeG e BNG enxalzan os seus gobernos municipais, Galicia En Común e Cs atacan as políticas de Feijóo e o PPdeG defende a súa xestión da crise
Os candidatos e candidatas á presidencia da Xunta das principais forzas políticas galegas celebraron este sábado diversos actos en Galicia nos primeiros pasos das formacións para a campaña electoral.
Os candidatos e candidatas á presidencia da Xunta das principais forzas políticas galegas celebraron este sábado diversos actos en Galicia nos primeiros pasos das formacións para a campaña electoral.
Nacionalistas e socialistas galegos apelaron ao labor que os gobernos municipais coas súas respectivas cores veñen facendo desde os concellos, mentres que Antón Gómez-Reino e Beatriz Piñeiro cargan contra Feijóo: o primeiro critícao por “tentar subornar” aos sanitarios cun cheque de 250 euros; a segunda por deixar indefensos aos galegos no estranxeiro que queren votar. Feijóo, pola súa banda, considera que a candidatura do PPdeG non busca “derrotar a ninguén” senón “ser útiles”.
PPDEG
No Partido Popular o seu candidato e actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suxeriu hoxe que a súa campaña virará ao redor da “pandemia económica” e co obxectivo de “ser útiles”. “Non estamos aquí para derrotar a ninguén”, asegurou Feijóo, que esta mañá visitou o Museo do Mar de Galicia en Vigo, cidade que “respondeu con nota” e que non correu o risco de colapso sanitario “en ningún momento”, acompañado de Corina Porro, número dous da candidatura por Pontevedra.
Ademais de Porro, estiveron presentes as outras cabezas de lista da Coruña, Lugo e Ourense: Ángeles Vázquez, Elena Candia e Marisol Díaz, respectivamente. No acto, Feijóo reivindicou o peso do mar na economía galega, ademais de aproveitar para poñer en valor o labor dos sanitarios durante a pandemia, aínda que recalcou que a enfermidade “segue aí” e que agora os retos son “as consecuencias económicas demoledoras” e os “grandes problemas sociais”.
PSDEG
Gonzalo Caballero, candidato polo PSdeG á Xunta, estivo esta mañá en Ourense, onde recibiu o respaldo de alcaldes socialistas, como Inés Rey, Sánchez Bugallo ou Abel Caballero, ademais dos presidentes provinciais González Formoso, José Tomei e Carmela Silva. Neste escenario, Caballero reivindicou que “o poder municipal en Galicia é socialista”, xa que o PSdeG goberna en cinco das sete grandes cidades galegas -só Pontevedra co BNG de Lores e Democracia Ourensá de Jácome rompen a hexemonía socialista-.
"Temos máis de 100 alcaldes, o 55% dos galegos teñen un alcalde socialista", índice o líder dos socialistas galegos, que fixo unha chama a “abrir unha nova etapa” desde o 12 de xullo. Nesa liña, declarou que a xestión do Goberno do “escapista” Feijóo neste tempo foi “nefasta”. "Alí onde a Xunta non estivo e non tomou medidas estiveron os alcaldes do PSOE defendendo os intereses dos seus veciños".
BNG
Pola súa banda, desde o Bloque Nacionalista Galego tamén centraron o debate no exemplo para seguir que os nacionalistas fixeron da cidade de Pontevedra. Ana Pontón, acompañada do rexedor Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor o “modelo urbano” dos concellos do BNG, “unha referencia a nivel nacional” e algo que aspira a levar a nivel autonómico se alcanza a cadeira de brazos de San Caetano.
Neste sentido, Pontón recalcou a “axenda urbana galega” como unha das propostas estrella dos nacionalistas nesta carreira para os comicios do 12 de xullo. A líder do BNG asegurou que esta axenda urbana busca ser ademais unha ferramenta “na loita contra o cambio climático”, coa redución de emisións ou o “tratamento ecolóxico” e “racional” dos residuos urbanos e a auga. “Temos que confiar nas potencialidades de Galicia. Somos un país rico e queremos unha Galicia con cores vivas. Os galegos e galegas poden estar tranquilas porque temos exemplos de bo goberno no país”, manifestou Pontón.
GALICIA EN COMÚN
Desde a capital galega, Antón Gómez-Reino, candidato á presidencia da Xunta por Galicia En Común-Anova Mareas, criticou o modelo político de Feijóo, ao que acusou de tentar “subornar” aos sanitarios co famoso cheque de 250 euros. Neste acto de presentación das candidaturas, Gómez-Reino apelou a “recuperar Galicia” despois de “unha década de destrución do PP”.
Xunto ao líder de Podemos Galicia estiveron Eva Solla, Miguel Anxo Fernán-Lanuxe e David Bruzos, cabezas de lista xunto a Gómez-Reino, ademais doutras personalidades como Martiño Noriega. Gómez-Reino, que puxo a Feijóo á altura de Casado, Rodrigo Rato ou Díaz Ayuso no sentido de ser “un radical disfrazado de moderado”, insistiu recentemente en que Galicia só ten dúas vías o 12 de xullo: “Teremos si ou si un goberno de coalición en Galicia: pode ser do bloque progresista ou unha coalición de Feijóo co señor Abascal”.
CIDADÁNS GALICIA
Mentres, o groso de Cidadáns Galicia estivo presente na Coruña esta xornada durante a posta de longo da candidatura da provincia para os comicios. No acto, ademais de Carmen Mahía, número uno pola Coruña, estivo presente Beatriz Piñeiro, candidata da formación laranxa a presidir o Goberno autonómico. Piñeiro, ademais de dar o seu apoio a Mahía -"Non hai ninguén mellor que Carmen Mahía para defender A Coruña no Parlamento"-, recalcou a necesidade de garantir a seguridade da poboación durante o proceso electoral.
Por isto, Piñeiro celebrou un encontro telemático co coordinador de Expansión Internacional de Cidadáns, Damián Macías, ao que lle trasladou as súas inquietudes de fronte ao 12J, centradas en gran medida a asegurar que os galegos que se atopan en “países con rigorosas medidas de illamento” pola pandemia poidan exercer o seu dereito ao voto. A continuación, recalcou a “situación delicada” de moitas desas persoas mentres o Goberno de Feijóo “non ofrece ningunha alternativa”.
Escribe o teu comentario