A década que o Partido Popular (2009-2020) leva gobernando Galicia, con A. Núñez Feijóo de presidente, é tempo bastante suficiente para saber tanto que tipo de políticas son as preferidas por este partido como os efectos que aquelas provocan.
.Resulta evidente que este partido defende a extensión e ampliación da iniciativa privada en prexuízo do público por considerala máis eficiente. Así, temos constancia de como as súas actuacións en materia de servizos públicos, e moi especialmente nos que fan referencia ao benestar social (atención sanitaria, maiores, dependencia, familia, exclusión social....) foron sempre dirixidas a crear un nicho de mercado para o capital privado, dando entrada mesmo ao capital especulativo. O resultado foi peores servizos, máis desigualdade e gasto público.
Extensión e ampliación da iniciativa privada, xustificada en base ás supostas vantaxes do libre mercado, que vimos reflectida tanto na política industrial (naval, metalurgicia, téxtil....) como na agraria (gandería, forestal...) e nomeadamente na bancaria (caixas de aforros). Un libre xogo que na práctica, dada a intervención subsidiaria da Xunta de Galicia, transformouse nun apoio público preferente tanto a determinadas ofertas privadas como, por tanto, a determinadas empresas e sociedades tamén privadas. Intervención pública que a parte de contradicir as súas teses neoliberais sobre a maior eficiencia dos comprados provocou auténticos desastres (caixas, naval, metalurgia...) á vez que favoreceu a corrupción e o amiguismo.
Durante esta década podemos ao mesmo tempo constatar como o Partido Popular mantén nas relacións de xénero unhas posicións moi próximas á brisa católica e dentro desta ao sector máis conservador (OPUS DEI). Unha posición política que supón a defensa da familia tradicional como eixo central da convivencia social pero na que as mulleres ocupan un lugar secundario. A súa posición conservadora en relación ao aborto, as relacións de parella, o coidado dos nenos, a elección dos contidos dos textos e das disciplinas escolares son unha clara mostra de tal posición discriminatoria.
Podemos tamén comprobar como para este partido (PP) as denuncias sobre os efectos do cambio climático e en xeral todo o que se relaciona críticamente coa deterioración medioambiente non deixa de ser considerado propaganda sen fundamento real. Todo iso a pesar das continuas evidencias científicas sobre o crecente impacto da contaminación tanto industrial como urbana, ou sobre o excesivo e malgastador consumo dos recursos naturais. Así o goberno galego, na vez de investir en políticas defensoras do medioambiente e protectoras das recursos naturais, vén dando todas as facilidades para, por caso, a instalación de industrias contaminantes e/ou a expansión dunha agroindustria que ten un enorme impacto con, por caso, os seus residuos. O tempo despreza todo o que é avanzar na educación ambiental e/ou na fixación dunha auténtica fiscalizade verde que axudarían a unha maior concienciación.
Finalmente, resulta indiscutible que esta Xunta de Galicia (PP) menospreza dunha maneira irritante tanto a lingua como a cultura galegas e en xeral todo aquilo que forma parte da personalidade de Galicia e que nos identifica como país. Un desprezo que, por caso, tamén comprobamos coa súa negativa para avanzar na necesaria articulación institucional do país galego. Algo do que temos evidencia pola súa negativa para conseguir novas transferencias, cara a unha maior soberanía, pero que, por outra banda, están recoñecidas no actual Estatuto de Autonomía. Non está de máis subliñar que somos a única autonomía española que aínda non introduciu reforma algunha no seu estatuto.
Actuacións políticas deste tipo, que nas fases recesivas teñen un maior impacto negativo, levan a que esta sexa hoxe unha comunidade máis pobre, máis desigual, máis desbarajustada, con menor personalidade e tamén menos relevancia nos escenarios políticos nacional e internacional.
Non hai razón algunha para pensar que esta dinámica vaia a cambiar de seguir á fronte da Xunta de Galicia o partido (PP) que gobernou na última década e con maiorías absolutas. Unha evidencia máis preocupante cando, por mor dunha pandemia, entramos nunha nova fase recesiva sen abandonar definitivamente a anterior.
Por todas estas razóns Galicia precisa, por caso, un forte impulso do público e unha gran participación social. Algo que, como nos ensina a experiencia histórica, só é posible coas esquerdas gobernando. Velaí que considere moi necesaria a súa vitoria nas eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo.
Escribe o teu comentario