Feijóo prohibe a apertura de discotecas e establecementos de lecer nocturno ata xullo
A pesar de que na fase 3, na que xa se atopa Galicia desde este luns, estes establecementos tiñan permitida a súa reapertura cunha serie de condicións, a Xunta de Galicia emitiu unha orde para pospoñer o reinicio da súa actividade ata xullo.
Isto significa que o Goberno de Galicia, facendo uso das súas competencias para xestionar os seguintes pasos da desescalada coa entrada da comunidade na nova fase, considera que é precipitada a reapertura deste tipo de establecementos, polo que estes locais terán que esperar aínda unhas semanas, ata que termine o estado de alarma.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo uso este luns da súa capacidade como autoridade competente delegada para asinar un decreto polo cal apraza ata o mes de xullo a apertura de discotecas e establecementos de lecer nocturno na comunidade.
Fíxoo tras unha reunión inderdepartamental na que a Consellería de Sanidade expuxo un informe relativo a esta cuestión. A decisión supón aprazar unhas semanas a apertura deste tipo de establecementos, cuxo funcionamento estaría permitido polo proceso de desescalada xa desde a fase tres, na que Galicia entrou este luns.
Con todo, en opinión do Goberno galego, o funcionamento destes locais "non procede por agora", se non que consideran "preferible esperar" a que "se poida avaliar o resultado do levantamento doutras restricións", como o libre tránsito entre as catro provincias galegas, que tamén se permite desde este luns.
Durante as conversacións mantidas con membros do sector, a Xunta recoñeceu e agradeceu "" o esforzo que están a facer ao ver prolongadas as restricións que lles afectan "en aras da maior seguridade para o conxunto dos galegos". Do mesmo xeito, o Goberno galego trasladoulles "o seu compromiso para seguir traballando conxuntamente co obxectivo de que a apertura a partir de xullo poida facerse nas condicións máis viables que sexan posibles".
APERTURA DE XIMNASIOS
Coa entrada de Galicia na fase 3 reactívase tamén o funcionamento dos ximnasios, que, con todo, deberán manter as medidas de seguridade, separación e desinfección obrigadas, así como non permitir o uso de vestiarios.
Así mesmo, entre as novidades da fase 3 do plan de desescalada está a apertura ao público dos establecementos de hostalería e restauración para consumo no local ata o 50% do seu aforo e o consumo en barra sempre que se manteñan as distancias de seguridade. As terrazas ao aire libre poderán ser ocupadas ata o 75% da súa capacidade.
Escribe o teu comentario