Quo vadis Europa?

Manoel Barbeitos
Economista

De non cambiar moito as cousas poida que o coronavirus acelere o proceso de  marxinalización da Unión Europea dentro da actual economía mundo capitalista. Se en sentido contrario China dá un paso máis de fronte ao liderado, daquela a Unión Europea retrocede un chanzo máis. As razóns, como sempre, son políticas. As políticas públicas que baixo o férreo control da troica (Consello Europeo, Comisión Europea e Banco Central Europeo), pero impostas por Alemaña, veñen aplicándose desde que explotase a crise do 2008.


Unha última mostra inequívoca do que sinalo témola na súa reacción fronte a pandemia do coronavirus. Encorsetada nuns ríxidos tratados que xa mostraron a súa inadecuación para superar primeiro a crise financeira do 2008 e logo a posterior gran recesión, a Unión Europea segue sen dar os pasos necesarios cara a ser quen de actuar como unha auténtica unión para así facer fronte con garantías tanto ao reto do coronavirus como a nova crise que se nos vén encima e que acelera o seu impacto por mor da pandemia. Claro que para que iso suceda a Unión Europa tería que revisar moitos dos tratados asinados desde a súa constitución como UEM (Tratado de Maastrich, 1992). Revisión necesaria, xa que desde esa data a Unión Europea non fixo máis que afastarse dos obxectivos fixados na súa constitución.


O Artigo 2 do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea recolle que a comunidade ten por misión “un desenvolvemento harmonioso, equilibrado e sostible das actividades económicas no conxunto da Comunidade, un alto nivel de emprego e de protección social, un crecemento sostible e non inflacionista, un alto grao de competitividade e de converxencia dos resultados económicos, un alto nivel de protección e de mellora da calidade do medioambiente, a elevación do nivel e da calidade de vida, a cohesión económica e social e a solidariedade entre os Estados membros”.


Hai poucas dúbidas de que de todos estes obxectivos a UEM só pode presentar un balance positivo no control da inflación. Sobre o resto, a realidade europea presenta un panorama radicalmente distinto como así evidencian os propios informes internos (EUROSTAT). Unha dinámica económica marcada por sucesivas crises sistémicas, un elevado desemprego (que agora co coronavirus dispárase), un nivel de benestar que esconde os maiores índices de desigualdade social e de pobreza coñecidas na historia da UEM, unha grave deterioración media ambiental e, como motor político deste declive, un comportamento insolidario entre os estados membros que desnaturaliza a propia esencia da Unión Europea son hoxe a foto fixa da UEM. Ben é certo que non fixo falta que a pandemia de o  coronavirus puxese en evidencia estes fallos da unión pois xa viñan arrastrando desde moito antes.


Fallos que arrincan desde a propia constitución da comunidade europea cando sentaron as bases políticas da desigualdade e a desunión. Hoxe sabemos que para que  Alemaña aceptase asinar o Tratado de Maastrich os estados europeos tiveron que asumir a ortodoxia monetaria alemá: unha moeda forte (euro) en liña co marco e un banco central (BCE) que adoptase como propios os principios de o  Bundesbank. Unha bomba de reloxería para unha unión entre países con moi diferentes balanzas comerciais e fiscais. Unha bomba de reloxería que si se pode controlar nas fases expansivas da economía explota nas fases recesivas disparando as débedas públicas dos estados con déficits comerciais e fiscais. Estados que para compensar eses déficits e non tendo soberanía monetaria teñen que acudir as desvalorizacións internas para equilibrar as súas balanzas pero provocando recesións económicas por enfraquecemento da demanda como sucedeu recentemente logo da crise bancaria (2008).


Unha aposta pola de ortodoxia económica que tería a súa continuación en novos tratados que asinaron en pedra deberes austericidas para todos os estados da UEM. Así, coa aprobación dos MEDEECG e as reformas constitucionais oportunas, os estados da UEM comprometéronse a que o control dos déficits e o pago das débedas públicas tivesen prioridade sobre calquera outro obxectivo macroeconómico. Unhas débedas públicas para cuxa financiamento os gobernos europeos deben acudir aos mercados secundarios dado que, como quedara aprobado no Tratado de  Maastricht, o BCE a diferenza, por caso, da Reserva Federal ou o Banco de Inglaterra, non pode actuar de prestamista en primeira instancia. Un criterio que encarece enormemente o financiamento e dispara as débedas. Uns tratados ortodoxos que debilitan a demanda interna e levan aos estados da UEM de recesión en recesión pois primando a política monetaria sobre a política fiscal mesmo nas fases depresivas da economía están a impedir a recuperación económica e a creación de emprego á vez que disparan as desigualdades socias e os desequilibrios territoriais.


Unha ortodoxia sen base científica nin empírica que, contra toda lóxica económica, mantense mesmo cando se dan situacións de excepcionalidade gravidade como sucede actualmente coa crise provocada polo coronavirus. Unha crise cuxa resolución demanda unha política fiscal común fortemente expansiva fronte á cal a resposta das autoridades europeas poñendo o foco exclusivo na política monetaria deixa de novo en evidencia que a actual UEM non se apoia na solidariedade entre os seus membros senón no “sálvese quen poida” ... pero primeiro Alemaña.


Por este camiño non debería sorprender que as voces europeas que cuestionan as supostas vantaxes da pertenza á UEM sexan cada vez máis numerosas e potentes. Cada vez son máis os cidadáns europeos que refugan desta Europa insolidaria que incumpre os seus principios fundacionais.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE