Poida que se Alberto Nuñez Feijoo e a súa equipa souberan o que ía suceder nas vésperas do seu XXI Congreso nacional (PP) tiveran cambiado a data do mesmo, pois están sucedendo unha serie de acontecementos políticos que debilitan fortemente a súa estratexia de acoso e derribo ao goberno español de quenda (PSOE/Sumar) a pesar da lameira mediática e xudicial en contra deste.
O máis demoledor, polo de agora e á espera da apertura dos grandes casos de corrupción pendentes de xuízo (Gurtel, Kitchen.....), seguramente sexa o que vimos de saber da primeira ponencia de sentencia do Tribunal Constitucional sobre a Lei de Amnistía que practicamente avala todo o seu contido rexeitando así o recurso de inconstitucionalidade presentado polas dereitas extremas: unha labazada en toda regra. A demolición desta lei, que foi aprobada polo Parlamento español en marzo do 2024, foi en todo este tempo un obxectivo central na estratexia de ataques do Partido Popular ao goberno español pero que parece van rematar con resultados contrarios aos buscados. Un enorme revés político que ten unha dobre lectura tamén política: a primeira que estamos diante dunha contundente derrota política das dereitas extremas (PP, Vox) fronte ao goberno de quenda (PSOE/Sumar). A segunda que se a isto lle sumamos o ridículo da súa oposición a que o Parlamento europeo aceptara o emprego do galego, vasco e catalán nas institucións comunitarias entenderemos que estas manobras traerán efectos colaterais como un aínda maior distanciamento cos partidos nacionalistas o que afasta a posibilidade dunha moción de censura neste lexislatura.
Non son tampouco positivas para esta dereita extrema as novas que chegan en relación ao obxectivo de imputar ao Fiscal Xeral do Estado polo suposto delito de revelación de segredos. Consonte pasan os días, e a pesares dos esforzos do maxistrado Angel Hurtado e do xornalista Miguel Ángel Rodríguez, cada vez son maiores e mais grandes as evidencias de que o Fiscal Xeral, Alvaro García Ortiz, non cometeu delito algún pero que si estamos diante duns delitos de fraude fiscal, falsidade en documento mercantil, corrupción nos negocios e administracións desleal a cargo do señor González Amador aínda que se intentaran encubrir cunha serie ininterrompida de mentiras e con desviación de responsabilidades. Se todo transcorre como parecera lóxico este caso terminará co Fiscal Xeral, que foi obxecto de ataques desprezables, mantendo o seu prestixio e a súa honorabilidade intactos, que o señor González Amador terá que cumprir condena polos seus delitos e que Miguel Ángel Rodriguez seguirá sumando puntos na súa carreira como periodista barulleiro, mentireiro e pouco fiable. Será difícil que deste auténtico esperpento a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Ayuso, saia incólume dado o seu protagonismo que sumado ao escándalo das “residencias e os protocolos da vergoña” (co resultado de 7.291 mortes de maiores) pode carrexarlle grandes custos políticos a ela e ao seu partido (PP).
O espectáculo que está protagonizando o maxistrado Juan Carlos Peinado no chamado caso Begoña Gómez non está deixando en bo lugar nin ao poder xudicial nin as dereitas extremas. Como no caso anterior cada día que pasa hai mais evidencias de que non hai caso de tráfico de influencias e corrupción privada senón que estamos diante dun novo intento de acoso ás persoas do entorno do Presidente do goberno, Pedro Sánchez, co obxectivo de forzalo a que presente a súa dimisión xa que as dereitas por vía parlamentaria non son quen de derrubalo, por caso, cunha moción de censura.
A este cúmulo de erros e malas prácticas políticas por parte do Partido Popular (PP) habería que sumarlle a entrevista co embaixador de Israel nun intre en que cada vez son máis os líderes políticos europeos que se suman a iniciativa de Presidente Sánchez, que a Unión Europea condene o xenocidio que o goberno israelí está cometendo en Gaza e como consecuencia proceda á suspensión do comercio de armas e incluso algúns formulan a ruptura de relacións co goberno israelí cuxo primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, foi declarado como criminal de guerra pola Corte Penal Internacional (CPI).
No camiño súmanse as noticias positivas para o goberno español de quenda (PSOE/Sumar), e para os cidadáns dos pobos de España, como que o número de desempregados se sitúa por baixo dos 2,5 millóns -a mellor cifra dende o estoupido da crise bancaria do 2008- e o número de empregos en 21.784.375 cotizantes, entre outras razóns grazas a que España lidera o crecemento económico (2,4% interanual) na Eurozona (1,0%) segundo a OCDE.
Todo isto sucede nas vésperas de que o Partido Popular (PP) celebre o seu XXI Congreso Nacional. Será interesante coñecer o balance que da súa xestión como portavoz do Partido Popular presenta o señor Nuñez Feijoo e tamén cal é o seu programa de goberno. Como prequencemento as dereitas convocaron unha manifestación para o este domingo, 8 de xuño, cando aínda quedan dous anos (2027) para as vindeiras eleccións xerais. Unha convocatoria que ten toda a pinta que responde ao interese de aquel de defender o seu liderado nas dereitas fronte a Vox e a señora Ayuso. Un liderado que segundo as enquisas máis fiables está en perigo pola pobre valoración cidadán na que se ve superado non só por Pedro Sánchez senón mesmo por Santiago Abascal (https://elpais.com/espana/2025-06-02/sanchez-mejora-en-valoracion-ciudadana-desde-las-elecciones-y-abascal-supera-a-feijoo.html).
Escribe o teu comentario