O Goberno de España e o coronavirus

Manoel Barbeitos
Economista

Estou seguro de que nin nolos seus peores pesadelos tanto Pedro Sánchez (PSOE) como Pablo Iglesias (UP) chegaron a pensar que lles tocaría gobernar nas circunstancias actuais: cunha dobre crise provocada por un virus descoñecido (CODVID-19) que obriga a un confinamento que está a paralizar as cadeas de produción e distribución, e unha importante recesión económica que xa tiñamos encima e que economicamente se pode definir como unha crise de oferta. Que a primeira experiencia da democracia española actual cun goberno das esquerdas prodúzase en tales circunstancias, das que de ningunha maneira pódeselles responsabilizar, debería condicionar as análises e os comportamentos políticos e sociais. Desgraciadamente non é o caso.


Resulta natural que un goberno novo e plural con escasa ou nula experiencia de goberno precise dun certo período de axuste para facerse cargo das pancas de poder, para delimitar claramente as responsabilidades individuais e colectivas e para poñer en marcha a engrenaxe dunha nova distribución de responsabilidades nos distintos ámbitos da administración pública. Se a isto engadímoslle as necesidades derivadas da dobre crise anteriormente enunciada que reclaman accións urxentes e inmediatas concluiremos que o novo goberno ben se merecía unha marxe de confianza e de tranquilidade: cando menos os famosos cen días de graza.


Pero tal cousa non sucede. A pesar de que no curto período de tempo que levan gobernando (PSOE/ UP) tomaron unha serie de medidas importantes que buscan, en primeira instancia, paliar na medida do posible o impacto da epidemia sobre os sectores e colectivos máis afectados (asalariados, autónomos, comercio polo miúdo, pemes…), este goberno non dispuxo desa marxe, xa que, practicamente desde o día seguinte en que se formou o goberno, as dereitas políticas e os seus altofalantes, a diferenza por caso do que sucede en moitos estados europeos da nosa contorna tamén castigados pola pandemia, decidiron non dar un momento de respiro ao novo goberno e lanzaron toda a súa artillería contra o mesmo, nun acoso que facilite a unha derriba. Unha estratexia política que pon en evidencia como estas dereitas antepoñen sempre a súa ambición de poder ás necesidades da maioría da poboación.


Por se isto non fose suficiente, o novo goberno español de esquerdas atópase coa realidade actual da Unión Europea. Porque se resulta indiscutible que os gobernos europeos máis castigados pola pandemia precisan urxentemente de liquidez para facer fronte aos danos provocados pola mesma (no emprego, na comercialización, na produción) as autoridades europeas néganlle o apoio que precisan. Aparafusada no seu deriva neoliberal, que lidera con man de ferro Alemaña, a UE non é quen de atender esta necesidade de fondos, derivada da falta de ingresos, tanto dos gobernos como dos cidadáns. Unha vez máis, e cando máis se precisaba dunha acción conxunta e coordinada, a Unión Europea opta polas accións individuais e que supoñen máis austeridade e, por tanto, máis débeda. Caro, moi caro vai pagar a Unión Europea esta deriva insolidaria e fundamentalista que beneficia a uns estados (liderados por  Alamana: Austria, Holanda, Finlandia) pero prexudica a unha grande maioría (tanto aos estados do sur como do leste). Unha deriva que, por outra banda, favorece o crecemento das opcións xenófobas e de extrema dereita que crecen en presenza de gobernos europeos.


A pesar deste marco tan desfavorable, hai que facer xustiza a este goberno. A pesar dos fallos derivados tanto da descoordinación, unhas veces provocada polos celos mutuos (moi especialmente do PSOE con relación a UP) e outras das lóxicas diferenzas ideolóxicas, como nunha gran parte a que, obrigatoriamente, teñen que ser improvisadas, o balance das medidas adoptadas é positivo e deixa ben clara a preocupación deste executivo por aqueles que peor o están pasando (traballadores, autónomos, comercio polo miúdo, pemes). Algo que en España non sucedía desde fai moitos, moitos anos.


Por estas razóns non resulta arriscado subliñar que se este goberno (PSOE/ UP) é quen de manter o barco á boia durante a pandemia hai goberno das esquerdas en España por moito tempo a pesar das terribles presións que lle chegan de moitas frontes (nacional e internacional) para que, por caso, o PSOE rompa con UP (os ataques que está a recibir esta organización e moi especialmente o seu líder Pablo Iglesias resultan realmente indignantes e vergoñosos). Así parece entendelo o movemento sindical maioritario (UXT, CCOO) que está a ser, cun sentido da responsabilidade e a xenerosidade admirables, un soporte moi importante para este goberno. Tamén a maioría dos cidadáns dos pobos de España, pois practicamente todas as enquisas dan que, a pesar dos erros, este goberno segue tendo o apoio maioritario da cidadanía. Sería, así e todo, preciso un maior e mellor entendemento do goberno español cos gobernos autonómicos para o que ambas as partes deben superar vellas desconfianzas, conxelar algunhas reivindicacións xustas pero fóra de contexto e apoiarse mutuamente pois non deberían esquecer que ambas as administracións públicas precísanse .


Ningunha das partes anteriormente citadas debe, por caso, esquecer a desfeita económica, social,  político e institucional provocada estes anos pasados polas dereitas españolas (PP).  


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE