A liberdade de horario para comercios decretada pola Xunta "vai en contra da saúde", denuncia CCOO
A Federación de Servizo CCOO de Galicia considerou "inapropiada e inadecuada" a resolución da Xunta sobre a liberdade horaria de establecementos de primeira necesidade publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 15 de marzo por considerar que "vai en contra da saúde".
A Federación de Servizo CCOO de Galicia considerou "inapropiada e inadecuada" a resolución da Xunta sobre a liberdade horaria de establecementos de primeira necesidade publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 15 de marzo por considerar que "vai en contra da saúde".
Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato sinala que o acceso aos bens imprescindibles "xa está garantido" polo real decreto no que o Goberno de España declara o estado de alarma, ademais da afirmación das grandes distribuidoras de alimentación, que indican que "o abastecemento de todos os supermercados e hipermercados está garantido".
De feito, o sindicato asegura que a maioría das empresas do sector tomaron a decisión de reducir o seu horario comercial para atender tanto a reposición de mercadoría como a desinfección dos centros, e así preservar as garantías de saúde do persoal e da propia clientela.
Por esta razón, CCOO sostén que "non cabe facer normas que alenten un efecto chamada cara aos comercios de alimentación" cando, para o sindicato, o importante é que prevaleza a mensaxe de quedarse na casa.
Ademais, considera que este tipo normas tamén promoven a "competencia desleal" entre formatos comerciais "no momento máis inoportuno". Para o sindicato, "non é hora de facer negocio" nin tampouco "poñer máis en risco a saúde das persoas traballadoras".
Por todo isto, insta á Xunta de Galicia a derrogar de forma "inmediata" a medida adoptada respecto da liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade.
Escribe o teu comentario