Un Celta heroico gaña a “final” contra o Leganés e afástase da zona vermella
Pouco pasara ata a expulsión do croata, pero a partir de aí o partido entrou nunha dinámica na que os visitantes reclamaban cada acción mentres tentaban arrinconar a un Celta que viu os seus plans trastornados e tivo que reinventarse sobre a marcha.
Un gol de Aspas deu os tres puntos ao Celta de Vigo, que tivo un partido complicado ao quedar cun menos aos 20 minutos de partido.
O Celta suma outra vitoria en casa | Foto: RC Celta
Por fin empezan a chegar os resultados a Balaídos. O equipo de Óscar García, que ata fai poucas xornadas viña recollendo máis fútbol que froitos desde a chegada do técnico á entidade celtiña, por fin empeza a ver como o seu xogo empeza a reportarlle puntos. E hoxe logrouno nun escenario difícil, cun xogador menos case todo o partido e contra un rival directo como o Leganés que, do mesmo xeito que o Celta, tiña todo que gañar e pouco que perder. Un gol de Iago Aspas á hora de xogo deixou os tres puntos en Vigo.
GAÑAR SUFRINDO
Pero nesta ocasión ao triunfo deste Celta hai que darlle valor máis aló do xogo, xa que o equipo, que quedou cun menos pola expulsión do recentemente chegado Bradaric aos 20 minutos de xogo, deu unha lección de orgullo e de non perder nunca a cara ao partido, a pesar de telo todo en contra. Pouco pasara ata a expulsión do croata, pero a partir de aí o partido entrou nunha dinámica na que os visitantes reclamaban cada acción mentres tentaban arrinconar a un Celta que viu os seus plans trastornados e tivo que reinventarse sobre a marcha.
Con todo, aguantou as arremetidas dos pepineros no primeiro tempo, que tentou superar a Rubén Blanco con centros laterais e xogadas a balón parado. A ordenada zaga celtiña abortou todas as accións de perigo, que sempre buscaban a Guido Carrillo.
A PILLERÍA DE ASPAS
Na segunda parte Aguirre puxo máis carne no asador coa entrada de Óscar, que se converteu no gran protagonista do gol do Celta. Previo ao tanto de Aspas, o xogador do Leganés fixo unha dura entrada sobre Olaza, que o colexiado castigou coa vermella, pero o VAR obrigou a rectificar ao árbitro, que deixou a acción en amarela. A deliberación tardou un intre e deixou a case todos fríos, menos a Aspas, que estivo máis listo que todos no balón centrado polo lateral charrúa e rematou ao fondo da rede cun disparo cruzado.
O 1-0 obrigou aos galegos para manter a orde defensiva e tentar saír á contra. O Leiga tentou martillear a un Celta ao que lle pesaban os minutos, pero que non renunciou a un só balón. O bo facer defensivo fixo que os locais non sufrisen excesivos apuros para amarrar tres puntos fundamentais. Co triunfo, o Celta suma tres xornadas sen perder- con rivais de enxunlla como Sevilla, Madrid ou un “coco” como o Leiga-, dous triunfos seguidos na súa casa e distánciase en dous puntos da zona de descenso, que pecha o Mallorca con 22 puntos. Hai brotes verdes en Vigo e empézanse a ver. Queda moita Liga, pero hai lugar á ilusión no cadro celeste.
Escribe o teu comentario