Isabel Fraga, que destapou o acoso sexual no Corte Inglés: "Aínda hai moitas traballadoras acosadas e silenciadas"

Isabel Fraga, a muller que sufriu o acoso continuado por parte dun xefe de planta cando era vendedor no Corte Inglés de Santiago de Compostela, leva hoxe ante os tribunais á persoa que lle fixo a vida imposible durante anos e á compañía que tapou o seu caso. A vítima atende a Galiciapress para debullar todo o proceso que, despois dunha sentenza polo laboral en 2017 onde quedaba probado que a compañía non fixo nada por axudala, enfronta agora ao seu acosador pola vía penal.


|

Isabel Fraga, a muller que sufriu o acoso continuado por parte dun xefe de planta cando era vendedora no Corte Inglés de Santiago de Compostela, leva hoxe ante os tribunais do penal   á persoa que lle fixo a vida imposible durante anos e á compañía que tapou o seu caso. A vítima atende a Galiciapress para debullar o proceso en o que, despois das entencia do laboral onde queda probado que a compañía non fixo nada por axudala, enfróntase agora ao seu acosador e á compañía.


De fondo, o feito probado de que ademais de Isabel hai outras traballadoras sufrindo o acoso dos seus superiores no Corte Inglés da capital galega, senón tamén noutros centros da empresa en Galicia, onde tamén foi condenada por repetir o mesmo sistema de silencio e castigo ás vítimas de acoso.



Isabel o corte ínguas vendedora acosada

Isabel Fraga atendeu a Galiciapress para contar a súa historia



Isabel Fraga leva moitos anos esperando por este día. Este 5 de febreiro Isabel e o seu marido, Manuel Cao, van sentar no banco dos acusados a un exjefe de planta no Corte Inglés de Santiago de Compostela, o home sobre o que a acusación tratará de probar o acoso sexual e laboral co que someteu de forma continuada á demandante, sempre coa permisividade dunha compañía que non fixo nada por defender a unha das súas traballadoras, que se viu obrigada a rescindir o contrato coa empresa cando esta suxeriulle que “deixase correr” o acoso que estaba a sufrir por parte do seu superior.


Tanto Isabel como o seu marido seguen no paro despois de desligarse da compañía. “Por desgraza, debido á presión que sufrían, tiveron que abandonar a empresa”, lamenta Roberto Alonso, membro da executiva federal da CIG, que tamén destaca que a parella da vítima non era un operario máis, senón “xefe de planta”. “Levabamos toda unha vida no Corte Inglés”, engade Isabel, que, ademais de estar desempregados, explica que este proceso deixoulles secuelas importantes. “O meu marido leva con medicación tres anos e vai a terapia; eu quizais estou un pouco mellor que el, pero xa non es a mesma de antes. Isto déixache tocado”, comenta Isabel.


ANOS DE LOITA

O camiño foi longo para as dúas vítimas que levan desde 2017, que é cando abandonaron a empresa e cando gañaron a primeira batalla despois de que os xulgados do laboral determinasen que desde a dirección non actuaran para evitar o acoso e que tampouco se molestaron "en investigar os feitos", loitando por que se faga xustiza. “Queremos que a xustiza recoñeza o delito tanto do acosador como da dirección do centro”, recalca a vítima. En marzo serán os exdirectivos os que senten no banco.


Uns feitos que se remontan a hai varios anos, cando o por entón xefe de unha  planta do Corte Inglés de Santiago de Compostela comezou a acosar á demandante: rozamentos, tocamentos, xestos obscenos, ensináballe material pornográfico…Cando Isabel notificou ao Corte Inglés que estaba a ser acosada, critica que desde a compañía “non fixeron absolutamente nada” porque tanto o demandado como o xefe de persoal e o xefe rexional “eran íntimos amigos”. “El (polo demandado) tiña carta libre para actuar como lle dese a gana: despedir a quen quixese e ter o seu corralito, que é xusto o que el quería, ter un harén. Pero como unas cantas dixémoslle que non e el cansouse de insinuacións sen ser correspondido o que tentaba era botarnos a base de malos tratos psicolóxicos e acoso sexual”, explica Isabel.


“A dirección sabía desde 2015 mediante os sindicatos, que tampouco fixeron demasiado, que neste departamento tiñamos moitos problemas con este suxeito, do que todo o mundo sabía que lle tiraban moito as saias”, critica Isabel, que avanza que o demandado viña xa de traballar no hipermercado, onde se viviron episodios parecidos, antes de coincidir no mesmo departamento.


ACOSO E AMEAZAS

Con todo, estas prácticas de acoso non se cinguen exclusivamente a traballadoras. Isabel tamén denuncia que o demandado acosou laboralmente a outro empregado, ata o punto de que  tamén perdeu o seu emprego, porque este traballador “tiña moi bos números de venda, mellores que outras compañeiras que recibían un trato de favor por parte do xefe de planta (dábanlle máis vendas, non tiñan que facer algúns traballos que si faciamos as demais vendedoras…), e porque lle plantaba cara a este suxeito e dicíalle que non era xusto o trato que nos dispensaba”.  


O caso de Isabel saltou polo aire xusto cando despediron a este compañeiro tamén acosado laboralmente, que demandou á empresa. “Citáronme para testificar no xuízo e antes de que se celebrase chamáronme desde a dirección para pedirme explicacións sobre por que ía a acudir ao xuízo. Aí foi cando expliquei que o despedimento do meu compañeiro era inxusto e o acoso ao que me estaba sometendo o xefe de planta coas súas insinuacións e tocamentos”, expón Isabel. O xefe de persoal limitouse a dicirlle a Isabel que o presunto acosador era “moi simpático” e “que non lle fixese caso e seguise”.


Corte ínguas santiago

O Corte Inglés de Santiago de Compostela


Na mesma liña, o xefe de persoal advertiulle que se ía ao xuízo –finalmente este non se celebrou porque as partes chegaron a un acordo- podería traerlle “consecuencias”. Ademais, por estas datas tamén foi cando, tal e como recolle a sentenza, desde a dirección coaccionaron ao seu marido por “non saber controlar á súa muller”, ao que lle chegaron a facer elixir entre o seu matrimonio ou o seu emprego. “Non puxeron en marcha nin o protocolo de prevención de riscos para cambiarme de planta e afastarme desta persoa; creo que no fondo o que querían era ver se eu aguantaba ou se estalaba para que marchase”, agrega Isabel.


Sobre os motivos que levaron a Isabel a ocultarlle ao seu marido o acoso que estaba a sufrir ela explica que a súa intención era “protexelo” e evitar máis problemas na empresa, xa que o seu marido e o seu acosador compartían categoría e “víanse sempre nas reunións”. “Cando collín a baixa nunca lle dixen que era polo acoso sexual, sóuboo despois cando se iniciou o CISA (Comisión de Intervención en Situacións de Acoso), que foi o momento no que desde a empresa empezaron a atacar ao meu marido”, denuncia Isabel.


Nese sentido, a afectada argumenta que ela non se decatou de que estaba a sufrir acoso sexual ata que foi ao médico para pedir a baixa. “Foi o doutor o que me dixo que a situación que estaba a vivir eu correspondíase cun caso de acoso sexual, eu sabía que non era normal pero non podía poñerlle un nome”, razoa a vítima, que tamén fai fincapé en que na empresa nunca recibiron formación para afrontar e previr este tipo de casos “máis aló dunha charla de media hora”. Roberto Alonso reitera nese sentido a falta de formación das traballadoras e a pouca implicación da empresa para evitar este tipo de casos.


ISABEL ERA A PUNTA DO ICEBERG

Pero por mor da investigación interna do CISA constatouse non só que Isabel estaba a ser acosada, senón que outras compañeiras súas estaban a recibir o mesmo trato . “O comité cando entrevistou a xefes e compañeiros pola miña denuncia viu que había máis vendedoras acosadas, pero eu non o sabía”, matiza a denunciante, que advirte que os comportamentos obscenos do presunto acosador ían dirixidos tamén ás clientas con comentarios como “que polvazo ten esa” ou “o que che facía con eses morritos”.


Todas as compañeiras detectadas polo CISA estaban a ser molestadas polo mesmo individuo, que lonxe de ser castigado pola empresa mesmo foi ascendido. “No propio informe da comisión de acoso, que foi brutal e demoledor, detectáronse máis mulleres afectadas, o que é moi grave non só pola parte do acosador, senón tamén por parte da dirección, que sendo coñecedora dos feitos non actuou antes”, sinala Roberto Alonso.


Con todo, o clima de medo que describe como predominante na empresa, onde a diario di silenciábase e castigaba ás vítimas, impediu a outras persoas acosadas a denunciar o ocorrido “por medo” ao ver que os traballadores que si se atreveron a dar ese paso “tiveron que abandonar a empresa”. Doutra banda, Isabel indica que algunhas das traballadoras acosadas xa non pertencen á empresa ou cambiaron a súa situación dentro da compañía, aínda que a firma non facilitou a ningunha delas a saída ou o cambio de departamento. Cabe destacar que, como sinala Isabel, “algunhas traballadoras non teñen recursos suficientes ou a súa situación persoal impídelles meterse en barullos legais”, motivos que as botan atrás á hora de ir contra un xigante como O Corte Inglés.


MESMO MODUS OPERANDI

Con todo, e aínda que o centro comercial compostelán puidese parecer un caso illado, en Galicia rexistráronse outros episodios de acosos sexual en centros do Corte Inglés onde a compañía tamén tentou minimizar o escándalo. En 2018 a empresa foi condenada polo TSXG por consentir o acoso a unha traballadora do outlet coruñés de Altamira por parte dun superior.  “Eles teñen este tipo de persoal formado que dan aos acosadores, porque se non terían que cortalo xa, porque pasa en Vigo, na Coruña, en todos os centros de Galicia”, lamenta Isabel.


Por isto, Isabel pon o foco sobre a cúpula da empresa, porque a pesar de despedir a algúns dos implicados despois de que o programa Salvados fixésese eco da súa denuncia, O Corte Inglés argumentou que os despedimentos se debían ao “proceso de reestruturación” que a empresa está a acometer a nivel nacional. “Se tivesen un pouco de decencia admitiríano, O Corte Inglés non recoñeceu o acoso e escúdanse en que os despedimentos responden a temas administrativos. É unha empresa que está podrecida e que debe de ver como algo normal o acoso a unha vendedora”, reprende Isabel. 


Na mesma liña, desde a CIG argumentan que aínda que ese proceso de renovación levou a mulleres a ocupar altos cargos dentro da compañía, O Cortei Inglés segue sendo “unha empresa moi machista e moi feminizada, que daba por feito que a muller debe sufrir ese tipo de acoso como algo normal”. Aínda que Galiciapress tentou contactar coa dirección do centro compostelán para concer a súa versión sobre o caso, de momento non recibimos resposta á nosa consulta. 


Isabel salvados

Isabel xunto a Gonzo no programa Salvados


Con todo, e a pesar dos despedimentos, Isabel sinala que aínda hai persoas que pertencían ao círculo do seu acosador e implicadas no caso que aínda seguen formando parte do centro comercial santiagués. “Seguen os mesmos xefes que estaban con el, aínda hai empregados que acosan ás vendedoras, os traballadores que tiñan trato de favor con el aínda o manteñen, e os compañeiros cos que aínda teño contacto dinme que alí non cambiou nada”, subliña Isabel.


Agora, co xuízo xa a piques de celebrarse, Isabel espera que este camiño que a levou ata aquí conclúa cunha sentenza na que tanto o acosador como os implicados saian “culpables de acoso sexual e que iso figure no seu expediente”. Ademais, a vítima cre que se a compañía admitise a súa culpa e mostrase arrepentimento “poderiamos pensar que algo está a cambiar, pero en lugar diso tápano”. “Oxalá poida cambiar algo, por toda a xente que queda alí e sofre acoso pero aguanta e chora en silencio por medo a que a despidan”, di Isabel, sen moita esperanza de que as cousas vaian cambiar de portas dentro no Corte Inglés. “É algo ilusorio”, conclúe Isabel. 

relacionada ​O encubrimento dun caso de acoso sexual volve sentar ao Corte Inglés de Santiago no banco de acusados
relacionada El Corte Inglés baralla pechar o seu centro comercial en Marineda Coruña

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE