Morre un paciente nos corredores de urxencias do hospital do SERGAS en Santiago, denuncia un sindicato médico
A organización sindical Médicos de Galicia Independentes O'MEGA asegura que faleceu un enfermo "cando estaba a esperar, nun corredor, a que fose atendido por un médico" este xoves no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). O colectivo de galenos engade, nun escrito remitido a Galiciapress, que non había médicos porque "todos estaban ocupados con outras urxencias e, a pesar de ser levado á unidade de críticos, nada puido facerse pola súa vida". A Xunta confirma e lamenta o falecemento; ademais de explicar que foi clasificado como "non grave" dez minutos despois de chegar.
Enfermo nos corredores de urxencias do CHUS en Santiago o venres nun vídeo remitido por doentes
RESPOSTA DA XUNTA
Galiciapress contrastou a noticia de última hora con fontes oficiais da EOXI do SERGAS en Santiago, que responderon case de inmediato.
"En primeiro lugar lamentar o falecemento dun home de 84 anos onte no servizo de urxencias do Hospital Clínico. Tras unha primeira análise de todo o sucedido, conclúese que o enfermo referido tivo a primeira atención sanitaria en menos de dez minutos da súa chegada ao Servizo de Urxencias do Hospital Clínico"
Desde o CHUS sinalan que "se trata dun enfermo de 84 anos con numerosas comorbilidades que na primeira valoración sanitaria foi clasificado como prioridade non grave. Os seus parámetros non revelaban gravidade nin indicaban prioridade sanitaria alta. Estando á espera de ser situado en box para unha segunda exploración, produciuse deterioro da súa saúde, polo que foi inmediatamente ingresado na zona de Críticos onde posteriormente confirmouse o seu falecemento".
"MÁIS DUNHA HORA" NO CORREDOR
O relato dos denunciantes indica que o paciente levaba "máis dunha hora" no corredor. Algo que "non é tempo excesivo, pero si o é se o sitio en que se lle 'estaciona' está fóra do control directo do persoal sanitario".
O'MEGA xa denunciou a morte de dous pacientes nas urxencias do CHUS o ano pasado. O caso chegou a ser investigado pola Xustiza, que deduciu que non había responsabilidades penais para o SERGAS.
A doutora Fátima Nercellas adianta que o seu sindicato levará tamén este caso aos xulgados. "Cando mo pasan a críticos só podo certificar a súa morte", asegura a médico que traballa no servizo de urxencias do CHUS.
Este mesmo inverno, O'MEGA xa denunciou publicamente polo menos dúas veces o "colapso" das urxencias no CHUS. Denuncia que confirmaron tamén varias veces desde a Asociación de Pacientes e Usuarios deste hospital.
Os dous colectivos remitiron aos medios fotos e vídeos en varias ocasións estas semanas. Nas imaxes sempre ven ducias de pacientes, algúns en padiola e cadeira de rodas, esperando nos corredores do hospital, despois do triaje. Circunsancias idénticas nas que, presuntamente, sucedeu o falecemento do xoves.
Por exemplo, estas son as imaxes remitidas este venres, un día despois de a morte coñecida hoxe:
O SERGAS s sempre respondeu a estas imaxes argumentando que un instante non pode servir para xulgar o funcionamento de todo o servizo de Urxencias do CHUS. Ademais desde a Xunta lembran que este inverno incorporou máis de 80 profesionais para atender o aumento da demanda, habitual nestes meses pola gripe.
O'MEGA FALA DE SEIS MORTES
O'MEGA insiste en que non estamos ante unha morte puntual, "porque xa van seis feitos puntuais neste Centro de Santiago". O sindicato lembra que levou os casos á Xustiza, que non atopou responsabilidades nos médicos.
Entenden que "hai un veo escuro que oculta o chegar a outros posibles responsables das carencias estruturais dos Servizos de Urxencias xa que son cargos de designación política que só poden xulgarse nese ámbito". A responsable da EOXI de Santiago non ten carreira política pero si un perfil relevante politicamente, ao ser Eloína Nuñez prima do presidente da Xunta Alberto Nuñez Feijóo.
Escribe o teu comentario