Universitarias irán a clase vestidas de home para render homenaxe á pioneira Concepción Arenal
As alumnas da USC acudirán a clase este xoves, día 30, vestidas con indumentaria masculina para renderlle homenaxe á escritora ferrolá Concepción Arenal, a primeira muller en asistir a unha universidade española e que tivo que facerse pasar por home para acudir a clase.
Un 'photocall' masculinizado e unha conferencia de Manuel Carmena son algúns dos actos de homenaxe da Universidade Santiago á intelectual que abriu o camiño para que as mulleres galegas puidesen acceder á educación superior.
A Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo, así como as Facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias Políticas e Sociais, Filosofía, Matemáticas, Ciencias da Educación, Óptica e Optometría e Química en Santiago marcarán o inicio do ano Concepción Arenal con distintas performances que pretenden render homenaxe a esta precursora do feminismo que tivo que facerse pasar por home para poder recibir formación universitaria.
Segundo informa a USC, o alumnado de Química pousará este xoves para unha fotografía entre as 11,00 e as 11,10 horas ante a fachada do centro, mentres que en Filosofía farán o mesmo entre as 12,00 e as 12,30 horas.
Pola súa banda, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, entre as 12,50 e as 13,10 horas darase lectura únaa antoloxía de afirmacións extraídas do texto que Concepción Arenal presentou ao Congreso Pedagóxico de 1892 baixo o título 'A educación da muller'. O venres 31, será a Escola Politécnica Superior de Enxeñería en Lugo a que acollerá unha performance en homenaxe á autora.
BICENTENARIO DA AUTORA
O 31 de xaneiro de 2020 conmemóranse douscentos anos do nacemento de Concepción Arenal , diplomada en Dereito, escritora, xornalista, poeta e autora dramática á que a USC quere render homenaxe con distinto actos.
Entre eles, a exalcaldesa de Madrid Manuela Carmena impartirá este venres, día 31, a partir das 13,00 horas, un relatorio na Facultade de Dereito da USC, baixo o título 'Concepción Arenal hoxe'. Ademais, o reitor, Antonio López, xunto ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, tomará parte ese mesmo venres, ás 12,30 horas, no acto de inauguración do busto de Concepción Arenal nos xardíns detrás do Pazo de Raxoi.
A Universidade traballa tamén no desenvolvemento de diferentes iniciativas para homenaxear á autora, entre as que destaca unha exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o título 'Concepción Arenal. A conciencia da razón'.
Así mesmo, a celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente.
Escribe o teu comentario