Santiago comezará a multar por pisos turísticos sen licenza nas próximas semanas
A concelleira de Urbanismo de Santiago adianta a Galiciapress que o Concello “vai poñer en marcha unha estrutura técnico-administrativa para facer inspeccións e sancionar á xente que non ten licenza”. Mercedes Rosón confirma así que o municipio tomará pronto máis medidas concretas contra o “moi alarmante” problema dos pisos turísticos, que contribúe ao encarecemento do aluguer común ata o punto de afastar da cidade a familias e estudantes..
A concelleira de Urbanismo de Santiago adianta a Galiciapress que o Concello “vai poñer en marcha unha estrutura técnico-administrativa para facer inspeccións e sancionar á xente que non ten licenza”. Mercedes Rosón confirma así que o municipio tomará pronto máis medidas concretas contra o “moi alarmante” problema dos pisos turísticos, que contribúe ao encarecemento do aluguer común ata o punto de afastar da cidade a familias e estudantes.
Turistas en Santiago nunha imaxe de Bea Piñón para Europapress
En conversación con esta redacción, Rosón confirma que o alcalde Sánchez Bugallo xa mantivo unha reunión co conselleiro de Cultura sobre esta cuestión. Ademais, adianta que hai outra prevista para este mes, na que participará a edila de Urbanismo e o de Turismo, Gumersindo Guinarte.
Máis aló dos froitos desas necesarias negociacións (a Xunta é a que ten a competencia sobre a regulación de pisos turísticos) o Concello de Santiago aplicará xa as súas competencias en urbanismo.
“Na parte urbanística, a parte da suspensión de novas licenzas para pisos turísticos, o que imos poñer en marcha é unha estrutura técnico-administrativa para facer inspeccións e sancionar á xente que non ten licenza”, explica a primeira tenienta de alcalde. Cuestionada sobre cando estima que estará en marcha a nova operativa, a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Ciudad Histórica e Acción Cultura estima que “nas próximas semanas”.
“MALO E CARO” EN ALUGUER EN SANTIAGO
Rosón argumenta que o problema dos pisos turísticos é tan grave que pon en cuestión o identidade da urbe. “O pouco aluguer aluguer que hai é malo e caro”, apunta; antes de advertir que tanto familias como estudantes teñen dificultades para atopar vivendas na capital, o que loxicamente os empuxa cara a municipios limítrofes.
A número dous de Raxoi razoa que politicamente o Concello que goberna o PSOE debe tomar medidas porque “é un problema para Santiago como cidade, que vive en parte do turismo e hai que buscar equilibrio, pero o concello ten que mirar primeiro polos seus cidadáns”.
A promesa de combater os pisos turísticos foi unha das claves do programa de Sánchez Bugallo. O mandatario socialista queixábase que o anterior concello de Compostela Aberta mantiña un discurso crítico cos aloxamentos turísticos, pero que na práctica non perseguía aos que vulneraban as normas.
O PSOE xa logrou a finais de ano o apoio de todos os grupos para estender a prohibición de novas licenzas. Xa non se podían conceder para o Centro histórico, agora a moratoria afecta a toda “a parte máis urbana” da cidade.
Rosón está convencida que o Concello pode sancionar aos que xestionen pisos turísticos sen licenza, aplicando as normas de urbanismo. “Temos moi claro o que é unha vivenda e o que é unha vivenda turística”, adianta.
Cuestionado recentemente pola problemática compostelá, o conselleiro de Cultura cifrou en unicamente 681 os pisos santiagueses rexistrados como vivendas turísticas. Román Rodríguez xustificou as poquísimas sancións impostas - 31 en toda Galicia en tres anos- nas escasas denuncias.
Nun estudo elaborado en 2018 mergullando nos principais portais do sector, o Concello de Santiago contabilizou entón máis de mil pisos turísticos. A presión política e administrativa parece, iso si, que comeza a facer pensar aos propietarios. En 2018, só había 246 aloxamentos rexistrados en Compostela, 435 menos que agora.
CIFRAS OFICIAIS A NIVEL GALICIA
Oficialmente existen en Galicia 9.872 vivendas deste tipo. O 45,7 por cento, unhas 4.500, están dadas de alta na provincia de Pontevedra, mentres que na Coruña operan o 37%, en Lugo case o 13% e en Ourense pouco máis do 3%.
Escribe o teu comentario