Entre as moitas lecturas que nos deixa este 10 N una das máis relevantes é que estas novas eleccións eran totalmente innecesarias. Así o entenderon moitos cidadáns, o que levou a un incremento importante da abstención (1,3 millóns de votos menos que nas eleccións anteriores) que castigou especialmente ás esquerdas (PSOE, UP). Unha abstención derivada do enfado e a indignación co comportamento absolutamente irresponsable e inmaturo tanto de Pedro Sánchez (PSOE) como de Pablo Iglesias (UP). Non é cuestión agora de asignar porcentaxes de responsabilidade, pero si de subliñar que, como evidencia a importante perda de apoio por parte dos dous partidos (10 escanos menos), o comportamento político destes dous dirixentes, que non atenderon o que era para todos evidente que quería a maioría dos seus votantes (un goberno de esquerdas), tivo o seu castigo electoral. Un castigo que a punto estivo de provocar un terremoto: ben se pode dicir que tanto PSOE como UP salváronse pola campá (a diferenza entre as esquerdas e as dereitas estatais foi de 0,5% puntos).
Outras das lecturas, non menos relevante, é a de que os chamados partidos independentistas (e, moi especialmente, o PNV e ERC) son partidos importantes, necesarios para gobernar en España desde a esquerda. Máis aínda, logo destas eleccións resulta evidente que sen os partidos nacionalistas (e, moi especialmente, o PNV e ERC: 20 deputados entre os dous) non se pode gobernar España. Unha evidencia que non deberán obviar nin PSOE nin UP pero tampouco PNV e ERC, que deben comprometerse no goberno de España si queren avanzar no goberno das súas respectivas comunidades. ERC en especial deberían sacar tamén os debidos ensinos do resultado das eleccións en Cataluña, por caso a irrupción de VOX (2 deputados) e a confirmación de que se mantén practicamente o empate entre independentistas (23 deputados) e non independentistas (25 deputados).
Se os partidos nacionalistas son unha parte imprescindible do escenario político español non é menos certo que este segue ocupado maioritariamente polas esquerdas (189 deputados: 54%) a pesar dos erros xa citados dos principais partidos (PSOE, UP). Unha esquerda que, por outra banda, é plural, o que obriga a un gran esforzo marcado polo entendemento e a xenerosidade.
Estas novas eleccións volveron deixar en evidencia, a pesar das aparencias e urxente necesidade de modificar o sistema electoral español, que se corresponden cun bipartidismo dinástico (PSOE e PP co 49,3% dos votos obteñen o 59,5% dos deputados), e substituílo por outro máis representativo da vontade popular (a dereita española con menos votos que as eleccións anteriores saca 2 escanos mais) e que, por tanto, recolla debidamente a indiscutible pluralidade do electorado español (15 partidos políticos obtiveron representación nestas eleccións pero cun custo moi diferente, por caso si cada deputado do PSOE e do PP equivale a 57.000 votos, un de UP a 88.500 e un de máis País a 175.000, índices que cuestionan seriamente a vixencia do principio de igualdade no sistema electoral español).
Non menos evidente, para finalizar, resulta comprobar unha vez máis como, por desgraza, temos unha clase política cun perfil moi baixo. Preocupa pensar no que pode pasar cando estamos ás portas dunha nova crise económica que, non sendo tan forte como a anterior, si será relevante e afectará a toda a Unión Europea. Como di un amigo meu moi querido: “estes políticos non deberían esquecer a historia”. Algo que tamén vale para aqueles que se apresuraron a sacar deste eleccións conclusións precipitadas cara as autonómicas galegas: atención ao ascenso de VOX , moi relevante no mundo rural!
Escribe o teu comentario