​Pilar Cancela: "O PSOE é a única alternativa ante as dereitas que se unen para reducir o Estado de Benestar"

Galiciapress entrevista á número 1 socialista pola Coruña, quen desbota un executivo canda o PP que desatasque o Goberno de España, como suxeriu Felipe González. Polo contrario, sitúa ao partido nas antípodas dos conservadores, pese a ver factible pactos de Estado sobre Cataluña ou o ensino. Endesa As Pontes, o CIS e o suposto xogo sucio do PP nas redes sociais son outros temas desta conversa, a quinta ao fío do #10N, tras as publicadas con candidatos de PP, BNG, Ciudadanos e En Común Unidas Podemos.


|

Galiciapress entrevista á número 1 socialista pola Coruña, quen desbota un executivo canda o PP que desatasque o Goberno de España, como suxeriu Felipe González. Polo contrario, sitúa ao partido nas antípodas dos conservadores, pese a ver factible pactos de Estado sobre Cataluña ou o ensino. Endesa As Pontes, o CIS e o suposto xogo sucio do PP nas redes sociais son outros temas desta conversa, a quinta ao fío do #10N, tras as publicadas con candidatos de PP, BNG, Ciudadanos e En Común Unidas Podemos.



Pilar cancela




É evidente que Galicia está a sufrir unha crise industrial. Na Coruña, a gran preocupación é o peche de Endesa As Pontes. Como valora as palabras do conselleiro dicindo que agora é o momento de achegar solucións e non repartir culpas cando Feijóo leva meses, precisamente, culpando ao Goberno Central?


Paréceme o cinismo propio do PP. Quen ten as competencias en política industrial no noso país? Cando falamos dun tema tan importante, todas as institucións teñen que sumar e buscar solucións. En todo caso, a cuestión da transición ecolóxica non é exclusiva dun goberno ou doutro e non é recente. Polo tanto, a Xunta non pode ausentarse e culpar só ao Goberno do Estado.


Máis alá deste tipo de confrontacións, cómpre pór solucións en riba da mesa para que se manteñan os postos de traballo e haxa unha transición enerxética sustentable. En todo caso, non nos podemos esquecer do famoso concurso eólico que o PP tirou abaixo. Iso si que foi responsabilidade exclusiva do PP e agora parece que non pasou nada. Se se fomentase esa fonte de enerxía posiblemente xa tiveramos acadado unha fonte de enerxía sustentábel no tempo. Esta tamén é cuestión da que hai que responsabilizarse. ¿Que pasa? Se entramos no debate de quen ten máis culpa, posiblemente os problemas tarden máis resolverse.


“A responsabilidade primaria é da propia Endesa, que toma esa decisión de xeito abrupto. A Xunta o primeiro que debeu facer é pedirlle responsabilidades a Endesa”.

Precisamente cando houbo a primeira reunión oficial sobre o adianto do peche filtrouse que Endesa prevía unha importante inversión en eólica nas Pontes. ¿Ten algunha información ao respecto?


A verdade é que non, porque tampouco a Xunta tampouco trasladou ningún tipo de plan. Cando se está calado tanto tempo, sendo cómplice en decisións que se toman en ámbitos estatais e logo cámbiase de posición porque agora xa non se esta gobernando … A verdade é que eses posicionamentos non aportan nada. A Xunta non tivo unha política industrial para o país e non se preocupou por iso. Ademais, a responsabilidade primaria é da propia Endesa, que toma esa decisión de xeito abrupto. A Xunta o primeiro que debeu facer é pedirlle responsabilidades a Endesa.


Acábase de coñecer a fusión entre PSA e FIAT, sendo Citroën Vigo o principal empregador privado da comunidade no sector industrial. Cal é a súa primeira valoración deste anuncio?


Non coñecendo os detalles do acordo non me atrevo a valoralo. Agora ben, hai que pór enriba da mesa que para Galicia, a provincia de Pontevedra e sobre todo Vigo e comarca PSA Citroën é unha das empresas máis punteiras. Haberá que velar polo mantemento dos postos de traballo.


Durante os últimos anos é certo que se cuestionou a fortaleza de Vigo en relación coas outras plantas do grupo. Ao final, sempre se logrou reforzala, con novas liñas e modelos. Esperamos que PSA siga apostando por esta planta, que demostrou ser unha das máis estables e sostibles para a empresa. Nesa liña temos que facer forza todas as administracións. Estou seguro que o Concello de Vigo vaino facer e agardo que a Xunta tamén.


O modelo das autonomías está a dar froitos e aínda podemos camiñar máis para adiante.

No PSOE parece que se suscitou un debate de que peso hai que darlle ao federalismo no programa electoral. En que punto dese sitúase Pilar Cancela e o PSdeG?


Nós somos un partido que apostamos pola descentralización, como marca a propia Constitución. Eu creo que o modelo das autonomías non está esgotado. Aínda hai competencias que se poden transferir. A descentralización do Estado Español e das máis profundas da nosa contorna. Cando se acordou, o principal modelo para facer a Constitución foi o alemán, a descentralización cara os landers. O modelo autonómico de España transcendeu e foi moito máis alá e hoxe case é un modelo federalista.


O debate sobre o modelo territorial hai que telo, pero creo que hai que afondar na descentralización e ser absolutamente contrarios a recentralización, que o Goberno Central asuma as competencias. O modelo das autonomías está a dar froitos e aínda podemos camiñar máis para adiante.


Vostede foi a presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso na pasadas lexislatura. Que pasos quedan por facer neste ámbito e que medidas inclúe o programa do PSdeG?


Pasos adiante quedan todos. A pesar de que o noso país avanzou en materia de igualdade, na época do presidente Zapatero, é certo que o marco legal non abonda se non hai políticas que o concreten. Nos últimos anos houbo unha freada.


Non son sostíbeis os datos de violencia de xénero. Un país deste século non se pode permitir tales datos. Para abordar o problema, hai que actuar de xeito transversal, en todos as frontes. No ámbito sanitario e sobre todo no ensino, cunha formación sexual e reprodutiva que agora mesmo non existe. As novas xeracións deben aprender a non cousificar as mulleres e respectalas dende pequeniñas. Tamén nos medios de comunicación, para que poñan o foco no maltratador e non na maltratada. Tamén en campañas de sensibilización e máis medios para que a Xustiza garanta a seguridade das mulleres e dos seus fillos e fillas. A crise púxose como desculpa para non investir en igualdade. Isto atrasou a súa consecución. Non podemos seguir tolerando algo que debilita tanto á nosa democracia.


É fundamental desenvolver as 214 medidas en materia de violencia de xénero que ten o Pacto de Estado. Tamén temos que abordar o concepto de violencia machistas e aplicar o que di o Convenio de Estambul. As estadísticas actuais non recollen todas as violencias machistas. Tamén é violencia machista o matrimonio forzado, a trata, a prostitución, os abusos sexuais e as violacións.



"Non vexo factible un goberno de colación co PP, non temos dabondo puntos en común"

Falando de pactos de Estado. Rajoy e González insistiron hai nada en abrir a porta a un goberno de gran coalición para desatascar a política española. Que puntos en común ve co PP para chegar a ese hipotético pacto ou vostede non o ve posible?


Pois sinceramente, non o vexo. Creo que os posicionamentos do PSOE están nas antípodas do PP. Non temos dabondo puntos en común para formar un goberno de coalición.


Nós partimos dos principios de reforzar o Estado do Benestar, de fomentar a igualdade de oportunidades e entre homes e mulleres. Eles están a gobernar en autonomías con forzas de ultradereita que cuestionan algo tan básico como a existencia da violencia de xénero ou a igualdade entre homes e mulleres.


Paréceme moi difícil, cando uns falan de privatizar e nós de potenciar servizos públicos, cando uns usan conceptos xenófobos e nós apostamos por unha inmigración segura e controlada que conxugue os dereitos humanos.


Logo en cuestións de seguridade ou do modelo territorial si podemos poñernos de acordo, ou na cuestión de Cataluña. Ao mellor no eido da Educación, no que cómpre un pacto de Estado. Con todo, poucas cuestións máis hai nas que podamos poñernos de acordo. Polo tanto, non me parece en absoluto factible un goberno de coalición.


“Hai enquisas para todos os gustos pero tamén é certo que, a pesar das furibundas críticas, a enquisa do CIS foi a que máis acertou nas pasadas eleccións”

Todas as enquisas dan ao PSOE vencedor, pero a do CIS desmárcase aumentando a vantaxe socialista respecto a os anteriores comicios …


A gran enquisa é a do 10N. Ao final a cidadanía decidirá ese día. Os datos do CIS son positivos, pero non hai que sacar conclusións precipitadas. Hai enquisas para todos os gustos pero tamén é certo que, a pesar das furibundas críticas, a enquisa do CIS foi a que máis acertou nas pasadas eleccións. Hai que ter un respecto polas institucións. Cuestionar sempre a persoa que dirixe o CIS, que ten unha gran carreira profesional, é unha falta de respecto.


O imporante é explicar o traballo político que fixemos nos meses de goberno. Diante dunha situación de inestabilidade, cunha certa deriva nas forzas da dereita que van da man coa ultradereita, que xa están sumando onde poden para minguar o Estado do Benestar, o único partido que poder ser alternativa é o PSOE.


Que indican as súas enquisas internas? Visto os datos do CIS, está o PSdeG en disposición de disputarlle a Cidadáns o seu escano pola Coruña?


Non lle podo trasladar ningún dato interno porque non o coñezo pero non me estrañaría que Ciudadanos perdese ese escano pola Coruña porque a deriva á que o señor Rivera someteu ao seu partido é absolutamente kafkiana. Vaise estudar nas facultades como exemplo de como perder abagaxe dun partido, que se dicía moderado e que agora está facilitando gobernos nos que a ultradereita condiciona as políticas.


Como valora as noticias de que hai xente ligada ao PP que lanzou campañas en redes sociais para desmovilizar o voto de esquerda? Ata que punto o fracaso do pacto con Podemos desmovilizará ese voto?


A min estas noticias sobre o PP non me sorprenden porque xa coñecemos que en moitas das súas campañas había un financiamento ilegal por debaixo. Polo tanto, xa non competíamos en condicións de igualdade.


O que acabamos de coñecer no uso fraudulento das redes sociais para incidir na esquerda é un elemento máis do modo de comportarse dalgunhas instancias do PP. Non creo que a maioría dos seus votantes apoie estas actuacións. Creo que é unha organización que ten certos hábitos e moitas veces cre que teñen o dereito de goberar sempre as institucións e recorren a estratexias para chegar a elas sen recorrer a campañas libres e en igualade de condicións.


“Temos que falar de todo o que se logramos en 11 meses de goberno, como a subida do salario mínimo”

Xa, pero están preocupados de que o electorado de esquerda se desanime tras ver o fracaso das negociacións con Unidas Podemos para formar un goberno progresista?


Home, preocúpanos, pero temos que falar sobre todo o que se logramos en 11 meses de goberno. Non falamos de utopías, senón de realidades, como a subida do salario mínimo, a revalorización das pensións segundo o IPC, que as mulleres que coidan dependentes poidan cotizar, a aposta por un ensino máis racional ou o acordo dos orzamentos cun contido social moi importante, os máis sociais dos últimos anos, aínda que eses orzamentos non saíran ao final.


Hai que transmitir a mensaxe de temos a obriga de entendernos, de antepor as políticas ao reparto de cadeiras, porque cando o fixemos doutra maneira funcionou e, daquela, por que non vai seguir funcionando? Temos que lembrarlle á xente que si somos capaces de poñernos de acordo nas políticas, porque xa o fixemos.


PILAR CANCELA E PEDRO Su00c1NCHEZ 2 1



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE