​“Seguimos propoñendo esa gran coalición, por exemplo para salvar os empregos de Endesa e Alcoa”

Esa recuperación do PP nas enquisas ten que ver co discurso máis moderado de Pablo Casado nos últimos meses e na postura que defendeu no seu momento Feijóo de que se necesitaba un PP que chegase a un amplo espectro, mesmo que captase votantes de centroesquerda?


|

Galiciapress entrevista a Marta González, que volve liderar as listas do PP pola Coruña. A portavoz adxunta de Igualdade no Congreso carga contra o goberno de Pedro Sánchez polo “abandono” a Galicia en temas como o atraso do AVE ou os conflitos de Alcoa e Endesa. En todo caso, González abre a porta a un entendemento cos socialistas para sacar a España do bloqueo. Unha hipotética gran coalición que non ten necesariamente que estar liderada polo PSOE, pois a candidata confirma que o PP manexa enquisas internas “moi esperanzadoras”. O conflito en Cataluña é outro dos temas desta conversación, a primeira das entrevistas electorais que Galiciapress publicará con candidatos dos principais partidos.


Marta Gonzalez Partido Popular




A primeira pregunta é obrigada. Que valoración fai o PP da sentenza aos independentistas cataláns?


Calquera sentenza xudicial, temos que respectala. Podemos comentar, pero respectámola e acatamos. A separación de poderes no noso país funciona e a cada un correspóndelle tomar as súas decisións nos seus respectivos ámbitos. Quen sentencia e aplicn a lei neste país son os xulgados. Neste caso así se fixo nun proceso impecable desde o punto de vista da transparencia. Por exemplo, puidemos seguir todos os interrogatorios por televisión paso por paso. Agora o que corresponde é acatar. A partir de onte xa non podemos falar de políticos presos, senón de persoas condenadas.



O que corresponde tamén é valorar a situación nas rúas de Cataluña. Despois da ocupación do aeroporto do Prat e de varias estacións de metro e tren, hai voces que piden ao Goberno que aplique o 155 xa, ou polo menos a lei de Seguridade de Cidadá. Cúal é a postura do PP respecto diso?


Cremos ante que o que pasou onte, e o que parece está a suceder esta mañá, ou hai a vontade de que suceda, o Goberno ten que actuar con responsabilidade e con firmeza porque é absolutamente intolerable. O Goberno ten que mostrarse firme contra o caos nas rúas, no aeroporto fundamentalmente. O Goberno conta co apoio do PP para adoptar todas as medidas que considera necesaria. Estamos aí para apoiar calquera medida que se tome para garantir a concordia. Os cidadáns non poden ser reféns dos independentistas. O espectáculo que demos onte a nivel internacional é intolerable. Moitísimas persoas non puideron exercer o seu dereito para moverse libremente. Moitos deles nin sabían o que pasaba, pois estaban de escala en Barcelona entre un voo e outro. Temos ademais que mostrar o noso apoio ás forzas de seguridade polo traballo que realizan, impecable, en Barcelona e outros puntos de España.



Falemos sobre temas máis centrados en Galicia, pois á fin e ao cabo vostede é a cabeza da lista do PP pola Coruña. Mañá os traballadores e os camioneiros de Endesa manifestaranse en Madrid. Feijóo aposta porque o Goberno tome medidas xa para que Endesa As Pontes siga funcionando, suponse que queimando carbón, mentres non hai alternativa. Mesmo apuntou á necesidade de que eliminar o imposto que carga as emisións de CO2 para esta central. É compatible isto coa loita contra o cambio climático?


Mañá os traballadores das Pontes terán unha reunión cos grupos, entre outros co de PP. A situación é moi dolorosa para toda a provincia e en concreto para a comarca das Pontes, pero non é a única. Estamos a ver os resultados dunha política nefasta para Galicia con decisións caóticas e precipitadas. Non afecta só á política enerxética, afecta a toda a política industrial.


Por exemplo?


Vimos mensaxes moi alarmantes sobre o diesel que provocaron unha crise sen parangón nas vendas despois dunhas imprudentes declaracións dunha ministra sobre o diesel e os motores de combustión. Unha crise que non só afecta á fabricación, afecta tamén aos concesionarios. Temos ademais o problema de Alcoa San Cibrao, toda a comarca da Mariña está en perigo de peche, practicamente. E temos a situación das Pontes, cunha decisión que se toma sen considerar ningunha medida alternativa, para a supervivencia das familias. Onde está a transición da que fala o nome do Ministerio creado por Pedro Sánchez? Son decisións imprevistas e repentinas que impactan tremendamente en Galicia e na provincia da Coruña.


Non pedimos que se manteña inamovible todo o que ata o de agora estaba, simplemente que simplemente que se tomen as medidas para unha transición de maneira ordenada, sen perda de emprego e poder adquisitivo para dúas comarcas que viven exclusivamente desas industrias. Ese proceso ten que ser ordenado e prolongado no tempo. Debe ter en conta todos os aspectos, os relacionados co cambio climático por suposto, pero tamén o mantemento do emprego que é algo que nos preocupa en primeiro lugar.


Parece que o Delegado do Goberno recoñece que finalmente o AVE non estará en 2020, senón en 2021. Ata que punto este novo atraso é achacable ao actual goberno é unha rémora histórica?


Xa nos esperabamos ese anuncio, viámolo vir. É un exemplo claro do abandono absoluto que ten Pedro Sánchez por Galicia. Non só é desprezo. Ese desprezo vén dado porque quen goberna en Galicia é o PP. Este novo atraso non se pode achacar en absoluto ao Goberno anterior. É responsabilidade do Goberno de Pedro Sánchez. É moi lamentable e ten que ver con esta nefasta do Goberno para con Galicia.


A pesar destas críticas ao PSOE, parece que no PP ábrese a porta a unha gran coalición. Gran coalición que no seu día rexeitou de pleno Pablo Casado mentres Feijóo insistía na súa necesidade … En que puntos é factible un acordo entre o PP e o PSOE?


Cando saímos das últimas eleccións xerais e comezou as reunións de Pedro Sánchez, Casado expúxolle na primeira reunión a posibilidade de apoiar ao Goberno que se formase a través dunha serie de grandes pactos. Grandes pactos que teñen que estar relacionados con política exterior, seguridade, defensa, emprego; é dicir coas cuestións fundamentais coas que avanza un país. Esa proposta rexeitouna Sánchez no seu momento. El rexeitou todas as propostas porque o que quería realmente é chegar a novas eleccións para tentar gobernar en solitario. Enganounos desde o primeiro momento. Aos que máis enganou foi a Unidas Podemos, dicíndolles que eran socio preferente para despois deixalos caer, nunha humillación sen precedente, para chegar onde quería, novas eleccións. Nós temos máis sentido de Estado e seguimos propoñendo esa gran coalición, eses grandes pactos nos temas fundamentais. Por exemplo, a política enerxética. É fundamental salvar os empregos e conseguir unha transición ecolóxica ordenada. Aí o PP estaría disposto a pactar co PSOE unha gran coalición, se o PSOE despois do 10N ten un resultado que lle permita promover a formación dun goberno, pois como estamos a ver nas enquisas parece que as cousas non están tan sinxelas.


Falemos pois sobre enquisas. Esa recuperación do PP nas enquisas ten que ver co discurso máis moderado de Pablo Casado nos últimos meses e na postura que defendeu no seu momento Feijóo de que se necesitaba un PP que chegase a un amplo espectro, mesmo que captase votantes de centroesquerda? Parece que, polo menos as enquisas, están a darlle a razón a Feijóo.


As enquisas son unha radiografía dun momento. Cada día, ademais, espertámonos con dous ou tres novas. Por tanto, é un panorama complicado, difícil de comprender. Os partidos creo que deben manter unha certa cautela e non desviarse do seu obxectivo, gañar as eleccións. Mantemos unha cautelosa opinión sobre os múltiples datos que poden ser o resultado do 10N.


Pero á vista deses datos, cal sería o seu obxectivo por exemplo na Coruña?


Alcanzar o cuarto deputado, que o tivemos no seu momento. Queremos ser capaces de conseguir a confianza dun número suficiente de coruñeses. A multiplicidade de partidos fai isto moi difícil. No noso caso, tiñamos un electorado máis ou menos fiel á dereita do PSOE. Agora preséntanse tres grupos distintos nun terreo no que habitualmente o ocupaba só o PP. Agora preséntanse tamén C’s e Vox. Imos traballar para que o PP sexa a única alternativa viable en Galicia e na Coruña e arrebatarlle a C’s ese escano. Xa vimos ademais que pasou con el. Marta Rivera da Cruz presentouse pola Coruña, cando ela é de Lugo.


E agora está na Comunidad de Madrid …


Aos meses de sacar o escano, está de conselleira, pero non en Galicia, senón na Comunidade Autónoma de Madrid.


En todo caso, vólvolle a pregunta se cre que Feijóo tiña razón cando despois da derrota das pasadas eleccións xerais saíu pedindo un PP máis moderado …


Todos os resultados son analizados en todos os partidos de maneira moi detallado. Mesa por mesa, practicamente. A partir de aí reformúlase. Neste caso hai unha circunstancia moi rara, podemos expor unha campaña case inmediatamente despois da anterior. Ademais, pasando antes por unhas campañas europeas, locais e autonómicas. Esta campaña está exposta dunha maneira moi rigorosa por parte do PP en función tanto dos resultados das autonómicas como as das locais.


La Razón publicou a semana pasada que había enquisas que lle daban ao PP vantaxe sobre o PSOE. Viu vostede algunha desas enquisas?


Hai moitas enquisas, case diariamente. Os partidos sempre tiveron enquisas internas, para orientar a campaña, practicamente semana a semana, para orientar a campaña. Se que é certo que os resultados que manexa o PP son moi esperanzadores e ilusionantes. Isto anímanos a presentar as nosas propostas aos cidadáns para que España salga deste bloqueo que ten un único responsable, Pedro Sánchez e os seus tacticismo para gobernar en solitario. É certo que esas enquisas existen, temos enquisas propias que proporcionan resultados ilusionantes. Iso fainos traballar con máis forza e ilusión.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE