O fracaso permanente do soberanismo galego

Manoel Barbeitos
Economista

Días atrás puidemos comprobar como, a pesar das experiencias vividas e as evidencias positivas doutras comunidades autónomas, por caso País Vasco e Cataluña, o soberanismo galego segue sen ser quen de articular unha oferta electoral única tal que acolla no seu seo todas, ou cando menos a maioría, as sensibilidades que, neste momento, reclámanse de o  soberanismo en Galicia.


Si botamos a vista atrás comprobaremos como esta incapacidade política foi unha constante en Galicia desde que vivimos en democracia. Unha circunstancia que explica, en grande parte, o longo dominio conservador. Unha incapacidade que contrasta cunha realidade que pon en evidencia que en Galicia o soberanismo político ten un espazo electoral e, por tanto, unha base social relevante tal de poder chegar a ser hexemónico entre as clases populares. Desde que nos albores da democracia creásese, en xaneiro do 1976, o chamado  CFPG (Consello de Forzas Políticas Galegas), ata a aparición de EN MAREA (novembro do 2015) pasando polos períodos de liderado do BNG no seo da esquerda (1997-2001) e/ou presenza de forzas políticas que se reclamaron do soberanismo como EG (1981-1993) ou AGE (2012-2016) as evidencias dese espazo político soberanista en Galicia son indiscutibles.


Cabe preguntarse, por tanto, que se hai espazo político para o soberanismo, que pasou para que este non lograse consolidarse como unha alternativa de cambio como si sucede, por caso, no País Vasco e en Cataluña? A explicación é moi sinxela: os respectivos e alternativos cadros e dirixentes das distintas modalidades de soberanismo político non foron quen de xestionar debidamente ese espazo. Non foron quen de xestionar o espazo por razóns varias pero todas maiormente relacionadas coas características de tal espazo. Sectores relevantes de o  soberanismo nunca aceptaron, e seguen sen aceptar, que este espazo é plural e diverso.


Porque o soberanismo galego se quere ser relevante debe ter conciencia da súa pluralidade e diversidade. Resulta totalmente arbitrario pensar que existe unha soa idea do soberanismo xa que en este espazo teñen cabida desde formulacións claramente independentistas ata os liviamente  federalistas. Unha pluralidade que para ser eficaz demanda capacidade de diálogo,  respecto ás diferenzas, consensos internos, lealdade mutua e un escrupuloso acatamento das formas democráticas tanto nos debates como na toma de decisións e na representación nos órganos de dirección. Non é necesario acudir ás hemerotecas para confirmar como o soberanismo galego careceu destas premisas, o que explica a súa permanente debilidade e a súa non menos permanente fracaso.


Froito destas debilidades podemos observar, en todo o tempo que levamos de democracia, como unha das patas do soberanismo –a máis monolítica: BNG-  non é quen de saír do seu labirinto.  Enquistada nunha sorte de "prietalas filas" parece sentir  vertixe diante de calquera proceso aperturista e plural. A última proba tivémola na súa despectiva resposta a oferta de EN MAREA. Unha resposta que parece froito máis ben dun acervado patriotismo partidista, que ten moito de sectario, que dunha formulación política sosegada e partidario de maiorías. Un comportamento que, sen dúbidas, favorece e perpetúa a división no seo do soberanismo galego.


Pero non sería xusto  culpabilizar, en exclusiva, do fracaso do soberanismo galego a unha das partes. A responsabilidade é colectiva. Aí están as evidencias das múltiples experiencias políticas soberanistas que foron brotando en todos estes anos de democracia e que, na maioría dos casos tiveron unha vida máis ben efémera. Os casos de EG e AGE antes e agora EN MAREA así o evidencian. Casos que poñen en evidencia unha constante do soberanismo moi destacable. Si en contadas ocasións chegou a articular unha forza política e social relevante, unha vez situados na onda ascendente espertáronse os demos cainitas e producíronse rupturas que non teñen outra explicación que  as razóns anteriormente citadas: sectarismo, falta de perspectiva política, incumprimento duns mínimos principios democráticos, deslealdade,  personalismo…en definitiva: falta da talla e a visión políticas que si mostran organizacións soberanistas noutras comunidades como País Vasco ou Cataluña.


Neste marco o 10N, con toda probabilidade, asistiremos a un novo capítulo na historia dos permanentes fracasos do soberanismo galego. Mentres o País Vasco e Cataluña han lexitimarán nas urnas, unha vez máis, a relevancia do soberanismo nos seus países, Galicia deixará en evidencia que os soberanistas galegos non temos a súa confianza. E os/as galegos/as terán, polas razóns apuntadas, toda a razón para esa desconfianza.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE