​O Xirona deixa ao Dépor e a Anquela ao bordo do abismo

Os branquiazuis caen ata a penúltima posición tras a derrota en Montilivi por 3-1 e acumulan xa oito xornadas sen gañar. 


|

Os branquiazuis caen ata a penúltima posición tras a derrota en Montilivi por 3-1 e acumulan xa oito xornadas sen gañar.



Anquela depor

A derrota deixa moi tocado a Anquela | Foto: RC Deportivo



A Segunda División é moi longa. Tanto que mentres algúns traballan por levantar o Mundial de fútbol, na división de prata do fútbol español aínda hai equipos xogándose a vida. Son 42 xornadas e algunha máis para catro afortunados e incansables equipos. O Deportivo da Coruña comezou o ano co obxectivo de ser un deses catro…pero o que mal empeza…


Nove xornadas despois do pistoletazo de saída, os branquiazuis, dirixidos por Juan Antonio Anquela, suman unha vitoria, catro empates e outras tantas derrotas. E a de Montilivi deste xoves pode ser definitiva. O 3-1 inflixido polo Xirona pode ser a pinga que faga rodar a cabeza do técnico xienense, o principal sinalado polo mal rumbo do equipo, que marcha en penúltima posición e mira aos ollos á Segunda B (aínda que isto é larguísimo, lembren).


SEN ORDE, SEN IDEAS…

En Xirona volveu verse a un Deportivo ramplón, falto de ideas e incapaz de dominar nin un só aspecto do xogo. O primeiro tempo foi un espello de todos os males deste Dépor, que desquicia a unha afección que na véspera de San Juan víase en Primeira e que catro meses despois mira cara ao soto do fútbol nacional: é un equipo que nin funciona como conxunto nin brilla a forza de individualidades.


O Xirona nin sequera necesitou da súa mellor versión para amarrar os tres puntos, só impoñerse en pequenos detalles, como gañar os balóns divididos, aspectos que ao final declinan a balanza. Superados o primeiros vinte minutos, o cadro catalán xa tiña ao seu adversario encerrado na súa propia área e así chegaron os goles: primeiro Borja García gañando un balón cuspido polo pau; logo Marc Gual rematando dentro da área pequena unha xogada a balón parado. Xogadas simples que os de Anquela non souberon abortar.


O segundo tempo foi máis un quero e non podo. O Dépor mellorou, e mesmo recortou distancias co gol de Borja Valle superada a hora de xogo e puido facelo antes cunha acción de Mollejo, pero os erros individuais foron os cravos do cadaleito herculino, sobre o que Stuani botou a última palada de terra co 1-3.


Nove xornadas, quedan 33 datas por diante, pero ao Deportivo da Coruña xa lle quitaron a rede de seguridade e camiña polo arame. O mesmo pásalle a Anquela. A diferenza é que a un aínda quedan máis de trinta balas para reconducir a situación, mentres que o outro pode esgotar o seu último cartucho. Só a proximidade do encontro ante o Almería pode darlle un último disparo. Que non sexa un tiro no pé. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE