​É 14 de setembro, Bo nadal!

Rodrigo Brión Insua

Facendo a compra en bañador e chancletas, nun dos últimos días de praia do presente verán, topeime na sección de chocolates cunha tableta de turrón. Resulta que nalgúns establecementos véndeno todo o ano, aínda que eu non o sabía. O meu primeiro pensamento foi para o cambio climático, xa que por un momento crinme en decembro pero a 30ºC. Unha vez me cercioré de que seguía a mediados de setembro, o meu segundo pensamento foi para o Nadal, esa época do ano que, aínda que na miña casa segue tendo como data de partida o día 8 de decembro –día por antonomasia no que a miña nai baixa do rocho todos os adornos que anuncian o comezo das hostilidades– cada ano adianta a súa chegada un pouquiño máis aos locais e rúas de España. E falar de Nadal é, a día de hoxe, falar inevitablemente do seu paladín: Abel ‘Merry Christmas’ Caballero.


Abel Caballero, tamén coñecido como ‘O antiGrinch’ ou ‘O inventor do Nadal’, foi o ano pasado obxecto de burlas e proclamado home meme polas redes sociais. A súa intervención ante os medios, tirando polos chans as iluminacións de todas as metrópoles mundiais nun speech no que nin sequera se salvaron Nova York ou Tokio, fíxose viral ao momento, e medio planeta se regocijó, móbil en man, das peregrinas ocorrencias do alcalde de Vigo. Iso foi en setembro, porque para Ano Novo Abel Caballero aderezara as palabras de todos aqueles que no seu momento ousaron dubidar del e deullas a comer con culler sopeira e en cunca de caldo.  


O balance de converter Vigo nunha bóla de Nadal: record de asistencia na cidade, comercios e locais de lecer repletos en pleno inverno e buses fretados desde varios puntos desta pel de touro que chamamos Españita e mesmo desde o estranxeiro para poder ver esa faraónica obra da enxeñería viguesa. A poucos pareceu importarlles que o gasto pola iluminación roldase o millón de euros como tampouco importa que o gasto programado para estas festas sexa maior. Pero 2019 non foi un ano produtivo unicamente para os negocios de Vigo. En maio Abel Caballero recolleu os froitos das terras que sementara en setembro: 20 concelleiros, tres máis dos que tiña en 2015, e case 30 mil votos máis que erixírono, unha lexislatura máis, como o rexedor máis sólido de Galicia e un dos máis fortes de España.


Pero… cales son as súas verdadeiras intencións? Intúo que o plan que han urdido Abel Caballero e os seus trasgos –esas persoas mal chamadas concelleiras– desde o seu taller de Vigo é o de instaurar un Nadal perpetúa na cidade olívica. Primeiro adiantando a iluminación a novembro; logo a setembro; antes que nos deamos conta acenderanse a mediados de xullo e ao final non valerá a pena retiralas en todo o ano. Nese momento, cando todos estean afeitos ás luces de cores e Vigo fose renombrada como ‘Nova Laponia’, Caballero terá a non menos brillante idea de retirar as luces, durante polo menos dous meses, e o mundo enteiro acudirá a Vigo para non ver a súa espectacular iluminación. Brillante, como as súas luces. 


Este ano, nin curto nin preguiceiro, o alcalde deu orde de empezar a colocar as luces no verán, a pesar de que a iluminación terá lugar o próximo 23 de novembro. É dicir: quedan aínda dous meses por diante e os últimos raios de sol do verán antes de darlle ao interruptor e obrigar á xente de Paris, Roma e Londres a vivir coas lentes de sol postas 24 horas ao día, cegados polo fulgor perpetuo co que Vigo alumará o mundo cos seus 10 millóns de luces led, 2.700 arcos, máis de 334 rúas iluminadas, 465 árbores iluminadas e unha gran nora de máis de 60 metros que converterán a cidade olívica nun adorno do Nadal xigante ata, polo menos, finais de xaneiro, coa posibilidade de prolongalo ata febreiro.


Pero non podo culpar a Caballero por querer que o Nadal empece hoxe mesmo nun país no que a volta ao cole comeza en xullo nada máis acabar o último exame ou onde enchemos a mochila coa toalla e a crema solar o primeiro día sen choiva de marzo. Nosas présas por querer vivilo todo e canto antes, por ter definida e cuadriculada a estación na que vivimos (se fai frío é inverno; se fai calor é verán) impídennos gozar deses pequenos detalles de entretiempo, como comprarche un xeado en outubro ou levar pantalón curto porque fai bo pero abrigo polar por se refresca. De modo que eu, co seu permiso, vou á praia para comer o turrón que me comprei no super. A final de contas, xa é 14 de setembro. Bo nadal! 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE