Un millón para unha Maternidade HM Belén da Coruña máis moderna
O principal operador de sanidade privada en Galicia promete reformar os catro quirófanos dun dos seus centros na Coruña
HM Hospitais comezou as obras de renovación na Maternidade HM Belén da Coruña, nas que investirá máis de 1,1 millóns de euros e grazas ás ques poderá estrear en outubro novos quirófanos, a Unidade de Traballo de Parto e Recuperación (UTPR), pioneira en Galicia, e as súas renovadas instalacións de HM Fertility Center.
No relativo ao área cirúrxica, informou HM Hospitais, a remodelación servirá para renovar completamente os catro quirófanos do centro. O traballo está a realizarse por fases para non interromper a actividade e permitirá contar en outubro cunha área totalmente renovada.
Con esta actuación, a Maternidade HM Belén "reforzará a súa posición de liderado, que sempre se baseou en ofrecer a mellor atención e a máxima seguridade, grazas á súa completa dotación tecnolóxica e a un equipo multidisciplinar de especialistas con ampla experiencia, que garanten os máis altos estándares de calidade", explica a entidade.
A doutora Sonia Pedredo, adxunta á Dirección Médica da Maternidade HM Belén, destacou a ampliación do laboratorio de Fecundación in vitro do HM Fertility Center, "moi necesaria ante o crecemento desta unidade nos últimos anos, así como a completa renovación da área cirúrxica, que servirá para mellorar a atención aos pacientes e ofrecer as mellores condicións para que o persoal médico e resto de profesionais poden desenvolver o seu traballo en condicións óptimas".
Escribe o teu comentario