O galego Jota Peleteiro dá o salto á Premier League

O futbolista pobrense firma polo eterno rival do seu actual club, o Birmingham City, asinando polo recentemente ascendido Aston Villa.


|

O futbolista pobrense ficha polo eterno rival do seu actual club, o Birmingham City, asinando polo recentemente ascendido Aston Villa.


Xota peleteiro birmingham

Xota celebra un gol co Birmingham City / Foto: www.bcfc.com 


Jota Peleteiro é un vilán…no mellor sentido da palabra. E é que o futbolista galego, natural da Pobra do Caramiñal, vestirá o próximo curso a camiseta do Aston Villa, equipo que regresou recentemente á Premier League, competición na que debutará o centrocampista. O acordo entre as partes é total e fíxose oficial esta mesma tarde, tratandose dun intercambio no que Gary Gardner deixa o seu sitio en Villa Park para a aterraxe de Jota, que tamén reporta  4 millóns ás arcas do seu club.




Nas illas medios como The Sun xa daban esta mañá por pechado o acordo, cando só faltaba a firma do xogador,  ata ese momento de vacacións en Eivissa. Jota desembarcaría na Premier da man de García Pitarch, director deportivo de The Lions e o seu principal valedor. O cadro de Dean Smith regresa á elite do fútbol inglés tras conquistar os playoff de ascenso ante o Derby County de Lampard e despois de tres tempadas na Championship. A pesar destes anos nos sumidoiros, o Aston Villa é un dos equipos máis laureados de Inglaterra e un dos clubs con máis historia. É, xunto a Manchester United, Liverpool, Chelsea e Nottingham Forest, un dos equipos ingleses que conquistou a Champions League, no ano 1982.


A FICHAXE MÁIS CARA

Pola súa banda, Jota abandona o Birmingham City despois de dúas tempadas decepcionantes onde pelexaron exclusivamente por non perder a categoría. A pesar de chegar ao club como o fichaxe máis cara da súa historia, o mal ritmo do equipo privou ao centrocampista de demostrar o talento que o catapultó cando militaba no Brentford, o que non lle impediu asinar tres tantos e oito asistencias esta campaña.


Con chegada, último pase e desborde, Jota encaixa á perfección na tolemia do fútbol inglés, con transicións rápidas e xogo polas bandas, podendo actuar indistintamente por calquera dos costados ou na mediapunta. En España é lembrado polo seu paso nas canteiras de Celta de Vigo e Real Madrid, pero sobre todo por ser unha pedra angular no ascenso do Eibar a Primeira Division e nos primeiros pasos do club armeiro na elite.



En Villa Park a competencia será dificil porque se atopará con xogadores da talla de El Ghazi, Jack Grealish ou Conor Hourihane, aínda que despois da gran tempada cultivada polo equipo da cidade de Birmingham algún podería dar o salto a un proxecto maior. O obxectivo de Jota e compañía será manter ao Villa na Premier e alcanzar a estabilidade que lles permita regresar á pelexa por Europa. Ao zurdo o seu debut na Primeira División inglesa chégalle a piques de cumprir 28 anos, no mellor momento da súa carreira. Atrás quedan os rumores que durante tanto tempo relacionárono co West Ham, entre outros. Jota Peleteiro é desde este verán, ademais dun gran futbolista, todo un vilán. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE