"​Bugallo aspira a ser o voto útil da dereita e Compostela Aberta é o voto útil da esquerda"

É realista que Bugallo saque máis apoio nas locais que o que acadou Pedro Sánchez nas xerais? Este é un dos argumentos que enarbora sobre as recentes enquisas o alcalde de Santiago. Nesta entrevista con Galiciapress, Martiño Noriega tamén cuestiona a estratexia do PSOE, que ve pescando na da dereita ao calcar propostas conservadoras como instalar máis cámaras de seguridade. A fusión de concellos, a necesidade de repensar que turismo busca Compostela e o contraste entre a unión a nivel local da marea fronte o divorcio a nivel autonómico de En Marea son outros dos temas desta conversación.


|

É realista que Bugallo saque máis apoio nas locais que o que acadou Pedro Sánchez nas xerais? Este é un dos argumentos que enarbora sobre as recentes enquisas o alcalde de Santiago. Nesta entrevista con Galiciapress, Martiño Noriega tamén cuestiona a estratexia do PSOE, que ve pescando na dereita ao calcar propostas conservadoras como instalar máis cámaras de seguridade. A fusión de concellos, a necesidade de repensar que turismo e o contraste entre a unión a nivel local da marea fronte o divorcio a nivel autonómico de En Marea son outros dos temas desta conversación.



Martiu00f1o noriega alcaldia santiago campau00f1a




Dúas enquisas, a do CIS e a de Sondaxe, poñen ao PSdeG en primeiro lugar en Santiago e cun resultado espectacular. Está preocupado?


Fago unha valoración dende unha certa distancia. Ao longo de todo o mandato sempre mantiven unha distancia coas enquisas que nos beneficiaban, até hai un mes. Estas novas enquisas ao meu entender están influenciadas polas xerais e distorsionan a sensación que nos temos na rúa. Estou convencido de que o proceso das municipais vaise definir na photo finish, vai ser moi competido e coido que as enquisas non reflicten esa sensación, salvo que eu perdera o meu sentido arácnido.


Ser son sorprendentes …


Coido que a noite do 26 a alcaldía de Compostela decidirase por unha presa de votos, un concelleiro arriba ou abaixo.Non creo que o reflicten as enquisas vaia pasar, en todo caso estamos na obriga de aproveitar a campaña para, como fixemos hai catro anos, cunha situación de partida nas enquisas moi similar a esta, demostrar que ás enquisas pódeselle vencer, aínda que sexan algunhas nas que non cremos.


Hai unha explicación posible a este cambio de tendencias, o ‘efecto Sánchez’, até que punto é aplicable a Santiago o triunfo do PSOE nas xerais?


Esas enquisas colocan por riba ao PSOE incluso do voto que logrou nas xerais en Santiago, cando o PSOE gañou por vez primeira as xerais en Santiago. Por iso creo que son bastantes distorsionadas.


“Non é mesmo Pedro que Pepe aquí en Santiago. Pepe Bugallo liderou o proxecto de cidade durante 13 anos e acabou nun proxecto esgotado”

En que sentido?

Eu defendo non é mesmo Pedro que Pepe aquí en Santiago. Pepe Bugallo liderou o proxecto de cidade durante 13 anos e acabou nun proxecto esgotado, que deu paso a unha maioría absoluta de Conde Roa (PP). Sempre foi unha persoa situada na liga de veteranos do PSOE que nalgún intre compra o marco da dereita para facer política. Polo tanto, non se identifica co PSOE triunfante das xerais, que, en todo caso, recolleu moito voto da esquerda que tiña medo da chegada da extrema dereita. Entendendo que o PSOE poida ter vento de cola, creo que os procesos son diferentes e vai estar moi igualado.


Na entrevista que publicamos con Bugallo foi moi crítico coa súa xestión, insistindo na suposta parálise da cidade. Cando lle cuestionamos polos posíbeis pactos, dixo que actuaría responsablemente, pero que non se vía compartindo goberno con Compostela Aberta, entre outros factores porque iso esixe unha confianza persoal que agora non hai. Como ve a posibilidade de compartir goberno co PSOE?


Compostela Aberta aspira a liderar o espazo de esquerda. O seguinte mandato ten que ser tamén de goberno estábel. Intenteino neste mandato co BNG, pero o Bloque antepuxo estratexias partidarias ou de país antes que o interese da cidade. Creo que é unha cousa pendente para o seguinte mandato. Nós somos claros. Nunca facilitaremos por activa ou por pasiva un goberno do PP. Aspiramos a completar o traballo feito estes catro anos.



Se hai catro anos a principal preocupación da cidadanía era a corrupción a día de hoxe, poden ter outras preocupacións, pero esa non.

E como ve a relación con Bugallo?


A relación con Pepe sempre foi correcta. O que me sorprende del é como compra o marco da dereita. Nunca lle escoitei falar dos catro anos de goberno do PP. A cidade non lle doía cando por aquí pasaron tres alcaldes imputados por corrupción. El estaba comodamente no Parlamento e en ningún intre sacrificou a súa posición de privilexio para vir aquí a tentar sacar a cidade daquela situación. Se el volve a presentarse agora é porque sabe que a situación é mellor, aínda que diga o contrario. Todos os datos oficiais, de fontes como o INE ou o IGE, amosan que a cidade está cuns parámetros moito mellores. Se hai catro anos a principal preocupación da cidadanía era a corrupción a día de hoxe, poden ter outras preocupacións, pero esa non. El creo que é inxusto e fai unha crítica interesada e cativa, tendo en conta que nunca lle interesou facerlla ao PP; por iso digo que compra o marco da dereita. Bugallo aspira a ser o voto útil da dereita e Compostela Aberta é o voto útil da esquerda.


Eu non vou converter esta cidade nun Gran Irmán.  

Relacionado con isto, está o asunto das cámaras. Bugallo estima que si cómpre máis cámaras na zona vella tras os incidentes da Catedral …


Volve a comprar o marco da dereita porque el estivo na cidade trece anos e o sistema que hai de videovixiancia que el impuxo, e que nós en todo caso melloramos. Eu non vou converter esta cidade nun Gran Irmán. A protección de patrimonio pasa, ademais de extremar o control, por concienciar a cidadanía da importancia de sermos patrimonio da humanidade. Non o digo eu, dino o grupo de alcaldes das 15 cidades patrimonio nas que hai moitos edís socialistas. Santiago é a única cidade con Salamanca que ten rede de videovixilancia patrimonial, e nunha densidade moito maior. Falar de instalar máis cámaras é comprarlle outra vez o marco á dereita. Bugallo xoga a facer unha campaña do voto útil da dereita e compra discursivamente todas as cousas que lle levamos escoitando ao PP estes anos, non escoitarás unha crítica ao que fixo o PP aquí porque el vive ideolóxicamente cómodo nese espazo.


Hai un par de semanas, Compostela Aberta volveu a poñer en primeiro plano a idea da fusión de concellos. Até agora cal é a resposta que percibiron? É realmente viábel aplicalo nesta próxima lexislatura?


É necesario e hai vontade, cando menos en Teo; para que isto aconteza cun horizonte realista, ten que pasar polo pleno e ser ratificada polos veciños. Seguir falando de compartir servizos cando levamos acumulados tantos fracasos nos últimos 20 anos, con diferentes estratexias … Coa mancomunidade non se cumpriu nada; ou nestes catro anos, nos que priorizamos obxectivos, e sacamos un acordo para o parque comarcal de bombeiros entre Xunta, Deputación e concellos; que finalmente foi freado pola taxa de reposición de Madrid. Non se pode seguir mentindo aos veciños.


En que beneficiaría a fusión a Santiago?


Na cidade entra o dobre de vehículos dos que hai no seu parque móbil. Ter unha boa mobilidade na contorna non é asunto menor. Tamén se necesita coordinar as emerxencias e os servizos sociais, para que unha persoa se marcha de Santiago ao Milladoiro, por exemplo, ou ao revés, non quede sen cobertura. Necesita aproveitar tamén mellor os equipamentos. Coa lei de grandes cidades, Santiago necesita garantir unha mellor presencia para que os veciños non teñan que renunciar a prestacións. É unha proposta valente e honesta. Se algún gran concello se suma, vai facer panca para construír o espazo da gran capital, que anda entre 150.000 e 200.000 habitantes. Santiago pasaría a ser a terceira cidade do país en termos cuantitativos, porque a nivel simbólico sempre foi e será a primeira.



Prioricei Teo e Ames, pero sen desbotar que haxa concellos pequenos da contorna, semirurais; como poden Val do Dudra, Dodro ou Boqueixón; ou máis semiurbanos, como Oroso ou Brión

Podería concretar que concellos deberían formar ese gran Santiago, máis alá de Teo, onde vostede foi acalde, e cuxo alcalde actual comparte o seu plan?


Prioricei Teo e Ames, pero sen desbotar que haxa concellos pequenos da contorna, semirurais; como poden Val do Dudra, Dodro ou Boqueixón; ou máis semiurbanos, como Oroso ou Brión, que configuran tamén ese espazo da capital. Gran parte da poboación de Santiago veuse abocada a vivir á contorna por diferentes razóns. É tamén unha proposta de recuperación da poboación de Compostela que leva máis de 20 anos debatindo o dos 100.000 habitantes. Ademais, iso vai permitir aumentar os ingresos ordinarios para facer políticas públicas, calcúlase un 10 por cento. Ten moitos máis pros que contras pero que ninguén quere abordar porque vive nuns marcos de comodidade, polo menos institucional. Veciñalmente, sabemos que hai un amplo apoio.


"O próximo mandato ten que ser de inspeccións dos pisos turísticos e dubido que iso o aplique nin o candidato do PSOE nin o PP"


Falaba vostede de que moita xente de Santiago tivo que marchar da cidade. O certo é que os prezos dos alugueiros para moitas familias de clase traballadora na capital resultan imposibles. Que medidas propón Compostela Aberta para paliar este problema?


É un problema multifactorial. No seu día o modelo foi crecer en polos como Santa Marta, Conxo, Castiñeiriño sen ter en conta o equipamento de espazos públicos. Ese modelo é imputable ao proxecto esgotado que deu pé a entrada de Conde Roa. Non se fixo nada por impulsar vivenda de protección. En todas as pazas do Plan de Desenvolvemento incidimos na necesidade dun amplo porcentaxe de vivenda pública e queremos axudar a regular o mercado de alugueiro a través da iniciativa pública, dándolle garantías ao propietarios poñendo unha rede de pisos a prezos asequíbeis. Tamén hai que falar de gobernanza do turismo. Hai máis de 1.000 pisos turísticos na cidade e que están a provocar a xerentrificación de moitas zonas . Ten que haber unha política de inspección clara, non pode ser que haxa na cidade 1.000 pisos -nun mandato no que nós aprobamos unha moratoria para a construción de hoteis no casco histórico- pendentes de regulación e unicamente regulados pola Lei de Alugueiros. Non pode ser. Iso é hostelería, moitos deses pisos son de multipropietarios. É un negocio de máis de seis millóns de euros. A regulación virá no Plan Especial que está a impulsar o Concello, da Xunta e das sentenzas xudiciais. Unha vez que fixemos a diagnose, temos que impulsar a inspección. Non pode ser que a améndoa do Casco Histórico sexa a única zona da cidade que perdeu poboación, porque a cidade gañou 1.000 persoas no censo.


Nese sentido, Bugallo di que Compostela Aberta si critica os pisos turísticos pero non fai nada , que puxo unha campaña de comunicación, pero que non se fixo nin unha inspección de pisos …


Fixemos un estudio en detalle que nos deu os datos. Estamos a traballar coa Xunta na regulación. Impulsamos medidas de regulación sen renunciar a autonomía local, o que provocou que a asociación de propietarios puxera un recurso. O que non di Bugallo é que o Concello ten o mesmo problema que todas as administracións locais coa taxa de reposición. Isto é un problema para ter un equipo de inspección. Mentres o Goberno Central, que lidera o PSOE, non levante o pé da cabeza coa taxa de reposición vai ser difícil. Se non o fai, e non podemos crear emprego público para ese tipo de necesidades e para outras, teremos que ir a outras solucións, como unha asistencia técnica que faga ese tipo de inspeccións. O próximo mandato ten que ser de inspeccións e dubido que iso o aplique nin o candidato do PSOE nin o PP.


“Non estamos en contra do turismo, estamos a pedir que a cidade non morra de éxito e non quede desnaturalizada”

Isto está en relación co modelo de cidade que queremos. É evidente que a zona vella está preto de saturarse de turistas. Chegou o momento de sentarnos todos -non é un debate só do Concello de Santiago, tamén da Xunta- e tratar de pórlle un límite ao turismo?


Temos que deixar o discurso oficial de turismo a granel e de canto máis mellor. Queremos un turismo sostible, desestacionalizado, con acento cultural e respetuoso cos veciños e veciñas. O modelo de convivencia está en risco de implosión. Non porque o diga eu, hai pouco o grupo de investigación da USC, cun traballo de campo de 2018, mostrou como o rexeitamento do modelo turístico pasou do 30% en 2015 e agora está nun 40%; en zonas como San Pedro ou o casco histórico dispárase ao 60%. Hai síntomas que nos din que a cidadanía síntese expulsada dos espazos públicos. Santiago sempre foi cidade de encontro e ten unha dependencia importante do turismo no seu PIB, até un 18%, pero hai un risco de ruptura do modelo de convivencia. É urxente, todo se fala en cuestión de cantidades. Hai outra materia pendiente, o turismo deixa beneficios, pero hai que socializalos.


Entendo que -agora non porque a Xunta de Feijóo xa a vetou- pero se hai cambio de Goberno en San Caetano; vostedes volverán a propor que en Santiago se cobre unha taxa turística …


Algún día vaise implementar. Ese debate chegou para quedarse. Dise que Santiago non ten a dimensión que outras cidades europeas turísticas, pero xoga na mesma liga. As cifras turísticas en relación coa súa poboación o colocan nas primeiras do Estado. Falemos de goberno do turismo. Se alguén está a acusarnos de ‘turismofobia’, non está a escoitar a cidade. Non estamos en contra do turismo, estamos a pedir que a cidade non morra de éxito e non quede desnaturalizada. É necesario, hai que ser valente.


“En Compostela Aberta somos exemplo de que a unidade si pode preservarse”

Unha última pregunta, non de índole local. Nas xerais o resultado de En Marea foi nefasto. O resultado de En Común Unidas Podemos tampouco foi bo. Aprazado o debate na esquerda rupturista galega pola proximidade das locais, cómpre retomalo tras os comicios? Até que punto os prexudica nestes comicios? Porqué Compostela Aberta non se presenta nin baixo o paraugas de En Marea nin co que propón Podemos Galicia?


Tras as municipais hai que dar o debate. A construción de espazos amplos de unidade popular garante que moita xente poida participar e a fragmentación non favorece, como indica o sentido común. Nós intentamos intermediar, dende o espazo local, no espazo galego; pero sempre foi malinterpretada esa intermediación. Tanto na Coruña como en Santiago temos espazos unitarios, onde colaboran xuntos persoas dos partidos e tamén persoas a nivel individual ou de plataformas sociais. Dada a situación, decidimos que o prioritario era preservar esa harmonía como única vía para disputar a hexemonía. Todo o que aconteceu no espazo a nivel galego non favorece para as locais. Con todo, creo que somos exemplo de que a unidade si pode preservarse, en Santiago calquera persoa que queira votar en clave de esquerda de rupturista ten unha candidatura unitaria con experiencia no goberno. O que pase no futuro, irémolo vendo; pero sen dubida o debate hai que dalo. 

relacionada Os socialistas galegos gobernarán case todas as cidades, segundo outra enquisa
relacionada O CIS prevé que Bugallo (PSOE) recupere a alcaldía de Santiago de Compostela
relacionada ​Bugallo: “Todos os apoios que teñamos para sacar adiante o noso proxecto de cidade serán ben recibidos”
relacionada O alcalde de Santiago propón fusionar municipios como Ames, Teo e Compostela

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE