​Bugallo: “Todos os apoios que teñamos para sacar adiante o noso proxecto de cidade serán ben recibidos”

Xosé Sánchez Bugallo (1954) demostra nesta entrevista que coñece Santiago como a palma da súa man. Por exemplo, cando se lle pregunta pola “fantasía” do metro lixeiro do PP, en seguida argumenta citando detalladas cifras de pasaxeiros. Ao candidato do PSdeG, nótaselle os 12 anos que botou de alcalde e que está poñendo toda a carne no asador. O local -montado no Ensanche, territorio hostil, pois é un dos poucos barrios nos que gañou o PP o 28A- zumega unha frenética actividade. Ao temón un político veterano que, nesta entrevista, móstrase moi duro con Noriega. Das súas palabras, dedúcese que vai a por todas e non está pola labor pola ser segundo de abordo de Compostela Aberta. A política de vivenda, a fusión de concellos, a seguridade, os pisos turísticos e a mina de Touro son outros dos temas desta conversa.


|

Xosé Sánchez Bugallo (1954) demostra nesta entrevista que coñece Santiago como a palma da súa man. Por exemplo, cando se lle pregunta pola “fantasía” do metro lixeiro do PP, en seguida argumenta citando detalladas cifras de pasaxeiros. Ao candidato do PSdeG, nótaselle os 12 anos que botou de alcalde e que está poñendo toda a carne no asador. O local  zumega unha frenética actividade. Ao temón un político veterano que, nesta entrevista, móstrase moi duro con Noriega. Das súas palabras, dedúcese que vai a por todas e non está pola labor pola ser segundo de abordo de Compostela Aberta. A política de vivenda, a fusión de concellos, a seguridade, os pisos turísticos e a mina de Touro son outros dos temas desta conversa.





Bugallo entrevista primera

Bugallo durnate a entrevista no local do PSdeG no Ensanche, un dos poucos barrios nos que gañou o PP o 28A e non os socialistas


Que balance fai do resultado das eleccións locais, nas que o PSOE gañou na cidade e En Común Podemos andou polo 14% dos votos?

Non se poden trasladar os resultados dunhas eleccións a outras. Foi un resultado histórico porque é a primeira vez que o PSOE é o máis votado nuns comicios que non sexan locais; pero non se pode trasladar automaticamente nin a unhas municipais nin a unhas autonómicas. No caso das municipais, o elemento determinante é o compromiso coa cidade , o proxecto para Santiago e a confianza que os santiagueses poidan depositar nun.


"Pedro Sánchez é un activo moi potente. Mantén unha posición moi correcta e equilibrada en relación cos nacionalistas cataláns"


A nivel de panorama xeral, tras eleccións; Pedro Sánchez pasou de ser unha rémora pola súa estratexia en Cataluña, a un activo, polo seu éxito electoral?

É evidente que Pedro Sánchez é un activo moi potente. Mantén unha posición moi correcta e equilibrada en relación cos nacionalistas cataláns. Unha posición de defensa dun principio básico, a defensa da soberanía nacional, as decisións que afectan a todos os españois deben ser tomadas por todos os españois; xunto cunha posición dialógante en relación aos territorios, de busca de solucións consensuadas, dentro do marco legal que estable a Constitución Española. Paréceme moi correcta a súa postura e é un valor para o PSOE.


A semana pasada houbo un debate sobre a mina de Touro, no que o PSOE se abstivo, sen apoiar as críticas de BNG e En Marea. Posteriormente informouse que un membro da dirección do partido chamou ao candidato de Touro para confirmar que o PSOE é crítico coa mina. Dada a proximidade do proxecto, que opinión lle merece como candidato á alcaldía de Santiago?

Non é un tema que me corresponda a min, porque se produce fóra de Santiago. Agora ben, hai que facer unha reflexión. ¿Queremos actividade económica e emprego no rural? Ben, dende ese punto de vista, a minería é unha desas actividades. Debemos valorala, por suposto garantindo toda a protección e seguridade medioambiental; pero non pode haber unha posición de principio de oposición a este tipo de iniciativas. Se pensamos todo dende un punto de vista ...


"Descoñezo as circunstancias da mina de Touro pero por principio nin o PSOE nin ninguén que queira manter poboación e vida no rural se pode opoñer a que no rural se desenvolvan actividades económicas xeradoras de emprego "


Maximalista …

Teriamos que defender por exemplo o peche de Alcoa, e todos defendemos que se manteña, aínda que teña un depósito de residuos de aluminio moi contaminantes. Moitas veces a actividade económica xera algúns elementos negativos, o que temos que garantir e que eses elementos sexan absolutamente controlados para evitar a contaminación do medio e o dano da poboación. Descoñezo as circunstancias da mina de Touro pero por principio nin o PSOE nin ninguén que queira manter poboación e vida no rural se pode opoñer a que no rural se desenvolvan actividades económicas xeradoras de emprego, sempre cumprindo todos os requisitos e con todas as garantías legais.


Falando xa de política estrictamente municipal, o alcalde recuperou a idea do Gran Santiago e mesmo onte dicía canda o Concello de Teo que había que facer un referendo esta lexislatura para a fusión. Cal é a súa postura sobre a posible fusión de concellos? É viable?

É o típico bulo electoral que se levanta en vésperas das eleccións. Isto díxoo Noriega en abril de hai catro anos, repíteo este abril e polo medio nin dixo nin fixo nada. A realidade é que o proceso de fusión sen máis dos concellos do entorno de Santiago agora mesmo non é viable porque iso requiriría a vontade maioritaria dos habitantes dos concellos da comarca e a min esa vontade non me parece que exista. Polo tanto, o que debemos planear son debates cos nosos veciños doutros concellos, que efectivamente forman parte do Gran Santiago, para que non o vexan como unha iniciativa agresiva cara eles. O Gran Santiago xa existe. Veñen a Santiago de compras, a divertirse, a traballar, ao hospital e a estudar.


Como se debe artellar ese Gran Santiago logo?

De mutuo acordo con eles e a través dun proceso paulatino no que se deben dar pasos paulatinamente. Non é posible desfacer a estrutura comarcal que había -e isto foi o que se fixo- e logo olvidámonos do tema catro anos e saímos cunha iniciativa que ten como único obxectivo ocupar páxinas de xornal. O que se ten que facer é traballar no día a día buscando proxectos comúns, buscando a prestación compartida de certos servizos e ao mellor máis adiante aparece a opción de que isto se agrupe, primeiro como área metropolitana e ao mellor máis adiante como unha estrutura político-administrativa común. Plantexar un tema de fusión? Todos os outros concellos vano interpretar como unha OPA hostil e iso o único que vai xerar rexeitamento. Eu teño a convinción que se di non para producir un efecto práctico, senón para producir un efecto electoral.


"É o típico bulo electoral que se levanta en vésperas das eleccións. Isto díxoo Noriega en abril de hai catro anos, repíteo este abril e polo medio nin dixo nin fixo nada. A realidade é que o proceso de fusión sen máis dos concellos do entorno de Santiago agora mesmo non é viable "


Vostede falaba da posibilidade de compartir servizos …

Auga, saneamento, transporte, recollida de lixo … hai moitos nos se pode avanzar.


A pasada semana presentaba o seu programa e insistía en que o transporte está moi deteriorado …

Primeiro, o contrato está vencido hai máis de tres anos, debía de ter sido substituído por un novo concurso. Segundo, as unidades que prestan ese servizo son unidades obsoletas. Levamos oito anos sen renovar autobuses. Terceiro, o deseño da rede non está actualizado. Foi feito no 2005 e polo tanto no 2019 hai moitos cambios. E logo temos o grave problema da zona rural e dos núcleos da zona rural, que temos que resolver en colaboración coa Xunta, a titular dese servizo nese ámbito.


Hai uns anos o PP sacara a idea dun metro lixeiro …

Si, iso foi unha fantasía de Agustín [Hernández, o candidato do PP]. Están feitos os estudos previos e escondidos nun caixón, porque custa aproximadamente 500 millóns de euros en Santiago. Iso está fóra da viabilidade económica; para Santiago, A Coruña e Vigo serían 1.500 millóns, está fóra da capacidade económica da Xunta de Galicia e fóra da prestación razonable deste servizo. Por exemplo, facer unha liña de metro lixeiro entre a estación de tren e o aeroporto custa case 200 millóns de euros. Co número de viaxeiros que temos, con tres autobuses, cúbrese perfectamente ese servizo e o investimento non chega ao millón de euros. Para que unha línea de metro lixeiro poida ser viable ten que ter unha masa crítica que hoxe nas cidades galegas é moi difícil que se presente, e Santiago aínda non ten.


Unha das promesas claves do seu programa electoral é a construción de vivendas para mozos. Di vostede que moita xente ven traballar a Santiago pero acaba vivindo na periferia porque os alugueiros son caros ...

Disparatados.


Que solución propón?

Necesitamos dúas cousas. Ofertar vivendas en réxime de compra para mozos que teñen un traballo fixo. Como moitos non teñen ese traballo fixo, ou non teñen a necesidade ou as ganas de meterse nunha compra; hai que garantir unha bolsa de pisos de alugueiro. O Concello ten que mobilizar os seus recursos, é propietario de parcelas urbanizadas para a construción de vivenda protexida en Santiago; en concreto nos barrios de San Lorenzo, Castiñeiriño e Volta do Castro. O alucinante é que sexa propietario hai oito anos e non se construíse nin unha vivenda neses solares municipais. Nós propoñemos edificalos.


Dando prioridade á vivenda de aluguer …

Si, orientada especialmente aos mozos ou a persoas de colectivos con escasos recursos económicos.


Tamén propón construír máis centros de día e escolas infantís …

É fundamental para, entre outras cuestións, liberar a muller; porque hoxe recae sobre a muller a atención dos nenos e dos dependentes. En Santiago temos unha gran escaseza de centros de día, necesitamos un no Ensanche, outro na Cidade Histórica e deberiamos habilitar un na zona rural, ou tamén pensar en usar os centros socioculturais para que funcionen como centros de día.


Son políticas que requiren dun forte investimento. Cal é a súa proposta en materia fiscal?

Requiren de investimento, e requiren da implicación da administración autonómica, que a competente neste materia. Con todo hai locais que se poden reutilizar, polo que ao final o investimento non é tan grande. Por exemplo, para o Ensanche pensamos unha solución provisional en réxime de alugueiro en tanto non se habilita a mazá de Peleteiro, que alí iría o centro definitivo.


"É intolerable a situación actual, con máis do 90% dos pisos turísticos en situación de irregularidade flagrante e máis dun 85% en situación de ilegalidade flagrante. Estamos a falar de máis de 1.500 pisos en Santiago"  


Tamén no seu programa electoral sinala unha regulación dos pisos turísticos …

Iso é imprescindible.


Pero que aspectos se debería regular? Algún límite?

Buscaremos o maior consenso posible cos axentes sociais e as outras forzas políticas. En todo caso, debe regularse as características que deben reunir os pisos, tanto a relación deses pisos coas comunidades de veciños como en relación coa normativa autonómica e municipal. Un rexistro tamén debería facilitar a labor de inspección e control e garantir que se cumpren os requisitos. É intolerable a situación actual, con máis do 90% en situación de irregularidade flagrante e máis dun 85% en situación de ilegalidade flagrante. Estamos a falar de máis de 1.500 pisos en Santiago.


"Hai que reforzar a seguridade, os miles de visitantes que veñen a Santiago téñena que percibir como unha cidade segura"


Houbo polémica recentemente ao fío das pintadas na Catedral e do debate sobre poñer máis cámaras de seguridade. Noriega criticouno por apoiar a decisión da Xunta de poñer máis cámaras, dicindo que vostede se aliñaba co PP …

Que diga o que queira pero ao final consiste que as cámaras as coloque a Consellería de Cultura, que me parece delirante. Hai que reforzar a seguridade, os miles de visitantes que veñen a Santiago téñena que percibir como unha cidade segura. É evidente que os efectivos policiais están minorados e desorganizados. Polo tanto, debemos mellorar a organización; debemos ampliar os efectivos e debemos ampliar as novas tecnoloxías para facelos máis efectivos. O obxectivo da seguridade é garantir os dereitos dos cidadáns, non limitalos. Ese é o error dalgúns. Hoxe hai moitos menos policías que antes e o que non pode facer o Concello é renunciar a súa responsabilidade. Quen non ten ningunha competencia en seguridade é a Consellería de Cultura. A actitude do Concello recórdame a de Poncio Pilatos, se hai que facelo ten que facelo quen ten a competencia.



Non me resulta fácil imaxinar ao PSOE implicado nunha labor de goberno que non dirixa o propio partido socialista, entre outras cuestións porque ten que haber un elemento de confianza que a día de hoxe lle confeso que non o hai.   



Bugallo entrevista portada


É normal que nesta época haxa cruce de acusacións entre candidatos; pero que vai pasar ao día seguinte. A pesar da vitoria do PSOE nas xerais, tendo en conta os precedentes doutras locais, é moi difícil que os socialistas, ou outro partido, teña maioría absoluta. Estaría Bugallo disposto a compartir un goberno con Compostela Aberta?

Se o PSOE é a lista máis votada, e eu son o candidato máis apoiado, asumirei a responsabilidade de formar goberno e tratarei de buscar todos os apoios posibles para levar adiante un proxecto, xa veremos, cando se fale con outras forzas, en que medida e que disposición teñen para implicarse. A min o que interesa é garantir o proxecto de cidade. Todo o que contribúa a facilitar ese proxecto, é bo e calquera outra cousa non é a dirección que nos interesa. Loxicamente, se houbese outra forza máis votada, correspondería a esa formación política tomar esa iniciativa. Nós sempre actuaremos responsablemente, facilitando a gobernabilidade. Agora ben, digo algo, non me resulta fácil imaxinar ao PSOE implicado nunha labor de goberno que non dirixa o propio partido socialista, entre outras cuestións porque ten que haber un elemento de confianza que a día de hoxe lle confeso que non o hai.


Daquela, non considera iso tan de moda no debate político de hoxe, os cordóns sanitarios, nin á esquerda nin á dereita?

Non, nós respectamos a vontade democrática dos cidadáns e polo tanto nós non podemos establecer cordóns sanitarios. Nós presentámonos cun proxecto de cidade, e trataremos de sacar ese proxecto de cidade. Todos os apoios que teñamos para sacar adiante ese proxecto, serán ben recibidos, sen prexuízo de que poidamos considerar cousas que o enriquezan e melloren, estamos abertos, pero non que o convirtan noutra cousa distinta. Non somos un grupo sectario, ademais se nos non gobernamos, sempre actuaremos con responsabilidade e en beneficio dos intereses xerais da cidadanía e oxalá os outros fagan o mesmo. 

relacionada ​Bugallo: “Son militante de base socialista, pero eu preséntome para defender a Santiago e non a ningún goberno”
relacionada Referendo para fusionar Santiago e Teo, propoñen os seus dous alcaldes
relacionada A Xunta xa estuda onde poñer as cámaras ao redor da Catedral
relacionada O PSOE é o máis votado tanto en Santiago como na Coruña, onde o PACMA supera a En Marea

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE