​Bugallo: “Son militante de base socialista, pero eu preséntome para defender a Santiago e non a ningún goberno”

Nesta entrevista con Galiciapress, a Bugallo non lle treme a voz para cualificar de “impresentable” a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa depuradora. O ex-alcalde de Santiago e de novo candidato deixa claro que o seu primeiro compromiso é coa cidade e explícanos cómo iso levoulle a saír do seu retiro. Ao PP de Santiago acúsao de ser protagonista de intres escatolóxicos -incluído un convenio para a depuradora oculto no caixón- e a Compostela Aberta de pasotismo. O Xacobeo, os pisos turísticos, a seguridade, o modelo de zona vella e as relacións con Gonzalo Caballero son outros temas desta conversa.


|

Nesta entrevista con Galiciapress, a Bugallo non lle treme a voz para cualificar de “impresentable” a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa depuradora. O ex-alcalde de Santiago e de novo candidato deixa claro que o seu primeiro compromiso é coa cidade e explícanos cómo iso levoulle a saír do seu retiro. Ao PP de Santiago acúsao de ser protagonista de intres escatolóxicos -incluído un convenio para a depuradora oculto no caixón- e a Compostela Aberta de pasotismo. O Xacobeo, os pisos turísticos, a seguridade, o modelo de zona vella e as relacións con Gonzalo Caballero son outros temas desta conversa.



Bugallo entrevista 1



Hai un ano Bugallo indicaba que concluíu unha etapa política e vía difícil, pero non imposible, volver ao Concello. Que cambiou para que o que era difícil sexa hoxe unha candidatura a alcaldía de Santiago?

Cando rematei no Parlamento en 2016 din por rematada a miña vida política en primeira liña. Naquel intre abríase unha nova etapa na miña vida. Desde logo, aproveitei moi ben ese tempo; pero hai elementos que levaron a mudar unha decisión que tiña perfectamente asumida.


Cales foron?

O primeiro é que me doe Santiago. É unha pena ver a cidade nesta situación. Durante moitos anos, convertemos a Santiago nunha referencia cultural, foi Capital Cultural de Europa en 2000; nunha referencia en rehabilitación -foi premio europeo de urbanismo e recibiu o premio Dubai que entrega unha axencia da ONU-. Logo, primeiro pasou unha etapa terrible, destrutiva.


Refírese a lexislatura co goberno do PP supoño …

Si, deixou de ser noticia por cousas boas como era sempre a ser noticia por cuestións catastróficas e escatolóxicas. Agora unha etapa absolutamente mortecina, dá a impresión que a cidade se resigna a unha posición absolutamente secundaria. A min isto dóeme e pareceume que había que facer algo para cambiar isto. E, en segundo lugar, que me chaman para encabezar a lista socialista.


Quen o chama?

Esencialmente o PSOE, loxicamente. A min chámanme e estou nunha situación na que non podo negarme. Entre outras cuestións, polo que quero a cidade e polo que o pouco ou algo que fun na vida débollo a cidade.


Vostede di que Compostela Aberta ten unha cidade nunha situación mortecina. Refírese por exemplo aos problemas para poñer en marcha a depuradora?

Eso é un exemplo, pero nin sequera o máis importante, desgraciadamente.


Cal é logo?

Pois que Santiago que era unha referencia cultural, urbanística, etc. xa non o é, incluso no turismo. Iso desgraciadamente responde a unha situación de resignación xeneralizada. Iso manifestase por exemplo na EDAR, pero afecta a todos os aspectos. Nos 90 e 2000 había unha política de rehabilitación que facía que cada ano se rehabilitaran centos de vivendas no casco histórico. As cifras de hoxe non teñen comparación posible.


Sobre isto, hai moito debate sobre o modelo de zona vella. É evidente que nas últimas décadas aumentou moito o turismo e o casco histórico está convertido nun motor económico pero cada vez menos nun lugar no que viven ou fan vida os propios composteláns …

Neste tema hai que traballar. Non podemos renunciar ao turismo porque é un motor económico, unha peza fundamental. Temos que buscar un turismo da maior calidade posible cunha estadía o máis prolongada posible e temos que facelo compatible con manter a vida residencial da cidade. Neste sentido, vexo erros bastante incomprensibles.


Por exemplo?

Suspéndense as licencias de hoteis pero permítese a proliferación masiva de pisos turísticos, unha parte deles totalmente fora de control. Hai que manter o que prevé o Plan Especial, revisando o que haxa que revisar, pero en principio paréceme máis razoable que haxa hoteis e non unha xeneralización dos pisos turísticos. Isto non quere dicir que non haxa estos pisos, o turismo requíreo e polo tanto debe haber unha oferta equilibrada e controlada. O que non pode haber unha oferta totalmente desequilibrada e descontrolada, como hai hoxe. Hoxe nin sabemos cantos pisos turísticos hai.


Pero este tema é máis ben competencia da Xunta, non?

Non, a Xunta ten parte da competencia pero o Concello ten a urbanística, e debe exercela.


E como a exercería vostede?

Hai que facer unha inspección dos pisos turísticos que hai en Santiago. Sobre aqueles que non teñen autorización, débese actuar. Sabe vostede cantos expedientes se abriron a pisos turísticos por exercicio irregular? Que eu saiba, ningún; non sei se agora se abrirá algún, cando o control deles é bastante simple, porque están en Internet.


Bugallo entrevista


Son datos públicos …

Unha soa persoa adicada a controlar as plataformas identifica todos os pisos e pode mandar unha inspección. Iso non me parece un traballo fóra do alcance dunha administración.


A nivel de discurso, o actual alcade si que se mostra crítico con este asunto …

Totalmente, e organizou unha exposición dunha cama que foi recorrendo as prazas da cidade. A parte do anecdótico desa exposición, que todos nos preguntábamos que facía a cama no Obradoiro, o que ten que facer a Administración é tomar medidas. O alcalde non está posto aí como figurante, está para tomar decisións.


Relacionado con isto, vostede dixo que Compostela non está preparado para o Xacobeo 2021.

É unha evidencia.


A que se refire?

A limpeza viaria non está funcionando. Os autobuses son absolutamente vellos. A seguridade, no que depende da Policía Local, está nunha situación terrible. O primeiro que hai que facer cando seis ou sete millóns de persoas veñen nun Ano Santo -a partir do mes de abril cada día do fin de semana veñen 20.000 ou 30.000- é que os servizos de acollida e transporte funcionen doutra maneira. Tal e como funcionan agora é imposible prestar unha atención axeitada porque xa están superados pola situación a día de hoxe; e a realidade de hoxe ten moi pouco que ver coa que teremos nun Ano Santo. Só en autobuses cada venres, sábado e domingo entrarán entre 400 e 600 autobuses diarios. Nos anos santos que tiven a honra de estar no concello os servizos funcionaron ben. De feito nas enquisas que se facían a peregrinos e visitantes -porque os peregrinos son só o 5% do total- saía un 98 ou 99% de satisfacción. Isto non pode cambiar. Non hai mellor publicidade que millóns de persoas falen ben da cidade e non hai peor publicidade que millóns de persoas falando mal.

O gran reto do futuro de Santiago é ser unha cidade atractiva e acolledora, agradable para inverter e traballar

Vostede fai referencia a súa experiencia no Concello e evidente cos gobernos do PSOE cambiou moito. Agora ben, haberá quen lle diga aquelo de que “segundas partes nunca foron boas” ou “auga pasada non move o muíño”. Que pode aportar Bugallo agora que non aportara antes?

Paréceme moi razoable que me digan iso. Esa é a mesma reflexión que eu me fixe e por iso tiven moitas dúbidas. O pasado serve como credencial da capacidade e solvencia para desempeñar unha función. Non creo que o futuro poida ser repetir o pasado, o gran reto do futuro de Santiago é ser unha cidade atractiva e acolledora, agradable para inverter e traballar.


Temos que facer un enorme esforzo para atraer emprego cualificado, facilitar a consolidación e implantación de emprendedores en Santiago, aproveitando as sinerxias da Universidade de Santiago; poñéndoo en relación cos activos da cidade; unha cidade cun solo empresarial importante, cunha posición estratéxica e de vías de comunicación excepcional. Esta é a prioridade, logo os anos santos de 2021 e 2027 van ser a gran oportunidade de concitar apoios para sacar o proxecto de cidade, que é o que eu chamo Santiago 2030, que temos que definir xunto cos axentes sociais e traballar todos nesa dirección.

Hai un deterioro xeral do servizo público da sanidade en Galicia, pero en particular en Santiago

Santiago ten activos, pero tamén problemas. O máis actual é o sanitario, con conflitos no SERGAS tanto nas urxencias como no PAC. Aínda que non é competencia do Concello, como avalía a situación?

Hai un deterioro xeral do servizo público da sanidade en Galicia, pero en particular en Santiago. Hai temas de infraestruturas que estaban comprometidas da miña época, como era o Centro de Saúde de Conxo, que sigue pendente a pesar de estar comprometido dende hai máis de dez anos e non se fixo. O proxecto de desenvolvemento do Hospital abandonouse, que incluía a construción dun novo edificio derrubando o Gil Casares.

Co cambio de ubicación da depuradora Conde Roa logrou gañar as eleccións nas parroquias de Laraño e Villestro e con iso gañou as municipais por 11 votos 

A proposta de orzamentos do Estado remitida ás cortas non prevé diñeiro para a depuradora de Santiago …

A min iso paréceme intolerable, dígoo con absoluta franqueza. O Estado lévase equivocando neste tema dende hai oito anos. Equivocouse en 2011 cando consistiu Conde Roa, alcalde do PP, e o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández [hoxe líder do PP en Compostela] cambiaron de sitio a situación prevista para a depuradora. Nos anos anteriores houbo un proceso complexo no que o Estado decidiu que estivera en Silvouta, porque dende o Concello pedimos outros emprazamentos. A Confederación Hidrográfica analizou as situacións e decidiu Silvouta. O Concello, que daquela gobernaba eu, deulle o visto bo. Había unha subvención europea de 38’5 millóns de euros, había proxecto, había expropiación aprobada e Declaración de Impacto Ambiental aprobada. Por razóns políticas, un señor dixo que había que cambialo. É verdade que con iso logrou gañar as eleccións nas parroquias de Laraño e Villesto e con iso gañou as municipais por 11 votos. Aquelo nunca o debeu ter consentido o Estado.


Por qué?

A EDAR é unha infraestrutura de interese estatal e o Estado o que fixo foi lavarse as mans e dicir, “se vostedes a queren cambiar de sitio cámbiase, pero nós non poñemos un euro máis”. Non só non poñen un peso máis, senón que baixan -como se perdeu a subvención de 38,5 millóns pois Europa rebaixou a subvención a 32 millóns. Este problema complícase porque a nova depuradora en vez de ser máis barata como dixeran, era máis cara, 90 en vez de 50 millóns, lóxicamente, porque está nunha nova ubicacación e porque hai que facer colectores, liña de alta tensión e até unha estrada nova. O problema é que ninguén se atreve a dar a cara. Fírmase un curioso convenio entre Agustín Hernández, Ángel Curras e a directora de Aquaes no que o Estado di que aporta como máximo 32 millóns, a Xunta aporta como máximo 9 e o resto que o aporte o Concello. Claro, ese proxecto nunca se atreveron a presentalo, porque o conselleiro pasa a ser alcalde e non se atreve a presentalo porque a nova depuradora costa 89 millóns e pico e a parte que lle toca ao Concello serían 48 millóns, fóra da capacidade do Concello completamente. Ese convenio queda gardado nun caixón, pero existe; existe e pódese presentar cando queira. O gran erro de Martiño Noriega é que cando entra en 2015 non afronta o problema. Pasan até tres anos e daquela de súpeto sae dicindo “hai que volver a Silvouta”. O problema de volver a Silvouta é que Xunta e Estado din que iso significa perder os 32 millóns de euros da UE.


Vaia lea. Qué propón Bugallo para saír dela?

Se eu son alcalde, nos primeiros cen días quero que se tome unha decisión definitiva. Segundo, o Estado no pode pasar de “puntillas” sobre un tema que a súa competencia e polo tanto a súa responsabilidade. Máis alá do que opine este ou outro alcalde, ten que tomar a decisión oportuna. O alcalde de Culleredo non quería o aeroporto, e aí está Alvedro porque é de interese xeral. O de Boqueixón non quería que o AVE pasara por onde pasa, e pasa por alí porque é de interese xeral. Aquí, polo contrario, estamos mareando a cuestión. Se se perden fondos europeos, que os poña o Estado por consentir de xeito irresponsable esta actuación.

Son militante socialista de base, nunca o oculto, pero eu me presento para representar e defender a cidade de Santiago, non para representar e defender a ningún goberno de ningún cor político 


Para conseguir iso vai ter que enfrontarse a dirixentes do seu propio partido …

Por suposto. O que faga falta. Eu son militante socialista de base, nunca o oculto, pero eu me presento para representar e defender a cidade de Santiago, non para representar e defender a ningún goberno de ningún cor político.


Falando de política logo, o PSOE vive unha realidade bipolar, unhas enquisas que falan de suba polo suposto ‘efecto Sánchez’ e un durísimo pau electoral en Andalucía, que Susana Díaz atribúe ao apoio dos independentistas cataláns ao goberno de Pedro Sánchez. Cre que a polémica sobre as relacións PSOE cos secesionistas cataláns pode prexudicar a candidaturas como a súa?

Pois non o sei sinceramente.


Non lle preocupa?

Iso contestareillo o día despois das eleccións. Estou ao que teño que estar, ao que depende de min. Eu preséntome para defender os intereses de Santiago. En segundo lugar tampouco lle oculto que eu máis ben non son nada proclive ao independentismo, senón máis ben todo o contrario. Considérome un bo compostelán, un bo galego e un bo español.


Desas verbas deduzo que ese ruxe-ruxe dun “superdomingo electoral” con eleccións locais, europeas e tamén xerais non lle fará moita graza …

O que non me ocupa, non me preocupa. Sánchez non vai chamarme a min para falar disto nin eu teño pensado chamalo a el sobre este tema, salvo que el chame, que non o espero. Esa é unha decisión que tomará el.


O PSdeG leva aproximadamente un ano con Gonzalo Caballero como líder. Neste período en Santiago evitouse unhas primarias cunha candidatura de consenso que vostede lidera, noutras cidades non foi así. Que valoración fai da labor de Gonzalo Caballero?

Non vou facer ningunha valoración. Teño unha boa relación con Gonzalo Caballero, pero eu céntrome nos temas de Santiago. O único que dixen é que se había primarias non tiña nada que obxectar pero que eu non me presentaría, porque eu creo que no PSOE non fomos quen de xestionar ben as primarias. As primarias parécenme un procedemento normal e democrático para elixir cargos, pero fallou a xestión posterior. Abríronse unhas feridas que non se pecharon naqueles intres. O que había que facer agora era algo diferente, un proceso de integración, de recuperación de relacións … Neste sentido, convocar primarias, eu respectaríao pero non ía participar. Ao final, en Santiago a persoa que tiña anunciado presentarse ao saber que me presentaba eu aceptou formar parte da miña candidatura e resolvemos así o proceso; e eu creo que o resolvemos ben.


Toca agora presentar o programa electoral. Que prazos barallan e que nos pode adiantar?

Encargueille a coordinación a unha persoa de toda confianza para min, e de enorme solvencia, Xaquín Fernández Leiceaga. Están traballando moitas persoas e recibindo moitas colaboracións. Os seus obxectivos serán primeiro a recuperación do norte para a cidade, cun absoluto compromiso cos anos santos; unha aposta pola recuperación do protagonismo da cidade e unha protección dos sectores sociais máis febles. Vai haber unha aposta pola igualdade de apoio a muller e a todos os desfavorecidos; e de aposta pola creación de emprego. Cando fun elixido alcalde a prioridade era a vivenda e nos trece anos que estiven aprobouse a construción de máis de 4.000 vivendas de protección oficial, nesta etapa a prioridade é apoiar aos emprendedores, á creación de emprego e aos que estean nunha posición máis feble. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE