Servizos mínimos pola folga este xoves en educación especial e escolas infantís
Garántese as aperturas co establecemento duns mínimos a cumprir en función de cada un
A Xunta fixou os servizos mínimos para a folga dos centros educativos de educación especial de titularidade privada, así como das escolas de educación infantil -- de cero a tres anos --, nos centros e servizos de atención a persoas con discapacidade e nos de reforma xuvenil e protección de menores convocada para o 6 de novembro.
No caso dos centros educativos de educación especial de titularidade privada, os servizos mínimos marcan que permanezan abertos en horario habitual coa necesaria presenza un membro do equipo directivo e un subalterno ou subalterna.
En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros. Entre outros, deberá haber o 20 por cento do persoal médico, de comedores, dos ATS, de limpeza, de coidadores.
En canto aos centros de asistencia e educación infantil, estipula dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos e nenas que garantan a apertura e peche dos centros ao longo da xornada.
Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento.
OUTROS CENTROS
Nos centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, os servizos mínimos designaranse coa mesma intensidade con que os servizos esenciais ven atendidos nun domingo ou nun día festivo e, para o caso de que se trate de centros que permanezan absolutamente pechados talles días, atenderase ás quendas establecidas para os sábados.
No caso dos servizos de atención diúrna ocupacional e atención diúrna terapéutica nos que unicamente teñen actividade de luns a venres, estipúlase que para os servizos de atención diúrna ocupacional un cociente de persoal de atención directa de 0,10 e de 0,14 no servizo de atención diúrna ocupacional con outras discapacidades concorrentes.
Polo que respecta ao servizo de atención diúrna terapéutica, o cociente de persoal de atención directa é de 0,14 nas áreas de discapacidade intelectual e dano cerebral adquirido, e de 0,20 nas áreas de discapacidade física, parálise cerebral e trastorno do espectro autista. Nos servizos de supervisión e apoios puntuais en equipos especiais, é necesario garantir unha persoa coidadora por quenda.
Ademais, os centros que teñan servizo propio de comedor, deberán ter ao persoal mínimo para garantir o servizo de comida. No transporte para a atención de usuarios de centros de atención a persoas con discapacidade, manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 08.00 horas até as 10.30 horas.
Tamén os de saída, desde as 14.00 horas até as 15.30 horas, nos servizos de media estancia e desde as 16.30 horas até as 20.00 horas nos servizos de estancia completa.
Escribe o teu comentario