Suspendidos os contratos das liñas de autobuses modificadas pola Xunta
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública estimou a solicitude formulada pola CIG para suspender preventivamente a licitación dos contratos de transporte de viaxeiros por estrada da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
A través dun comunicado, esta organización sindical sinala que agora preparará o preceptivo recurso contra os pregos de condicións. O responsable do sector de transportes da CIG, Xesús Pastoriza, asegura que a central busca "que se garantan todos os empregos", posto que os contratos actuais, asegura, "están infravalorados tanto na parte económica como na de persoal".
Este "desfasamento", advirte, "parece obvio que levará a que as compañías despidan traballadores, presenten EREs e busquen rebaixar as condicións laborais e retributivas". E é que, de acordo coas súas cifras, as estimacións de custo que fai a Xunta "non chega nin para cubrir os salarios".
"Só no primeiro ano, os déficits nalgúns dos grandes contratos ascenden a máis de 600.000 euros, e iso sen imputar outro tipo de gastos. Ademais, os pregos establecen un número de traballadores inferior ao actual cando todo o persoal ten dereito á subrogación", explica Pastoriza.
Por todo iso, a CIG reclama á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que faga unha "reformulación profunda" dos contratos, "tanto o que ten que ver coa dotación económica como nos medios humanos, para cumprir coas cláusulas sociais ás que se comprometeu".
Así mesmo, a organización sindical reitera a súa oposición ao plan de transporte presentado polo Goberno autonómico, que "debuxa un mapa de liñas caótico e escasamente funcionais para os viaxeiros" e ten "o único obxectivo de integrar as liñas de transporte escolar e así aforrar diñeiro".
Escribe o teu comentario