En máis dunha ocasión, un acontecemento pode servir de elemento de distracción nunha campaña electoral. Entrados xa de cheo no ecuador dos comicios do 28A, un novo elemento veu a distorsionar a xa de por se electrizante campaña: o gran debate que debía celebrarse nunha televisión privada con cinco candidatos, un dos cales o seu partido non conta con representación parlamentaria a nivel nacional, factor importante se se ten en conta que a convocatoria é para elixir os seus representantes.
Os cinco candidatos que representan ao PP, PSOE, Podemos, Ciudadanos e Vox aceptaran a proposta. Ata que algúns partidos que non estaban incluídos no debate presentaron as súas queixas á Xunta Electoral, que decidiu que Vox non pode participar.
Pero alguén non coñecía que Vox non podía participar? Nin a TV promotora, nin os xefes de campaña? Non mo creo.
Mentres, os profesionais da televisión pública protestaban porque ata o presidente do Goberno elixiran a TV privada antes que a pública para debater. Metedura de pata con decisión final complicada; aproveitando a resolución da Xunta Electoral, Pedro Sánchez candidato decidiu que só vai participar no debate de TVE e rexeitar o de Atresmedia. Os outros tres candidatos manifestaron a súa intención de ir aos dous. Algunha cousa inventarán para seguir tensionando...
A decisión de Pedro Sánchez caeu como unha bomba aos profesionais e directivos de Atresmedia, que non lle van a perdoar ao presidente do Goberno o plantón no debate. Como llo pensan cobrar?
Aínda que a proposta de TVE é que o debate se celebre o día 23, data proposta no seu día por Atresmedia, os outros candidatos piden cambiala para non facelos coincidir. Situación complicada na que se meteu o candidato Sánchez. O seu equipo de campaña asegura que o seu xefe só tomará parte nun debate, o de TVE. Que sucedeu para o cambio de postura radical do candidato socialista? Por que se equivocou antes e rectifica agora?
Sexa o que sexa, a celebración do gran “debate” está a dar moito de que falar, máis que as propostas que cada un dos partidos levan nos seus respectivos programas electorais... o que resulta realmente pousado para os mortais que non entenden, nin queren facelo, de estratexias dos grandes pensadores dos partidos políticos.
A cidadanía está a desexar que chegue o 28 para descansar. O malo é que depende dos resultados, quedará por decidir quen formará Goberno, o que levará de novo a un longo episodio ata que os partidos implicados cheguen a acordos. Son cousas das estratexias, intereses, acordos e prioridades.
“O maior risco é non correr ningún risco. Nun mundo que cambia moi rapidamente, a única estratexia que garante fallar é non correr riscos”, dixo en máis dunha ocasión Mark Zuckerberg.
Escribe o teu comentario