Pilar Cancela (PSOE): "Non podemos confiarnos demasiado das enquisas, a xente ten que acudir a votar"
Nesta entrevista con Galiciapress, Pilar Cancela (Stuttgart, 1967) valora as enquisas e advirte que España pode converterse nun "laboratorio das políticas de ultradereita" como Andalucía. Cabeza de lista do PSdeG pola Coruña e referente do sanchismo en Galicia, tamén é presidenta da Comisión de Igualdade. As políticas sociais, Alcoa, a transferencia de AP-9 e os posibles pactos tras o #28A son outros temas desta conversación, a quinta da serie de entrevistas que Galiciapress está a publicar con candidatos ás eleccións xerais.
Nesta entrevista con Galiciapress, Pilar Cancela (Stuttgart, 1967) valora as enquisas e advirte que España pode converterse nun "laboratorio das políticas de ultradereita" como Andalucía. Cabeza de lista do PSdeG pola Coruña e referente do sanchismo en Galicia, tamén é presidenta da Comisión de Igualdade. As políticas sociais, Alcoa, a transferencia de AP-9 e os posibles pactos tras o #28A son outros temas desta conversación, a quinta da serie de entrevistas que Galiciapress está a publicar con candidatos ás eleccións xerais.
Pilar Cancela atendeu a Galiciapress
Que faltou para que Pedro Sánchez non puidese esgotar a lexislatura?
Faltou unha ferramenta fundamental, que é xusto sobre a que se sustentan todas as políticas que uno queira facer. Creo que un partido político retrátase máis aló das súas propostas ou as medidas que poña en marcha, ao final hai moi poucas cousas que se queiran facer na acción política que non precisen dun sustento orzamentario. Os orzamentos xerais son a ferramenta na que se transvasa e pódese analizar cal é a liña política de calquera forza política que estea no Goberno central.
Ao non saír os Orzamentos Xerais do Estado, que eran uns orzamentos cos que se tentaba reverter definitivamente os recortes que se aplicaron nos últimos anos de goberno de Rajoy, pois o normal era convocar unha eleccións xerais e deixar que sexa a cidadanía a que decida quen pode conformar, que maiorías poden existir ou que acordos se poden alcanzar por aquelas forzas que poidan alcanzar esa maioría. E creo iso foi o que faltou. Faltou unha ferramenta fundamental como son os orzamentos cun contido social moi potente pero que ao non saír adiante o normal é que se convoquen eleccións e non seguir cos orzamentos prorrogados dun goberno anterior cos que non estabamos en absoluto de acordo.
Vostede é xunto con Guillermo Meijon a única cara coñecida das listas galegas ao Congreso. O programa do PSOE é continuista ou fai falta un cambio para estas xerais?
O proxecto márcao o seu secretario xeral e a executiva, e aí está o propio programa electoral, neste caso sustentado polo goberno. As persoas veñen e van e individualmente non definen un proxecto político, aínda que achegan, cualifican e son un factor importante de suma. Pero ao final o importante é o proxecto, o seu sustento e as propostas que fai.
Hai unha renovación importante nas listas ao Congreso e ao Senado, pero en todo caso son decisións que derivan dos propios procesos participativos ou das decisións políticas dos responsables do partido que nun momento determinado conforman os seus propios equipos. A nosa organización iso asúmeo con bastante normalidade.
Hai un laboratorio que está en marcha con políticas da dereita e a ultradereita que é Andalucía, e esa posibilidade é real e pode darse
PACTOS DE GOBERNO
As últimas enquisas manteñen a subida socialista e posibilitan un goberno de esquerdas. Ve posible alcanzar os pactos necesarios para formar un goberno co PSOE en Moncloa?
Hai unha máxima na que coincide todo o mundo, e é que o PSOE será a forza máis votada deste país. O que ocorre é que é importante que todas aquelas persoas que aposten por un proxecto progresista, que considere que estes meses de goberno socialista débense seguir asentando, porque se ten que seguir nese camiño de propostas de contido social, de traballar para toda esa xente que sufriu en primeira persoa os recortes da crise económica, agora que crecemos economicamente esa xente debe verse beneficiada por ese repunte. Nese sentido creo que é moi importante que exista esa maioría progresista, independentemente do que marquen as enquisas, porque non nos podemos fiar demasiado. Prefiro que haxa unha mobilización e unha participación moi importante, que a xente acuda a votar.
E sobre todo que haxa unha mobilización ante un posicionamento que é moi evidente, porque aquí hai dúas posibilidades: que se poida conformar unha maioría progresista de esquerdas con aquelas forzas políticas que aposten por un camiño de progreso e non de retroceso; ou ben a posibilidade, que tampouco é descartable porque temos exemplos e non é unha idea demagóxica, porque hai un laboratorio que está en marcha con políticas da dereita e a ultradereita que é Andalucía, e esa posibilidade é real e pode darse. Iso é o que nos estamos xogando. Saber que modelo de país queremos construír de aquí en diante.
En Galicia existe unha evidente fragmentación da esquerda con respecto aos anteriores xenerais. Que diferencia a oferta do PSOE da dos outros partidos?
Creo que o Partido Socialista é o partido coa capacidade de establecer canles de diálogo e sobre todo para sentar e poder falar. A política non é outra cousa que poder sumar e conformar maiorías, porque do que se trata ao final é de gobernar para a inmensa maioría do país. E esa capacidade de dialogo, de confluír, de poder falar practicamente con todo o mundo, porque nós non podemos poñer cordóns sanitarios con ninguén, aínda que si temos claro que cunha forza como Vox que mesmo pon en cuestión o noso modelo de convivencia e o modelo constitucional, pois loxicamente non compartimos nada nin ningún posicionamento político.
Xogámonos saber que modelo de país queremos construír de aquí en diante
Pero co resto das forzas creo que hai que ter capacidade para entenderse e ter capacidade de moderación. Isto significa que, dentro da discrepancia, sempre hai que tentar atopar posturas comúns. Un caso evidente é o que se está vivindo en relación ao noso modelo de convivencia con Cataluña e a única forma de poder canalizar iso é a través do dialogo e non a confrontación para rebaixar a tensión existente entre as distintas partes de España, e neste caso concreto con Cataluña. Somos o partido que ten esa capacidade de sumar e traballar para a inmensa maioría do país.
Falaba hai un minuto dese “laboratorio de política de ultradereita” en Andalucía Teme que en Galicia experiméntese un aumento da ultradereita como está a ocorrer noutros puntos de España?
É unha posibilidade que se pode dar. Aínda que é certo que en Galicia hai unha diferenza con respecto a outras partes de España e é a fortaleza do PP na comunidade con respecto a outros puntos de España. Creo que a irrupción de Vox con esa forza débese a moitos factores, pero hai un que hai que ter moi en conta e é a debilidade no liderado de Pablo Casado que fai que nun momento determinado Vox vexa o espazo político que se abre e é cando se lanza a ocupar ese espazo. É o que fixo que irrompese con esa forza, cun discurso tremendamente populista, demagóxico, cun discurso primario, pero que non é diferente ao discurso de Bolsonaro, Trump ou Salvini. Ao final son fenómenos que van máis aló das nosas fronteiras. Creo que en Galicia a irrupción desta corrente non sexa tan potente senón máis moderada.
XOGO SUCIO, EUTANASIA, AP-9 E ALCOA
A actualidade vira ao redor da noticia sobre o pirateo da cámara policial que vixía a casa de Pablo Igrexas e Irene Montero. Agora que se sabe que esa cámara foi hackeada, cre que existe un xogo sucio contra Podemos? Desde Podemos reclaman a Deputación Permanente do Congreso para ter explicacións por parte do goberno...
O Goberno non vai ter ningún problema respecto diso, todo o contrario, e o presidente así o manifestou nas súas últimas intervencións. O compromiso de depurar responsabilidades, de investigar e ir ata as súas últimas consecuencias vai poñer en marcha. Agora mesmo estamos co caso de Podemos, o que é absolutamente condenable e deleznable en democracia, como é a utilización dos resortes do estado para condicionar a vida política dun país e sobre todo perseguir a un partido político. España en pleno século XXI non pode permitirse este tipo de actuacións. Pero a cuestión é saber se se fixo só con Podemos ou tamén con outras forzas políticas, porque iso é o máis preocupante. Por tanto hai que actuar e depurar responsabilidade ata as súas últimas consecuencias sexan quen sexa os seus responsables.
O debate en España nos últimos días virou ao redor da eutanasia. Pedro Sánchez dixo sentirse “sobrecogido e indignado” deixando aberta a posibilidade dunha lei para o dereito para morrer dignamente. Vostede vai nesa mesma liña?
Neste período lexislativo que foi máis curto, nos últimos meses, houbo unha batería impresionante de proxectos lexislativos que finalmente foron taponados no Congreso pola maioría de PP e Cidadáns. Agora sorpréndeme a postura de Cidadáns tan a favor dunha lei de eutanasia ou de morte digna, pero hai que lembrarlles que ata en 19 ocasións prorrogouse a posta en marcha do debate lexislativo con respecto á lei de eutanasia que presentamos nós. Por tanto: houbo unha posibilidade, puido ser e non foi, precisamente porque non quixeron que así fose. Por iso que non nos enganen nin utilicen linguaxes demagóxicas.
Este país está sobradamente preparado para asumir unha lei de eutanasia, porque é unha cuestión de dignidade e liberdade das persoas individuais, porque é unha lei garantista onde foi tomada en consideración, que se puido debater e votar. Creo que será unha das prioridades que pode definir cal será o modelo de sociedade na próxima lexislatura se existe unha maioría suficiente, como noutros temas. Pero neste especialmente nestes días que nos toca a sensibilidade a todos por este caso concreto, pero hai moitos outros e hai moita xente que está a sufrir dun xesto innecesario e pouco humano.
Como nº1 pola Coruña é consciente dos retos que ten que afrontar. Recentemente vostede falou do traspaso da AP-9 como un obxectivo fundamental.
Ten que ter unha solución si ou si. Xa non é soamente porque o Parlamento de Galicia pronunciouse de forma unánime respecto diso, senón porque unha vez que foi tomada en consideración no Congreso durante esta lexislatura creo que non cabe outra que dar unha solución e Galicia así o merece. É a vía que vertebra o noso territorio e os galegos e galegas xa a amortizamos suficientemente o custo da AP-9. Por tanto chegou o momento de tomar unha decisión e Galicia non ten por que ser distinta a outras comunidades autónomas. Para nós vai ser unha prioridade, goberne quen goberne. Pero se gobernamos nós, aínda o reclamaremos con máis forza.
Este país está sobradamente preparado para asumir unha lei de eutanasia
Ademais diso, hai temas como a situación de Alcoa e a industria electrointensiva ou a política forestal que preocupan ao país...Estamos a tempo de atallar estes problemas?
Creo que afortunadamente, en relación con Alcoa ou as empresas que ademais dependen tanto das políticas electrointensivas, está a exporse un escenario que ata agora nunca existiu. Chámame moito a atención que o PP sexa agora tan reivindicativo e mesmo Feijóo, que é tan reivindicativo reclamando competencias para Galicia cando nunca pediu ningunha. Gustaríame saber que competencias reclamou a Xunta de Galicia con Feijóo á fronte ao longo destes anos. Eu diría que ningunha, porque non lembro absolutamente ningunha.
A diferenza do que ocorría antes é que agora hai encima da mesa unha proposta que é un estatuto para a regulación deste tipo de empresas que o necesitan porque o factor eléctrico no consumo de enerxía é tan vital e tan decisivo e ao que precisamente se lle ten inxectados fonos públicos desde os gobernos para que non se deslocalizasen, para que seguisen producindo aquí por ser un sector estratéxico, e creo que por primeira vez hai un documento encima da mesa para que se poida sumar, conformar e facer propostas. A solución ten que ser non unha solución de poxas puntuais anualmente, que ao final non solucionan o fondo, senón unha saída moito máis consistente e máis sólida. Esa é a proposta que hai encima da mesa e que oxalá poida concretarse.
Escribe o teu comentario