Gómez Reino (En Común) “O noso é o único voto útil posible para frear un goberno de PSOE e Cs”
Nesta entrevista en Galiciapress, Antón Gómez Reino advirte que Sánchez pactará con Rivera se lle dan opción. Para garantir avances como a derrogación das reformas laborais, reclama o apoio para En Común-Unidas Podemos. O líder de Podemos Galicia abre a porta a integrarse dentro dun goberno de esquerdas (di que Yolanda Díaz de EU sería unha magnífica ministra) e carga contra un PP que “parece que simplemente nos da unha foto de narcos e proxenetas”. A detención de Miramontes, ENCE, Alcoa, Ferroatlántica e o divorcio de En Marea son outros temas desta conversa na redacción de Galiciapress, a cuarta da serie de entrevistas con candidatos que polo #28A está a publicar este xornal.
Nesta entrevista en Galiciapress, Antón Gómez Reino advirte que Sánchez pactará con Rivera se lle dan opción. Para garantir avances como a derrogación das reformas laborais, reclama o apoio para En Común-Unidas Podemos. O líder de Podemos Galicia abre a porta a integrarse dentro dun goberno de esquerdas (di que Yolanda Díaz de EU sería unha magnífica ministra) e carga contra un PP que “parece que simplemente nos da unha foto de narcos e proxenetas”. A detención de Miramontes, ENCE, Alcoa, Ferroatlántica e o divorcio de En Marea son outros temas desta conversa na redacción de Galiciapress, a cuarta da serie de entrevistas con candidatos que polo #28A está a publicar este xornal.
Gómez Reino durante a entrevista en Galiciapress
Supoño que vostede xa está un pouco canso que sempre lle pregunten pola división de En Marea; pero como cree que afecta as súas perspectivas electorais?
Creo que quen está cansa é a cidadanía. Para nós é un capítulo pechado. E non só para nós, as xuntas electorais provinciais tamén puxeron enriba da mesa que o espazo de Unidas Podemos é o herdeiro do de 2015 e 2016. Despois nas municipais imos continuar coas alianzas do espazo do cambio do país. Anova é un aliado e aspiramos que en maio se consolide o cambio das mareas municipais. Aspiramos como Unidas Podemos a ir a Madrid a gobernar e a partir de maio camiñando e seguir sumando actores para reconstruír espazo en Galicia na busca de alianzas con ANOVA e as mareas municipalistas.
Ben, pero o certo é que a división de En Marea fai que o voto da esquerda en Galicia se divida aínda máis. Ante tanta oferta, en que se diferencia as súas propostas do resto de opcións da esquerda?
Temos un bagaxe político representando a voz das galegas e os galegos nas Cortes e ademais fixemos política de Estado. Claro que defendemos a transferencia e a gratuidade da AP9, claro que levamos o tema de Meirás e todos os da axenda galega; pero tamén levamos casos como a indexación das pensións ao IPC ou a suba do salario mínimo interprofesional a 900 euros; algo que foi negociado por Yolanda Díaz e Manolo Lago pola nosa parte e a ministra de Facenda. Foi algo arrancando polo noso espazo político ao goberno socialista. Así que primeiro, bagaxe político, e segundo, como todo o mundo sabe, o noso espazo debe liderar o bloque de esquerda para que haxa cambios reais. Vémolo nos concellos pero tamén no Goberno do Estado.
Que pasa co PSOE logo?
O PSOE sempre ten a tentación de caer cara o centro, de aliarse con Ciudadanos. Cantos máis deputados de En Común e Unidas Podemos haxa máis posibilidades haberá da constitución dun goberno de esquerdas e que o PSOE non pacte con Cs. Aspiramos ir a Madrid a Gobernar e aspiramos a que haxa un peso de Unidas Podemos nun goberno do Estado.
"Sánchez só non se atreve a derrogar as reformas laborais, a subir o SMI, non se atreve a avanzar e fai políticas de estancamento "
Do que di vostede pódese deducir, vistas as enquisas, coinciden todas en que o PSOE será o máis votado, que vostedes non terán problemas en axudar a nomear a Pedro Sánchez presidente do Goberno…
Nós aspiramos a gobernar, e queda un mes. Somos realistas, o PSOE está nunha boa posición, pero hai que recordar que en 2016 foron pouco máis de 400.000 votos os que nos separaron do PSOE. Agora o fundamental é facer unha boa campaña e aclararlle a todos os votantes de esquerda que se o PSOE ten un resultado que llo permita vai pactar con Ciudadanos. A única vía para un goberno de avance é que nós esteamos. Temos que evitar tanto o retroceso que sería un goberno de dereitas como un estancamento dos avances que xa logramos.
Igual é por o carro diante dos bois pero, no seu caso, para evitar ese estancamento, estarían vostedes dispostos a entrar nun goberno canda o PSOE, un goberno con ministros socialistas e Podemos …
Somos unha forza madura e que xa está a gobernar en moitos concellos e aspiramos a gobernar. Nós fomos consecuentes e responsábeis investindo a Pedro Sánchez, case contra a súa propia vontade; pero os feitos están sobre a mesa. Sánchez só non se atreve a derrogar as reformas laborais, a subir o SMI, non se atreve a avanzar e fai políticas de estancamento. Ademais, poucas ministras pode haber mellor para os sectores produtivos galegos que Yolanda Díaz como ministra de Industria, iso sería unha magnífica noticia para este país.
E se as cousas lles van ben e logran deputados dabondo para ter grupo parlamentario propio, En Común formará un grupo parlamentario de seu, galego; ou integrarase no de Unidas Podemos a nivel estatal?
Intentaremos ter un grupo propio, sen dúbida. Como o intentamos até as últimas consecuencias nesta lexislatura, chegamos a presentar un recurso no constitucional. Como vimos, o que pase depende do equilibrio de forzas na mesa do Congreso. Para que nós teñamos un grupo parlamentario propio, na mesa do Congreso ten que ser claramente progresista. Outra cousa é que nós como espazo político galego temos alianzas e esas alianzas fannos ter unha capacidade de influencia moito máis forte.
Unha última pregunta sobre cuestións estratéxicas, visto o avance do PSOE nas enquisas, e o medo entre os votantes da esquerda á influencia que poida ter Vox; non teme que todo o voto útil ao final vaia para os socialistas?
Sabemos que o establishment mediático está a traballar nese sentido. Hai un grupo de poderes económicos aos que evidentemente lles interesa que o PSOE teña un bo resultado e sobre todo que poida pactar con Ciudadanos. Nese sentido, é claro e nítido que o voto útil para un votante de esquerdas debería ser para unha forza que vai facer políticas públicas claramente progresistas, claramente democráticas, claramente transformadoras. Para frear un goberno das tres dereitas, e para frear un goberno de centro dereita entre PSOE e Cs a única posibilidade é o voto para En Común Unidas Podemos.
Usa vostede a expresión establishment mediático, moi de actualidade en relación as noticias sobre a ‘policía patriótica’ e a espionaxe a Pablo Iglesias. Dánlles medo este tipo de noticias? Que valoración fan?
É un asunto gravísimo. En calquera outra democracia avanzada isto faría tremer os cimentos non só daqueles partidos que fixeron este uso partidario das estruturas do Estado e das estruturas mediáticas que estiveron entrelazadas en toda esta estratexia. O punto primeiro dun programa de avance social e democrático ten que ser a limpeza total e absoluta das estruturas de poder do Estado. A espionaxe non foi só contra Pablo Iglesias, tamén contra forzas democráticas catalás. E esta semana vimos como o PP en Galicia segue usando de xeito sistemático elementos como a Valedora do Pobo, o uso das institucións políticas para beneficio do PP. Vemos como Feijóo e Ana Pastor, número 1 por Pontevedra, paseaban no iate co señor Miramontes, agora detido, por unha parte por participar en redes caciquís e agora por trata de persoas. A foto é evidente, o PP parece que simplemente nos da unha foto de narcos e proxenetas.
"Feijóo está demasiado acostumado a que se oculten as súas miserias"
E que lle parecen as declaracións de Feijóo, que o primeiro que respondeu cando lle preguntaron por Miramontes, foi para desexarlle sorte …
Paréceme un bochorno democrático. Feijóo está demasiado acostumado a que se oculten as súas miserias. Ocultáronse as súas fotos cun narcotraficante e agora pensa que pode saírlle gratis ocultar as súas fotos que, xa digo, durante anos estableceu redes clientelares e que agora está encausado por unha rede de trata de persoas.
Vostedes estiveron a semana pasada cos traballadores de Ferroatlántica e volveron a defender unha tarifa estábel e propia para este tipo de industrias electrointensivas. Como lle explica ás familias que teñen dificultades para pagar a súa luz que hai que rebaixarlle a tarifa a grandes compañías como Ferroatlántica ou Alcoa?
Creo que todos o entendemos perfectamente. O problema que sufrimos cos recibos nas nosas casas é o mesmo que o das industrias electrointensivas. Chámase o poder que ten a patronal da enerxía, que controla mediante as portas xiratorias con políticos do PP e o PSOE. Todo o mundo entende que o Estado debe intervir sobre o prezo da enerxía e iso ten que ver con tarifas acorde cos recursos das persoas. Ademais, ningún país avanzado deixa caer as súas industrias estratéxicas. Francia, Alemaña, Italia defenden o seu. Aquí ningúen entende como empresas altamente competitivas como Ferroatlántica ou Alcoa quedan de lado políticamente. Se Ferroatlántica ou Alcoa pechan, abrirán en países como Francia ou Alemaña. Hai que defendelas e ter vontade política. A señora Maroto e o goberno de Sánchez careceron da máis mínima decisión. Quen manda moitas veces no goberno do PSOE e do PP son as eléctricas e non a cidadanía, como sería nun goberno no que estariamos nós. Non pode ser que ENEL, unha empresa italiana, teña o control dunha empresa enerxética española como Endesa. As intervencións claras e fortes dun Goberno de Estado impedirían que situacións como as de Alcoa, Ferroatlántica, Poligal ou Isowat.
"O problema é o poder que ten a patronal da enerxía, que controla mediante as portas xiratorias con políticos do PP e o PSOE"
Falemos doutra empresa ENCE, cuxo futuro en Pontevedra depende en boa medida da actitude que tome o novo goberno sobre o recurso contra a prórroga dos terreos de Lourizán. A empresa asegura que aporta algo así como o 20% do PIB da cidade e que non hai ubicación alternativa posible. É un argumento importante dado os postos de traballo que xera …
Miles de pontevedresas e galegos saben que ENCE, ademais de emprego, xera numerosísimos problemas nas rías. Ademais, ENCE é quen dirixe a política forestal en Galicia. Un goberno maduro ten que propoñer un plan de transición para todos os traballadores de ENCE aos que hai que buscarlles alternativas, para transformar os empregos directos e indirectos nun modelo produtivo diferente. Un goberno progresista ten que conxugar a defensas do medio ambiente, a defensa do monte, pero tamén un plan de transición para os traballadores e traballadoras.
En relación con isto, acabamos de saír dun gran lume no Barbanza, onde ardeu sobre todo eucalipto, unha especie no punto de mira debido a súa relación cos incendios forestais. Que se pode facer dende o Congreso dos Deputados para limitar o eucalipto? Existe esa relación entre eucalipto e incendios?
É evidente que hai relación entre monocultivo e incendios. Parece que é ENCE quen marca a política forestal neste país. Nós xa presentamos no Congreso iniciativas no Congreso pero para que esas iniciativas sexan Lei hai que gobernar. Por exemplo, presentamos unha Proposición de Lei para que en ningún caso se poida construír, sen excepción, en ningún terreo que fose queimado deliberadamente. Así acabas cunha mafia que ten que ver co uso do monocultivo para pasta a de papel pero tamén os que usan os montes para fomentar a especulación inmobiliaria.
Escribe o teu comentario