Ana Seijas (En Marea): “Queremos un goberno de progreso en España, sen deixar atrás a Galicia"


Nesta entrevista electoral en Galiciapress, Ana Seijas Baranauskas (Compostela, 1973) estima que volverán ser "decisivos" para un goberno de progreso. Iso si, a Pedro Sánchez déixalle claro que un eventual apoio non será nunca un "cheque en branco". A actual viceportavoz de En Marea tamén destaca que nunca estarán supeditados aos intereses de forzas estatais, como Podemos e Esquerda Unida, outrora colaboradores e hoxe competidores. O feminismo, a transferencia da AP9 ou o vertedoiro de Lesta son outros temas desta conversación, a terceira na serie de entrevistas que está a publicar Galiciapress con cabezas de cartel para as eleccións xerais do #28A.



|

Nesta entrevista electoral en Galiciapress, Ana Seijas Baranauskas (Compostela, 1973) estima que volverán ser "decisivos" para un goberno de progreso. Iso si, a Pedro Sánchez déixalle claro que un eventual apoio non será nunca un "cheque en branco". A actual viceportavoz de En Marea tamén destaca que nunca estarán supeditados aos intereses de forzas estatais, como Podemos e Esquerda Unida, outrora colaboradores e hoxe competidores. O feminismo, a transferencia da AP9 ou o vertedoiro de Lesta son outros temas desta conversación, a terceira na serie de entrevistas que está a publicar Galiciapress con cabezas de cartel para as eleccións xerais do #28A.


Ana seijas en marea (2)

Ana Seijas, candidata ao Congreso por En Marea, en Galiciapress durante a entrevista


Que nota pon a estes anos de En Marea no Congreso?

A valoración é positiva. Somos unha forza seria e coherente e iso é o que lle demostramos á cidadanía. Somos unha forza galega e imos defender os intereses dos galegos e galegas nas cortes e así o fixemos, dando a valer a nosa voz e noso poder de decisión sempre en defensa das persoas, que son o noso principal interese e son aquilo polo que estamos na política, para levar as súas demandas alá onde se toman decisións que repercuten na súa vida diaria.


Vostede defende que En Marea segue sendo o mesmo proxecto que naceu en 2016, pero a formación cambiou moito nese tempo. Que cambiou desde 2016 para que se dese a ruptura de En Marea?

En Marea segue sendo o mesmo proxecto que se formou no verán de 2016 en Vigo. É un partido de adscrición individual, de carácter nacional e que é un proxecto de maiorías que ten os pés en Galicia e que está enfocado en levar as demandas das persoas en pos da igualdade alá onde se decide o seu futuro.


É un proxecto que foi cambiando porque cabe lembrar que é un proxecto que se inicia fai escasamente tres anos e que, como cada proxecto que está en construción, vai pasando por diferentes etapas. Agora mesmo temos unha marea sólida, coherente e que segue con eses principios fundacionais que nos trouxeron á política. Nós sempre falamos de que saímos do movemento 15M porque nos identificamos e demandamos esa rexeneración democrática sustentada na participación de todas e de todos e cremos que ese é o único camiño para alcanzar as solucións que precisa a cidadanía galega e o país.


Fomos evolucionando e agora estamos con este último 15M que acabamos de pasar, este 15 de marzo, onde fixamos as nosas liñas programáticas e fundamentais, como a atención ao medioambiente, a importancia de frear o cambio climático nesa demanda que fai a mocidade e que reclamaba hai uns días, compromiso coa igualdade, coas persoas e co país. Ese é o proxecto que naceu en 2016 e é a liña que seguimos, agrandándoo pola base, nesa construción que nós defendemos de abaixo cara arriba centrado nas persoas.


Como valora os últimos meses de goberno, desde a moción de censura? En Marea e a súa división á hora de votar os Orzamentos Xerais do Estado foi un dos momentos máis comentados nos últimos meses de goberno…

Cando foi a moción de censura nós por suposto apoiamos a moción de censura e apostamos por un goberno de progreso para as maiorías e esa é a nosa expectativa para as eleccións do 28 de abril. Queremos un goberno de progreso para o Estado, pero sempre defendemos que o noso apoio non pode ser un cheque en branco.


Necesitamos un compromiso coa cidadanía de Galicia e durante os meses posteriores á moción de censura, e reflectido nese proxecto de Orzamentos Xerais do goberno socialista, non vimos recollidas as demandas da cidadanía galega. Cremos que eran uns orzamentos que podían ser sociais pero que non eran galegos, porque o social vai máis aló do que plantaba o goberno, tamén é un investimento no país. Cunha diferenza de 40 puntos con respecto a outros territorios pensabamos que era un agravio co noso país e que non podiamos apoiar eses orzamentos porque o que imos defender é ese proxecto de maiorías pero centrado en Galicia e os seus intereses, algo que non estaba reflectido neses orzamentos. Non poden ser uns orzamentos onde non se teña en conta a condonación da débeda do Porto da Coruña, mentres si se expuña o do Porto de Valencia. Era un proxecto que debe apostar por un investimento en infraestruturas, que permita a cohesión territorial do noso país, unha cohesión interna e unha mellor comunicación co resto do Estado e con Europa, que permita o noso desenvolvemento económico.


Todo iso faltaba nos orzamentos e por iso nós, defendendo os intereses de Galicia, non podiamos apoialos. Esa foi a postura de En Marea como organización e foi a que trasladamos a Madrid e que defendeu Alexandra Fernández.


FRAGMENTACIÓN DA ESQUERDA

Vostede dixo hai uns días que a candidatura de En Marea era a dunha forza 100% galega e sen tutelas. É o que ocorreu na pasada lexislatura?

Cremos que non debemos estar subordinados a proxectos estales. Somos un proxecto galego que só debe ter en conta para a toma de decisións todo aquilo que sexa bo para o conxunto da cidadanía de Galicia. Evidentemente coincidiremos con outras forzas estatais nesa gobernabilidade de progreso, defenderemos os dereitos e garantías de todos os galegos e galegas e coincidiremos en moitos puntos, sempre con ese marco da xustiza social que é tan importante para nós, pero sen deixar atrás a Galicia nesa toma de decisións. Nós cremos nun Estado plurinacional, que teña un equilibrio entre os territorios, e desde logo que non pode agraviar a uns e beneficiar a outros.

O apoio de En Marea non pode ser un cheque en branco 

A ruptura de En Marea: a quen prexudica máis?

Eu non falaría de ruptura de En Marea porque como xa dixen ao principio é un proxecto que sempre estivo aberto á cidadanía, permeable ás demandas da cidadanía, dos movementos sociais…É un movemento pegado á rúa e que sempre tivo as portas abertas para todo aquel que queira integrarse nel e sumar en pos da igualdade. Pero a participación e a democracia é a esencia de En Marea. Creo que non hai ningún tipo de ruptura cando os principios que nos fixeron expornos esta alternativa para as maiorías non foron en ningún momento deixados de lado nin cambiados por outros. Por iso non podemos falar dunha ruptura de En Marea porque En Marea segue estando no mesmo sitio, con aqueles que seguen apostando polo proxecto tal e como se concibiu nun nun primeiro momento: coa incorporación da cidadanía á vida política, coa superación das siglas e os partidos, porque só unidos en pé da igualdade poderemos cambiar aquilo que non nos gusta da sociedade, das políticas que levan a cabo e así transformar o país.


Nese caso dareille a volta: Quen cre que é o principal beneficiado desta división da esquerda? Porque esa división é evidente polo simple feito do número de partidos que se presentan ás xerais.

Creo que agora é o momento de falar de propostas. Desde logo nós apostamos sempre pola unidade das forzas de esquerda e cremos que ese é o camiño. Serán as urnas as que decidan quen acertou na súa formulación. Creo que En Marea terá un gran respaldo electoral precisamente porque non demandou eses principios que demandaba a cidadanía. Co inicio das mareas locais en 2015, co fin de ir superando os antigos marcos que xa non nos valen para resolver os nosos problemas, que está claro que é un modelo que fracasou entre representados e representantes e que esta é a nova forma de avanzar. Penso que iso vai ser novamente referendando pola cidadanía. Nós cremos nunha Galicia e nun proxecto de presente e de futuro, adecuado á modernidade dos tempos e que atende ás necesidades reais da sociedade, e a sociedade, aínda que algúns falen de que a crise económica xa pasou, o que desde logo non pasou foi a crise social, e a crise social só pódese superar atendendo ás demandas da cidadanía e sabendo cales son os verdadeiros problemas da xente, e iso só pódese saber estando en contacto directo con eles, dándolles voz e tendo capacidade de decisión.


OBXECTIVO: GRUPO PARLAMENTARIO

As últimas enquisas non son do todo positivas para as aspiracións de En Marea. Preocúpanlle?

As enquisas dannos representación, polo que imos ser decisivos para ese goberno de maiorías. Evidentemente as enquisas son só unha parte e nós o que debemos facer é centrarnos na campaña, expoñer as nosas propostas á cidadanía, ese contrato que expón En Marea para coa cidadanía e seguir recollendo as demandas e interaccionando con todos os galegos e os resultados veranse o 28 de abril. Desde logo considero que partimos desde unha posición de forza e así o demostran as enquisas. Seguiremos avanzando para lograr ese cambio ao que aspiramos.


Se En Marea non saca os suficientes escanos como para formar grupo parlamentario, estaría disposta a integrarse con Podemos?

Agora mesmo estamos con toda a forza e toda a ilusión para poder chegar a ter eses deputados que nos permitan falar de ter un grupo propio. Estamos no bo camiño e espero que esa aspiración véxase cumprida. Despois das eleccións veranse as posibilidades que existen, como se pode conformar unha maioría de progreso ou como se pode conformar un goberno para a xente do Estado. Pero iso serán cuestións que se resolverán máis adiante. Agora imos a por todas e a por ese grupo parlamentario e a convencer e demostrar aos galegos que somos a única forza á esquerda do PSOE que vai posibilitar ese cambio de progreso e de maiorías que necesita o país.


Sen saber os resultados: se logra acta de deputada… a quen votará de presidente?

Apostaría por un goberno no que sexan as persoas e a xustiza social o horizonte. Aquel presidente que non deixe ao meu país nin a Galicia atrás. Desde logo o que eu desexo é un goberno de esquerdas para o Estado.

Estamos con toda a forza e a ilusión para chegar a ter un grupo parlamentario propio 

Teme que Galicia experimente un aumento da ultradereita como está a ocorrer noutros puntos de España?

Creo que en Galicia non ocorrerá o que pasou en Andalucía ou noutros sitios. Debemos poñer freo á dereita pero facer nós propostas que nos afasten dese discurso de odio e de bloques no que nos queren envolver a todos. Temos que traballar para que as persoas teñan unha vida digna e poidan resolver os seus problemas, que abandonen a precariedade laboral, para que non haxa un 25% de persoas en exclusión social…Ese é o camiño que acaba cos enfrontamentos e as dinámicas de bloques nos que En Marea non quere entrar.


OS RETOS DE GALICIA

Como nº1 pola Coruña é consciente dos retos que ten que afrontar: a AP-9, a situación de Alcoa e a industria electrointensiva...Estamos a tempo de atallar estes problemas?

Por suposto. En relación á industria electrointensiva nós presentamos unhas alegacións ao estatuto dos consumidores de electrointensiva e consideramos que o que está a ocorrer é inxusto, que debe haber unha regulación adecuada do mercado das eléctricas, porque levamos moitas décadas nas que uns poucos están a beneficiarse mentres outros quedan atrás. Non só a industria, senón tamén que se están cargando os custos ao conxunto da cidadanía, e é un grave problema os recibos da luz, que nos afectan a todos porque todos coñecemos a moitas familias que teñen que decidir se destinan diñeiro a alimentos ou a poñer a calefacción dúas horas. Eses son os problemas reais para os que teremos voz e capacidade de decisión para frear ese tipo de cuestións.


En relación a outros temas, pois tamén nos preocupan as conexións ferroviarias, como o fixemos ver cos PGE. As conexións dos portos coas infraestruturas ferroviarias para ser competitivos e que as nosas mercadorías poidan saír do país. Ou a rexeneración da ría do Burgo, unha cuestión central como o medioambiente e ese freo que debemos poñer contra o cambio climático, que pode ser revertido, pero temos que actuar xa. Eu, aos meus 45 anos, levo oíndo o do cambio climático practicamente toda a vida e parecía que era algo que non ía afectar á miña xeración nin ás inmediatamente seguintes, pero xa está aquí e temos que actuar. Hai posibilidades de frealo, pero non se pode sacar das axendas e por iso poñémolo no centro.


E hai outra cuestión fundamental na que temos que insistir: a igualdade. Non podemos avanzar como país e ter un desenvolvemento social e económico se a metade da poboación queda excluída. Estaremos para garantir o dereito das mulleres e para garantir a igualdade real que algúns partidos tratan de poñerlle coto e que tratan de levarnos a épocas pasadas das que non queremos nin pensar nin falar porque non é posible avanzar sen ter en conta ás mulleres.


Fai fincapé en temas como o Porto da Coruña, ao medioambiente, está moi ligada a loitas como a da plataforma contra o vertedoiro de Lesta. Entendo entón que espera facer presión desde Madrid a problemas que son máis de ámbito autonómico e non tanto estatal.

Desde logo. Imos apoiar todos os movementos que preocupan ao país. En Marea estivo alí onde se está tratando de depredar o noso país. Eu estiven a semana pasada en Teo nas protestas dos veciños contra Toysal, estamos a nos manifestar contra a mina de Touro á beira dos movementos sociais, que son os que teñen que liderar eses cambios que precisa o país e poñer freo a esa lei de depredación que se aprobou hai ano e medio.


Desde as institucións o que faremos será tomar decisións que traten de reverter a deterioración do territorio, a especulación, o poñer en mans do capital o noso futuro. Non quero un país que sexa un deserto de eucaliptos. Quero que a miña terra sexa a miña despensa, e aí hai moito polo que traballar e defenderemos esas políticas tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos deputados. 



Ana seijas en marea (1)A candidata durante a entrevista en Galiciapress



relacionada Néstor Rego: "Sen o BNG no Congreso, Galicia perdeu atención aos seus problemas "
relacionada Beatriz Pino (Cs): "Calquera español debe ter a mesma posibilidade de ser contratado en calquera parte de España "
relacionada Estes son todos os candidatos en Galicia para as eleccións xerais do #28A

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE