Baltar gasta 5.000€ públicos en viño en adega dun candidato do PP, desvela a oposición

A Deputación de Ourense, que preside o popular Manuel Baltar Blanco, gastou un total de 4.820 euros en caixas de viño da adega Cachín (D.Ou. Ribeira Sacra), propiedade do empresario César Enríquez, actual candidato do PP á Alcaldía de Castro Caldelas. Esta factura de outubro de 2018 figura, segundo desvelou o PSOE, na listaxe de pendentes de pagar e que terá que ser aprobada mediante recoñecemento extraxudicial de crédito.

|

A Deputación de Ourense, que preside o popular Manuel Baltar Blanco, gastou un total de 4.820 euros en caixas de viño da adega Cachín (D.Ou. Ribeira Sacra), propiedade do empresario César Enríquez, actual candidato do PP á Alcaldía de Castro Caldelas. Esta factura de outubro de 2018 figura, segundo desvelou o PSOE, na listaxe de pendentes de pagar e que terá que ser aprobada mediante recoñecemento extraxudicial de crédito.



Baltarblanco

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense


"IRREGULARIDADE" QUE DEBE SER APROBADA EN PLENO

Os socialistas ourensáns han denunciado que esta compra "incumpriu" a base 29 do orzamento da Deputación do ano 2018, é dicir, "vulnerou as fases de xestión do gasto de fondos públicos". Agora é preciso que se valide esta factura no pleno de marzo, órgano no que PP ten maioría.


O PSOE de Ourense lamenta que os deputados do PP "deberán validar esta irregularidade co seu voto persoal no pleno co único fin de que o seu compañeiro de filas do municipio de Castro Caldelas cobre a factura paga polo viño".


Ademais, lembra que os recoñecementos extraxudiciais de crédito son procedementos excepcionais conducentes á conversión de actos que, conforme ao ordenamento xurídico, "son nulos de pleno dereito, pero esta invalidez non exime ás administracións pública da obrigación de pago adquirida". O próximo pleno, segundo a información achegada pola deputada socialista, terá que validar recoñecementos extraxudiciais por valor de 215.000 euros.


"ESCÁNDALO MAIÚSCULO"

Ante esta situación, a portavoz do PSOE en Ourense, Elvira Lama, denuncia que se trata de "un novo escándalo do uso partidista que o PP fai da Deputación, comprando alcaldes, alcaldesas e alcaldables a golpe de talonario público".


"Gastar 5.000 euros públicos en viño é un escándalo maiúsculo, pero facelo ademais irregularmente, incumprindo manifestamente os trámites administrativos básicos, co único fin de comprar candidatos para o teu partido, é indecente", remarcou Lama, antes de asegurar que están "seguros" de que "non é o único caso nin o único gasto deste tipo".


Por iso, os socialistas advertiron de que seguirán "fiscalizando" todos os pagos da Deputación para frear os "fastos de viño e rosas de Baltar". "Cando hai uns días denunciabamos que Baltar unta a alcaldes con euros da Deputación, non nos equivocabamos", incidiu a portavoz socialista.


FICHANDO ALCALDES TRAS OUTORGARLLES SUBVENCIÓNS

No mesmo comunicado, o PSdeG lembrou que denunciou recentemente que o presidente da Deputación "pretende dopar ao Partido Popular de Ourense mediante unha compra sistemática de votos e votantes, usando os orzamentos da deputación e incumprindo as normas pactadas que regulan a decencia política no pacto antitransfuguismo para o seu beneficio persoal, co fin de manter os votos do PP no rural e non perder a deputación que herdou do seu pai".


Nos últimos tempos, segundo o PSOE, este proceder "permitiulle fichar" a rexedores en Cortegada, A Bola, Rairiz de Veiga, Os Blancos, A Mezquita, Gomesende e San Xoán de Río.


O PSOE lembra que esta formación goberna desde hai tempo Castro Caldelas "cunha excelente xestión municipal", polo que esixe a Baltar "que deixe de caciquear cos fondos da Deputación para tentar tapar as miserias do seu partido nos municipios onde non goberna o PP".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE