​Para todas, todo

Paula Quinteiro
Deputada no Parlamento de Galicia

Paula Quinteiro Araújo (Vigo, 1990) é diplomada en enfermería pola universidade da súa cidade natal. Traballou como enfermeira no SERGAS. Desde 2016, é deputada de En Marea no Parlamento de Galicia. Milita na corrente de Anticapitalistas Galiza, que participa en Podemos Galicia.

Que o 8 de Marzo do 2018 foi un éxito é algo indiscutible. Un ano despois, tampouco temos ningunha dúbida de que a nosa forza nas rúas volverá a ser imparable.


Temos que aproveitar esta oportunidade, de nós depende, para superar os riscos de involución e retroceso que aínda percibimos e sufrimos a diario. O machismo que, nunca marchou, pretende arrinconarnos en posicións defensivas e conformistas, mais os dereitos conquistados non son froito da benevolencia do progreso lineal, ou da emancipación dos “tempos modernos”. Son froito da loita de tantas que nos precederon, unha loita que non pode rematar se sabemos o que nos xogamos. Xogámonolo todo: o noso tempo, o noso corpo e as nosas propia vidas, enaxenadas e mercantilizadas ata o extremo na habilmente disfrazada distopía neoliberal.


Cansámonos de décadas de silencio e de naturalización do noso malestar e da nosa dor. Somos milleiros as mulleres dispostas a mudar por completo a maneira de relacionarse e entender a vida, resoltas a non pararse no principio do camiño.


Ese principio do camiño que fala da necesidade de repartir os coidados, mais en cuestionar demasiado a responsabilidade e a carga mental que recaen sobre as mulleres, fronte ao “misericordioso” e “case heroico” acto da participación masculina no reparto destas tarefas, ao redor das cales seguen a existir múltiples prexuízos de xénero.


Un dos éxitos do pasado 8 de Marzo foi a visualización destas realidades ocultas. Extraelas do ámbito privado para dar contas da trama estrutural de opresións que se atopa detrás de cada una delas, e que non podemos aceptar como algo natural.


Estes cuestionamentos, que provocaron a activación e o posicionamento de boa parte da sociedade, tamén fixeron mudar algunhas posturas precedentes, polo menos no plano discursivo. De feito, o xiro de partidos reaccionarios como o PP e Ciudadanos non se fixo esperar. Resultado dunha conquista paciente da hexemonía por parte do movemento, as críticas das semanas previas deron paso a un intento de banalización e cooptación nada disimulado por parte destes.


Por outra banda, a confusión habitual coa que a dereita recibe as mobilizacións contestatarias, alimenta os seus intentos de apropiarse das nosas reivindicacións con doses extremas de manipulación, ao tempo que endurecen os seus ataques, móvendos nun equilibrio precario entre o reaccionario das súas ideas e o oportunista dos seus discursos: `somos feministas’, din, xusto antes de engadirlle ao feminismo o apelido que toque e que o baleire de contido.


Para nós, o 8 de Marzo non é un ritual, é unha data na que loitar e celebrar, na que rearmarse e coller impulso para loita polas nosas vidas vivibles, libres e felices.


E este é un camiño que facemos xuntas, cara á emancipación, que nunca será un pracer solitario, pois sabemos que a nosa mellor arma está no pensar e actuar colectivo.


Facemos folga por nós mesmas e por todas as que a farían pero non poden. Paramos porque querémolo todo para todas!


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE