Concelleiro do PP que foi a acto de Rivera deixa o cargo entre rumores da súa candidatura por Cidadáns
Os rumores que sitúan a Mourelo como candidato laranxa nas próximas eleccións dispáranse, ao deixar o seu cargo e recoñecer distanciamento ideolóxico co seu actual partido
Francisco Mourelo, edil do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, presentou este luns a renuncia á súa acta de concelleiro, segundo confirmaron a Europa Press fontes do partido.
Mourelo, á dereita, nun acto do Día da Hispanidade
Esta renuncia farase efectiva o próximo 14 de xaneiro no pleno que celebrará a corporación municipal, segundo precisaron, tras a medida adoptada polo edil.
O concelleiro atribuíu esta renuncia a unha "decisión persoal" que, segundo comunicaría, levaba tempo meditando, pero que optou por materializar agora, a uns catro meses das eleccións municipais.
O pasado mes de novembro, o edil foi visto nun acto celebrado por Cidadáns coa presenza do líder da formación laranxa, Albert Rivera, e coa participación tamén do exalcalde herculino, Francisco Vázquez. Tamén rebotou mensaxes de Albert Rivera nas redes sociais recentemente.
Preguntado pola súa asistencia ao acto dos seus rivais, Mourelo xustificou que fora a comprobar se as ideas laranxas lle gustaban. O político admitiu distanciamento "ideolóxico" co PPdeG e argumentou que necesita certo tempo para avaliar a evolución política.
Mourelo foi concelleiro de Educación e Deportes durante o mandato do exrexidor do PP Carlos Negreira antes de que a Marea Atlántica accedese ao goberno local.
Escribe o teu comentario